Pedro Silva

Paredes de Coura 2019, Día I: Bailes e emocións

Falar do Paredes é, polo xeral, achegar a alguén a unha das experiencias festivaleiras máis completas que un pode imaxinar. Aínda coincidindo naquelas experiencias con moitos outros, o cariño co que se fai todo, o ambiente paradisíaco no que se desenvolven as actividades do festival fora do recinto en si, e o coidado amosado á hora de realizar o márketing ao redor deste, conseguen que sexa difícil atopar fallos a primeira vista.

Nun ano na que a inmensa maioría de festivais avogan por introducir música latina nos seus cartaces, con Bad Bunny e J Balvin como principais ofertas, engadindo polo común a Rosalía pola súa conexión coa música urbana, sen facer os mesmos sons exactamente, o Paredes de Coura mantén un nivel máis habitual dentro do que é: sons experimentais, apostas seguras nos cabezas de cartaz, grupos míticos e moitos pogos. Así, achegámonos a un cartaz no que as sorpresas foron máis diminutas que enormes, onde os descubrimentos viñan da man de deixarte caer en concertos a horas intempestivas, e sempre estes con sons que fosen sinxelos de asimilar para os asistentes do festival.

O primeiro día de Paredes de Coura cumpre historicamente un papel de presentación ao festival: o recinto abre soamente durante o día o seu escenario principal, este ano chamado Palco Vodafone, en nome da compañía telefónica que tamén promociona o festival, e utilizando o palco pequeno, que funcionaría a partir do seguinte día, xoves, soamente habilitado para as horas de madrugada a modo After Hours. Se ben o escenario pequeno funciona como un escenario similar ao que se poden atopar en festivais de toda a península, a situación do escenario principal é envexable e pouco común, da que podemos sacar similitudes co escenario do noso Son do Camiño: trátase dunha longa costa de herba natural, preparada para o festival e agochando a mesa de son coa inclinación propia desta. O resultado? Coa axuda dun equipo de son dun calibre envexable, os concertos do palco principal permiten ao público escoller a maneira na que desexan ver os concertos, sentados ou en pé, sen molestias entre públicos nin cabezas bloqueando o escenario.

Naquela enorme costa, Bed Legs abriron o festival co seus rock e blues de curte clásico, para deixar sobre as pistas do palco principal os primeiros levantamentos de polvo dos pes que decidiron achegarse ata eles a unha hora tan ceda. Tras eles, chegou a primeira oferta internacional e na que a xente comezou a achegarse en primeiras masas ao recinto do Paredes de Coura: Julia Jacklin, quen ven de sacar un deses discos sonados a figurar en calquera lista anual neste 2019: Crushing.

Pedro Silva

Con ritmos marcados por unha intensa e melancólica batería, a melosa voz de Jacklin fíxonos pechar os ollos e cavilar para nós mesmos a través das súas letras. Non faltaron palmas, pequenos bailes e agradecementos da cantante a un público esperto, como só un primeiro concerto grande de festival pode conseguir. Cun respecto enorme polas súas cancións, con cantos ás veces entre o berro e o murmuro, Julia encantou. Tocou soa no escenario ante a atención do público o tema Body posteriormente para pechar ca esperada Pressure to Party. Como principal problema atopamos o mesmo que no traballo de estudo, e é que a música de Julia debe gustarche moito para poder conectar con ela durante un concerto enteiro. Con todo, a elección de elas como concerto desta hora foi adecuado, xa que permitiu á xente achegarse con ilusión e amabilidade aos concertos posteriores.

De Julia Jacklin pasamos a un dos concertos con máis mobilización de fans do día, e é que falar dos Boogarins é achegarnos a un dos grupos que máis habilidade tivo para conseguir unha base fanática fiel, que se move a velos cando teñen a oportunidade e que, como non, están dispostos a sentir con eles na pista todos os sentimentos que as súas letras achegan consigo. Conta tamén, obviamente, o factor de similitude e familiaridade que o brasileiro ten co portugués, facendo de Portugal, pois, unha das máis grandes cumes dos fans do grupo do Brasil.

Os Boogarins viñan a celebrar no Paredes de Coura varias cousas: primeiro, a saída do seu cuarto longo, Sombrou dúvida, a mediados deste mesmo ano; o segundo, o final da súa xira europea tras pasar por Francia, Alemaña ou Polonia, entre outros. E, obviamente, deixaron para o final o que sería o seu concerto máis feliz.

Pedro Silva

A conexión co público, sobre todo nas fías máis afastadas, custou . Fernando Almeida, achegando a súa voz a ese murmurio psicodélico que tanto podería recordar aos Tame Impala dos Innerspeaker e  Lonerism, baixándolle unha marchiña máis polo medio, tardou en arrincar a todo o público en danzar lentamente os ritmos da banda brasileira, mais conseguiu deixar un moi bo sabor de boca e un público arrincado en aplausos de celebración.

Tras os brasileiros, chegou o turno dos alemáns Parcels, cuxa xuventude xamais foi un problema e o seu debut leva xa case un ano sendo algo que buscar socorridamente desfrutar nunha  pista de baile. Foi inevitable, nuns comezos, pensar que Parcels cumpría a perfección suplir a outro dos grupos máis interesantes do ano pasado, Jungle, que foron os encargados de facer vibrar os pés dos asistentes cun son moi similar o ano pasado.

A conexión con Parcels foi instantánea grazas ao visual e cariñosa. De repente, cinco rapaces subiron ao escenario cunha estética setenteira a máis non poder, sorrindo sen parar e contaxiando os seus sorrisos ao público. E, para que mentir, o parecido a George Harrison de Jules Crommelin, o guitarrista principal do grupo, foi froito de comentarios ao longo do público do festival en todas as esquinas da costa.

A música vibrou durante todo o concerto, e chegados á terceira canción, Lightenup, pouca xente quedaba xa sentada en canto de estar bailando e erguendo as súas mans cara o público, fora en sinal de admiración ou aplaudindo aos ritmos da música discotequeira que trouxeron consigo, poñéndonos dos nervios, ao límite da taquicardia. Chegando a un punto onde non bailar é imposible.

Xunto a isto, temos que engadir que non só os nervios xogaron na conexión do público coa música dos Parcels, senón o seu tino á hora de acompañar a súa música de outros sons nos que o público, neste caso de maioría portuguesa, puideran verse familiarizados. Así, no ecuador do concerto, Patrick Hetherington, quen ás veces cumpría a función de band leader, subiu ao seu teclado cunha radio e comezou a procurar nas emisoras ata atopar onde estaban a poñer Encosta-Te A Mim, de Jorge Palma, abrindo os seus brazos ante a inmensa ovación do público que comezou tamén a cantar dito tema. E volveron os bailes, as luces e o epiquismo sonoro, culminando o concerto cunha marabillosa interpretación de My Enemy chea de enerxía e rompendo en aplausos todos os presentes para a sorpresa e as caras de ilusión dos músicos sobre o escenario.

Pedro Silva

Cabe destacar que, con todo, os Parcels deben cambiar algo na súa maneira de crear música, e é que toda a intensidade, emoción e evolución que aparece nos seus directos está ás veces demasiado irrecoñecible nos seus traballos de estudo, sendo incluso máis caótica a diferenza no seu EP de 2016 que nos traballos do seu álbum do ano pasado.

Da conexión vibrante dos Parcels, a empatía do público deu un xiro de 180 grados para o seguinte concerto, a dos xa máis que internacionais The National, capaces de chegar a un público extenso preparado dende o primeiro minuto un para chorar coas súas cancións e amosar unha admiración, sobre todo por Matt Berninger, cantante e letrista principal do grupo, digna das grandes figuras musicais doutras épocas.

E foi esa conexión a que permitiu a esas baladas profundas, serias, tristes, introspectivas e melancólicas atopar o seu lugar no Paredes de Coura case á unha da mañá, cun público canso de bailar, cun subidón moral impresionante tras Parcels, que aínda con todo cantou e chorou cos temas da banda ata o final.

Esa personificación da banda ao redor de Matt Berninger, que só é capaz de aparecer nos grupos máis grandes, como serían os Radiohead de Thom Yorke, os Blur de Damon Albarn ou os Suede de Brett Anderson, non só coñecidas polo público, senón tamén por eles mesmos. Así, as conexións co público foron todas obra del, tentando achegarse aos espectadores con comentarios sobre subirse a árbores, baixando ao público a que estes sobasen ao cantante ou anécdotas relacionadas co festival, como aquela vez na que a banda, Berninger incluído, estiveran entre o público xa a anos vista vendo a Nick Cave.

Unha vez rematada a catarse emocional do concerto de The National, o Paredes de Coura retomou o ritmo co inicio dos concertos ‘After Hours’ nos que destacaron Kokoko!, unha banda da República Democrática do Congo que conseguiu poñer a bailar e mesmo a cantar a todo o público que se atopaba no segundo escenario do festival.

Pedro Silva
Pódeche interesar...
FKA twigs – MAGDALENE