Pedro Silva

Paredes de Coura 2019, día III: Black Midi contra o mundo

A mañá do terceiro día os nervios comezaron antes do normal. A diferenza que outros días, había especial ilusión nos grupos que se encargaban de abrir o festival por coñecemento e experiencia: O primeiro concerto deste día no escenario pequeno era dun grupo que tiveramos a oportunidade de ver non fai moito, durante o Melona Fest: Derby Motoreta’s Burrito Kachimba.

Os Derby foron unha das nosas mellores sorpresas deste ano. E non se trata só de que a experiencia en directo fora algo impresionante, senón que o seu primeiro álbum, homónimo, lanzado este mesmo ano, é unha experiencia digna de escoitar onde o toque quinqui está tan vivo como no directo.

O espectáculo estaba garantido, e así foi: as continuas baixadas ao público, participacións nos pogos, os abrazos efusivos e o son que os caracteriza foron máis que suficientes como para encantar a todos os que escolleran madrugar para velos, confirmando o directo como unha experiencia que paga a pena vivir. Chegados á hora da despedida, entre emotivos gritos de xúbilo, o guitarrista da banda despediuse cun “Vémonos en Black Midi”.

Pedro Silva

Á hora de falar de Black Midi, debemos recordar que apareceu na nosa lista dos concertos máis esperados deste festival. Ese post punk e math rock co que experimentan en Schlagenheim non é para poñelos en lugares máis invisibles. Esperemos que algún día, de feito, non precisen presentación algunha.

E, coma o prometido é débeda, cumpriuse: chegado o momento, alí estaba o guitarrista de Derby, dirixindo pogos, bailando, chocando e participando na atmosfera que conseguiron crear Black Midi. Un espectáculo que tornaba cru, incesante, onde os ritmos movían cabezas e ao mesmo tempo chamaban a un tornado diante deles, intercambiándose choques, golpes e gritos, ao mesmo tempo que, incesantemente, voaban persoas froito da tormenta.

Daquel crowdsurfing marabilloso, tal vez aínda demasiado emocionados, chegou a hora de Deerhunter, cuxo directo resultou algo máis aburrido do que era desexable. Con todo, o setlist foi impecable: se ben Why Hasn’t Everything Already Disappeared?, o seu último álbum, tivo moita presenza, os de Atlanta escolleron Halcyon Digest como fio principal do concerto, sendo unha experiencia fantástica.

Pedro Silva

A calma e a introspección continuaron á hora de afrontar o seguinte concerto, e Jason Spaceman subiuse ao escenario xunto ao resto de Spiritualized para dar o seu sermón relixioso. Con todo, non houbo grandeza nin especial referencia cara o líder da banda: escorado a unha banda do escenario, acompañado dun coro e sen erguerse nin un só momento, Jason cantou moitas desas baladas que volven a Spiritualized unha das bandas máis interesantes en activo, fraqueando moi poucas veces ao longo da súa carreira e acertando unha vez máis sobre o que, esperemos, non sexa o seu último álbum, And Nothing Hurt.

Tal vez o maior problema do concerto, con todo, non fora a súa capacidade emotiva, da cal non se poden poñer pegas, senón de que de ser unha xira de despedida as cousas parecen moito máis estrañas do que deberían: And Nothing Hurt foi o único disco con verdadeira presenza no concerto, e deixando de lado grandes discos como Sweet Heart Sweet Light ou  Pure Phase, cunha presenza testemuñal do resto de albumes.

Pedro Silva

Tras seu concerto anterior en Paredes de Coura en 2015 que deixara un gran sabor de boca, Father John Misty voltou ao festival portugués este ano, desta vez como cabeza de cartaz. Con dous grandes discos publicados entre medias, Josh Tillman centrou a maior parte do setlist no mesmo traballo que estaba a xirar hai catro anos, I Love You, Honeybear.

As cancións desta volta soaron máis pulidas, cunha banda moi sólida detrás, mais ao mesmo tempo todo semellaba máis ensaiado, con menos oco para a improvisación e a espontaneidade, o que fixo sentir o concerto algo máis ríxido que o que se viviu nese mesmo escenario en 2015. Quizáis por esta razón, xunto a unha duración da actuación algo menor que a do resto de cabezas de cartaz que pasaron polo festival este ano, o de Father John Misty non foi o concerto máis memorable do día, a pesares da súa solvencia.

Pedro Silva
Pódeche interesar...
O Tempo Contigo: Makoto Shinkai pérdese na estela de Your Name