Páxinas lilas: Oito (máis un) libros para pensarnos mulleres

O 8 de marzo conmemórase o Día Internacional da Muller Traballadora, unha efeméride institucionalizada dende 1975 cuxo seguimento oscilou entre a indiferenza e a frivolidade festiva dende que servidora posúe uso de razón. Mais o 8 de marzo de 2018 todo mudou e o día da muller (simplemente da muller, con todo o que o lexema implica e recolle) converteuse nunha xornada histórica de mobilización e reivindicación que busca a súa continuidade neste ano 2019. O éxito desta mobilización sen precedentes motivou a publicación dunha obra colectiva coordinada por Inma López Silva e editada por Galaxia coa colaboración da Deputación de Pontevedra: Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo, un rexistro e unha reflexión para o futuro sobre este día e todo o que houbo tras del, tanto loxística como ideoloxicamente. Mais o feito literario en galego, lonxe de verse alleo a tal cambio, reflectiu e reflicte noutras moitas obras (case todas de recente publicación) a pegada dunhas ideas emancipadoras máis vixentes que nunca, todas elas máis que recomendables de cara ao próximo 8 de marzo…

1. Chámame señora pero trátame coma a un señor

Inma López Silva

Galaxia

Un dos grandes éxitos editoriais en galego do pasado ano foi este título da neófita colección Feminismos de Galaxia, unha lúcida e moi necesaria reflexión sobre o machismo no ámbito cultural a cargo de Inma López Silva. Chámame señora pero trátame coma a un señor é un ensaio desenfadado e anti-convencional no que a súa autora relembra e enfronta os menosprezos e vexames sufridos ao longo da súa traxectoria literaria, desmontando mitos e pasando á acción cun berro evidentemente feminista (Non sei por que adoita crerse que o espazo literario está libre de todos os vicios machistas que funcionan no resto da sociedade […] Hai machismo no mundo da literatura, e decidín contalo.)

2. Rosalía feminista

Rosalía de Castro
Edición de Helena González Fernández

Xerais

Como un preludio do Día de Rosalía (celebrado o 24 de febreiro) e do propio 8 de marzo, sae do prelo unha nova escolma da nosa poeta máis celebrada, que reivindica unha xusta lectura de xénero para algunhas das súas máis coñecidas e eximias composicións. Nesta nova edición da lírica rosaliana, Helena González Fernández propón unha nova mirada aos motivos máis populares da mesma e, sobre todo, ao mundo feminino que habita nos seus versos e que a autora dota dunha fonda carga simbólica, a fin de contestar as desigualdades e opresións sufridas polas mulleres do seu tempo. Unha oportunidade única para revisar á Rosalía de Castro máis actual, reivindicativa, política e (por que non?) feminista.

3. Como ser muller

Caitlin Moran
Tradución de Moisés Barcia

Rinoceronte Editora

A medio camiño entre o ensaio e a novela autobiográfica, a escritora e xornalista británica Caitlin Moran olla a súa propia experiencia vital (tanto a persoal como a profesional) dende unha perspectiva de xénero, con moito humor e ironía. Como ser muller é unha obra mordaz e desacomplexada que renuncia a toda complicación para trasladar unha reconfortante mensaxe feminista ás mulleres que se declaran como tal e a todas aquelas que aínda non sospeitan que o son. Unha lectura tan amena como imprescindible que xa forma parte do catálogo da ecléctica Colección Nova de Rinoceronte Editora dende 2017.

Cinzia Arruzza, Tithi Bhattacharya e Nancy Fraser
Tradución de Patricia Buxán Outeiro e limiar de María Reimóndez

Catro Ventos Editora

A editora Catro Ventos encárgase da edición galega dun libro publicado simultaneamente en doce idiomas e que apela ao lectorado como principal motor de cambio. Sempre incidindo na capacidade transformadora dun feminismo transversalizado e solidario con outras causas contra os abusos do capital, Feminismo para o 99% é un chamamento á insubmisión que ademais inclúe unha atinada reflexión sobre un dos aspectos máis novidosos da folga feminista: a extensión da protesta ao ámbito do fogar, no que as mulleres adoitan cargar con toda a responsabilidade dun traballo nin remunerado nin recoñecido. María Reimóndez, unha das nosas narradoras, poetas e tradutoras máis eminentes, encárgase do limiar.

5. Todos teriamos que ser feministas

Chimamanda Ngozi Adichie
Tradución de Moisés Barcia

Sushi Books

Chimamanda Ngozi Adichie é, con toda probabilidade, a escritora nixeriana máis lida e influente a día de hoxe. Á súa diversa e cada vez máis inabarcable obra, que tamén conta con traducións ao galego coma a que o ano pasado publicou Rinoceronte Editora de O Hibisco Púrpura, engádense unha serie de pequenos volumes con concisos apuntamentos ensaísticos que adoitan basearse nas súas celebradas conferencias, nas que o feminismo é un dos principais fíos condutores. Un dos máis populares e máis vendidos en todo o orbe é este Todos teriamos que ser feministas, un opúsculo que non por breve é menos interesante para comprender o papel da muller nun mundo que arela ser máis xusto e que achamos tamén na nosa lingua grazas a Sushi Books.

6. Novas masculinidades, o feminismo a (de)construir o homem

Jorge García Marín
Prólogos de Luísa Monteiro e Marco Gonçalves

Através Editora

A colección Alicerces de Através Editora (dirixida pola escritora Teresa Moure) fundaméntase nunha serie de ensaios divulgativos cun estilo claro e preciso que fomenten o debate sobre determinados temas de índole filosófica, artística e social. Un deles é este Novas masculinidades que se constrúe en torno a unha reacción antipatriarcal que condena os tópicos asociados á masculinidade dende hai séculos. Como ben se reflicte dende o mesmo título, García Marín aposta neste atinado e clarificador ensaio por un novo modelo masculino oposto ao establecido polo sistema, que rexeite as condutas agresivas e tóxicas e que desbote unha privilexiada pero inxusta posición que cómpre cuestionar.

7. A señora Dalloway

Virginia Woolf
Tradución de Celia Recarey Rendo

Irmás Cartoné

Un día nas vidas de Clarissa Dalloway e Septimus Warren Smith, un só día que tanto leva dado que falar na historia da literatura e cuxa tradución ao galego foi posible grazas a Celia Recarey e Irmás Cartoné, responsables do traslado ao noso idioma doutro dos grandes clásicos da escritora británica, Orlando. Esta sinxela pero belida edición da súa novela máis coñecida, bríndanos a ocasión de redescubrirmos unha obra íntima e persoal, tamén documento e monumento da rutina das mulleres no período de entreguerras. Unha obra a revisar cunha nova ollada da man dunha editora con grandes proxectos en camiño, como a moi agardada tradución galega de The Handmaid’s Tale de Margaret Atwood.

8. Vermella

Sabela Losada Cortizas (texto)
Minia Regos (ilustracións)

Baía Edicións

Sendo unha das cousas máis naturais de cantas atinxen á bioloxía humana, a menstruación continúa sendo un dos grandes tabús relacionados co corpo feminino dende hai séculos. Vermella é a resposta en forma de álbum ilustrado ás ambaxes e imprecisións coas que se adoita tratar o tema, sobre todo á hora de explicarllo á rapazada. Con este relato, Sabela Losada Cortizas obtivo o primeiro premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola igualdade convocado por Baía Edicións, que agora publica o libro cunhas fermosas ilustracións de Minia Regos. Unha proposta cunha intencionalidade didáctica, sempre necesaria para involucrar ás máis novas no cambio e no rexeitamento a un silencio incómodo con respecto á regra.

Pódeche interesar...
María Vázquez, Emma Suárez e Rita Azevedo, premios Cineuropa 2019