Pedro Silva

Paredes de Coura 2019, día IV: Reivindicacións dentro e fóra da música

Se o venres a festa comezara por todo o alto con Derby’s Motoreta Burrito Kachimba, para chegar despois á calma, o último día, tal vez por añoranza dos días anteriores e da experiencia habitual, voltou todo ao seu cauce habitual aínda que con experiencias diferentes ao longo do día. Con todo, o espectáculo mantívose tenso dende o primeiro momento.

Dende a saída do Bury Me at Makeout Creek, a carreira de Mitski non fixo máis que crecer. Aclamada pola crítica dende aí, seguindo de grandes éxitos en Puberty 2, a súa fama internacional alcanzou números ata entón descoñecidos coa saída o ano pasado de Be the Cowboy. O seu mellor álbum? Non, mais si dunha capacidade atmosférica e melódica, á par que accesible, que non tivera en discos anteriores que si foran máis completos.

O escenario de Mitski é simple, ecléctico, cunha mesa como único espazo sobre e ao redor do cal moverse. A súa voz e impasibilidade foron as encargadas de atopar nunha hora máis ben ceda unha conexión co público preciosa, emocionante, onde sentir era unha obriga e ao mesmo tempo un pracer.

Foi un concerto longo, mais o mesmo tempo sen pausas nin momentos nos que sentir cansancio do espectáculo, onde todos os discos, e en especial os tres citados anteriormente, tiveron unha presencia case idéntica. Ningún tema esperable quedou fora, e a finalización co trío Happy, Two Slow Dancers e Carry Me Out toda unha experiencia. Mitski cumpriu con todo o que se lle podería pedir a unha artista á súa altura.

Sen cambiar de escenario, e precisando un momento de recuperación tras Mitski, a espera ata Patti Smith pareceu lenta. Con todo, era imposible atreverse a perderse o que ía pasar: Tal vez á hora de afrontar un concerto dunha lenda da música baixemos as expectativas, pois o normal é que o son decepcione polo paso natural do tempo, mais Smith foi todo o contrario: deu un dos mellores concertos do Paredes de Coura.

O concerto contou con cancións de Patti Smith, onde non faltaron obviamente Because the Night e Gloria, coas que pechou nesa orde, mais tamén contou con homenaxes aos Rolling Stones e Lou Reed (cantando I’m Free e Walk on the Wild Side) e Neil Young (cantando After the Gold Rush), entre outras.

Inmensamente agradecidas, tanto ela coma os seus acompañantes, aproveitaron o concerto como un verdadeiro acto de reivindicación: Patti utilizou o espectáculo como unha oportunidade para, entre e durante cancións, inspirar ao seu público cunha mensaxe de unidade coa que foi imposible non sentir empatía.

Pedro Silva

Tras continuar Patti Smith a súa lenda, cambiamos 180 grados para pasar, de golpe, ao hardcore rap de Freddie Gibbs e Madlib nunha ocasión que pintaba excelente para velos tras a publicación este ano de Bandana, cinco longos anos despois da saída de Piñata. Trátase dun disco completo, cunhas bases incriblemente hipnóticas e unhas excelentes colaboracións, marcado coma un dos que serán dos mellores discos do ano.

O concerto, con todo, non resultou tan incrible coma o álbum. A pesar dos continuos “Fuck the Police” cos que Freddie Gibbs conseguía conectar co público, dita conexión coral conxelábase ao momento debido á falta de capacidade dos artistas para manter vivo ao público durante a primeira parte do concerto.

O son, ademais, foi o peor aliado dos músicos: non era sinxelo escoitar coa claridade precisada, escoitándose as bases con horribles ecos que dificultaron a aclimatación do público. Chegados ao punto no que foi posible, con todo, o concerto comezou a achegarse ao seu final. En plena decaída, mentres os artistas se despedían, incluso chegou a formarse un gran círculo onde o público estaba preparado para chocar. Nunca pasou.

Pedro Silva

Tras o hardcore rap, volveuse ás melodías máis clásicas e popeiras co concerto de Suede, liderados indiscutiblemente por un Brett Anderson que, xa superados os cincuenta, continúa cunha enerxía enriba digna de respecto. Entre suores dende un principio, cantou sen desafinar e gañouse a un público que leva xa máis de 25 anos desfrutando da música entre o glam e o britpop que traen consigo os londinienses, coros repetitivos mais emocionantes incluídos.

Con todo, a lista de temas tocados foi… rara. Mais para ben. Aínda sacando The Blue Hour fai soamente un ano, estivo totalmente desaparecido do concerto, ao igual que os seus últimos cinco discos. Foi un concerto preparado totalmente para os fans que están aí dende o principio, ou polo menos cando pagaba de verdade a pena escoitar moito a Suede. Así, Coming Up foi o líder indiscutible, pechando  Saturday Night, mais onde non faltaron, aínda que tampouco sobraron, cancións do seu homónimo debut ou Dog Man Star.

Pedro Silva

Para pechar, tocou voltar ao After Hours. Alí estaba a última da nosa lista de concertos imprescindibles, e non decepcionou: Flohio deu a un público sedento de rap  de choques, gritos e crowdsurfing o que non conseguiron Freddie Gibbs e Madlib, facendo un concerto excelso do que levarse unha idealizada imaxe.

Con todo, Flohio parecía pedir algo imposible, e falou cun público canso e sedento, e para o que non era tan coñecida, que escoitase detidamente ás dúas da maña as letras das súas cancións, que se parasen a pensar e escoitar os ritmos para despois bailar. O caso foi omiso, e se ben a desconexión entre público e artista era notable ningún dos grupos pareceu pórse nervioso pola situación, deixando ás cousas seguir o seu curso natural.

Rematado o Paredes de Coura de 2019, podemos observar unha edición coidada, aínda que tal vez menos atrevida que anos pasados. Cunha cantidade de cabezas de cartaz enorme, mais salvando aínda varias sorpresas nos nomes máis pequenos, o festival mantivo, por enésema vez, un nivel a altura de moi poucos. E ata a choiva, anunciada para aquel día, mantivo o seu respecto ante os artistas e non apareceu ata o final da velada.

Hugo Lima
Pódeche interesar...
Verto fan ‘Puro Ocio’, pero teñen potencial para facer moito máis