Pedro Silva

Paredes de Coura 2019, Día II: Controlando o caos

En si, de maneira similar tamén ao resto dos festivais do mundo, o Paredes de Coura non aporta sorpresas sobre como distribuir aos grupos nos horarios: comezan grupos pouco coñecidos, a maioría de veces locais, seguidos dun grupo ou artista que tire cara ao folk para que a xente, co sol e a brisa das sete da tarde, poida sentarse a ver os concertos. Posteriormente, chegarán os grupos grandes —tal vez incluso un pouco tarde— con solapes de renome no escenario máis pequeno, e pasarán directos á música techno e ás ofertas arriscadas a horas de madrugada nas que, ou apetece iso ou non hai outra cousa, respectivamente.

Cave Story cumpriron o cupo de grupo local que abre o festival. Khruangbin e Stella Donelly funcionaron de teloeiras de calidade, e Alvvays cumpríu ese papel de artista das sete da tarde que onte tivo Julia Jacklin. Con todo, a expectación era maior, e a cantidade de xente bailando e sorrindo ante as cancións, tamén.

No seu momento, tempo antes do festival, á hora de crear a nosa lista de concertos imprescindibles estaba alí Alvvays como definición de música de verán. Así, a hora era a perfecta para conectar con ela. Con todo, e ante a sorpresa, resultaron algo… baleiras, ás veces. Non malinterpretar estas palabras: por suposto, soaron ben, mais ás veces parecían con problemas para conectar co público alí presente, que deixou ás veces incluso pasar máis dunha das cancións máis coñecidas do grupo por falar cos seus acompañantes.

Pedro Silva

Alvvays parecían nerviosas, un pouco tímidas de máis, incluso, para unha agrupación que leva con maior proxección xa dous anos nos focos da crítica especializada tras o seu grandísimo Antisocialites, do que non fallaron temas como In Undertow ou Not My Baby, como tampouco faltaron Archie, Marry Me ou Adult Diversion do seu álbum debut, o cal tampouco chegou nunca a pasar desapercibido. O tema saltado e celebrado, ese que che fai celebrar á perfección o verán, tamén soou: quen podería non conectar con Dreams Tonite?

Boy Pablo tocou no escenario pequeno, que non foi suficiente para acoller a un dos artistas máis demandados nesta edición. O limitado tempo só lle permitiu tocar seis cancións, que porén foron suficientes para acender ao público desde os primeiros riffs de Everytime ata os últimos de Losing You. O noruegués deixou claro que apareceu no panorama musical alternativo para quedarse.

De volta no escenario principal, era o momento dun dos que non faltarían en calquera ránking dos asistentes ao festival: Car Seat Headrest subiron ao escenario, cun Will Toledo con cada vez máis pelo e delgado, mais sen cambiar as súas características gafas de pasta. Car Seat Headrest foi, durante a maioría da súa historia, un proxecto en solitario deste, pasando a ser unha banda a partires do 2015, coincidindo coa súa firma con Matador Records. Dende entón, lanzaron dous albumes en dous anos: Teens of Style (2015) e Teens of Denial (2016), conseguindo co último unha importante fama internacional. O seguinte foi re-gravar en 2018 o fantástico Twin Fantasy, adaptándoo a un son máis acorde coas expectativas e habilidades actuais da banda.

Con todo, a pesares de que este ano non pasaron por estudo, é inevitable ver como se alaba na crítica no que vai de ano un disco de Car Seat Headrest chamado Commit Yourself Completely. Por que? Ben, porque neste álbum, gravado en directo en diversas localizacións dos Estados Unidos, Francia e Reino Unido, vese reflexada á perfección unha enerxía e unas gañas que só os de Will Toledo poden traer.

Pedro Silva

O directo é incluso sobrio, cun Will Toledo rodeado dos músicos que o acompañan, dos cales non se pode dicir que en especial acheguen enerxía extra ao traballo do de Virxinia, mais axudan a mostrar todo o que o autor foi creando en solitario durante os anos anteriores a tocar como banda. Bebendo disto, o directo remata cheo de xúbilo.

É inevitable, á hora de falar de New Order, recordar de onde veñen. Desa alargada sombra que chegou con Ian Curtis e o que fora e segue a ser un dos grupos máis importantes da historia, Joy Division. Das cinzas daquel post-punk, e tras encherse de sintetizadores e teclados, apareceu ese synthpop despreocupado e melódico da nova agrupación.

Con todo, toda aquela influencia é inesquecible. New Order, no canto de tentar esquecer ou afastarse daquela estela, tomaron no seu día unha brava decisión: celebrar aquela estela, ser os primeiros admiradores dos Joy Division, achegar os seus temas ao seu estilo e adaptalos perfectamente á súa nova música.

Nas grandes pantallas do escenario principal do Paredes de Coura, nun branco e negro que destacou durante todo o concerto en contraste cos coloridos deseños que os de Manchester decidiron amosar para acompañar os seus temas orixinais, ergueuse unha bandeira branca xunto a outra negra, tendo esta última impresa a portada de Unknown Pleasures.

Chegada a terceira canción, tras os bailes de Restless, as guitarra de Sumner comezou a debater acaloradamente co baixo de Tom Chapman a medida que as bandeiras se erguían. Non era un debate descoñecido para ninguén, senón as primeiras notas de She’s Lost Control. A atmosfera de felicidade rompeuse, e ese caos aclamado no xa máis que mítico tema apoderouse de todo o público de Coura. De repente, todo se esqueceu. As cancións que serviran de asentamento quedaron practicamente esquecidas, e entramos nun túnel escuro onde a única guía ata o final do concerto foron as luces de cores fosforitas que aparecían nas pantallas.

Pedro Silva

Pasaron unha e outra canción, sen descanso, con cantos a todo volume dende o público. Cantáronse Tutti Frutti, Bizarre Love Triangle ou True Faith. E todo pareceu de novo unha preparación para o tema estrela do grupo: Blue Monday. As ovacións repetíronse, chegando a puntos insospeitados. E unha e outra vez, repetiuse ese mantra de “Tell me, how do I feel? Tell me now, how should I feel?” guiados por ese machacón baixo de Chapman que nos leva con forza aos sons da batería de Stephen Morris.

O concerto rematou cun bis, onde apareceron de novo as bandeiras de Joy Division, aparecendo e desaparecendo na pantalla mentres se amosaban fotos de Ian Curtis. Soou Atmosphere e rematou Love Will Tear Us Apart, frase que foi repetida unha e outra vez polo público que buscaba a saída do escenario, sen querer que rematase a experiencia vivida.

O nivel foi demasiado alto. O cansancio tras a intensidade do concerto, tamén. Con todo, houbo quen puido manter os ánimos en alto: Chegados ao After Hours, con algo de retraso mentres o concerto de Capitão Fausto remataba, chegou o turno dos franceses Acid Arab, e en directo!

E sen pausas: a conexión entre temas foi case automática, onde os bailes dos pés cansados do público non se movían practicamente da súa posición inicial. A excitación foi enorme, e o ritmo que levaron os Acid Arab foi perfecto, conseguindo que a sesión resultara excelsa.  

O segundo día destacou por unha impresionante habilidade dos cabezas de cartaz, deses nomes tan soados e que tanto chaman á vista, para non decepcionar a todo aquel que se achegara a ver os seus directos, conseguindo unha perfecta síntese entre público e espectáculo.

Pódeche interesar...
O cine feito por mulleres toma protagonismo no Mufest