Pokémon Espada e Escudo expande as súas fronteiras

The Pokémon Company deu a coñecer onte as principais novidades do contido descargable de Pokémon Espada e Escudo, dividido en dúas partes, ‘A illa da Armadura’ e ‘As neves da coroa’. A primeira chegará á eShop da Nintendo Switch o vindeiro 17 de xuño, mentres que a segunda segue programada para outubro.

A través dun extenso tráiler a compañía nipona amosou unha grande parte das novas características da expansión de contido que xa anunciara a comezos de ano. Entre as características que chegarán con cada unha das dúas partes nas que se divide, están nova ropa e complementos para o personaxe xogable, novas formas galarianas de pokémon xa coñecidos, 114 –confirmadas ata o momento– criaturas que volven á Pokédex e novas Incursións Dinamax. Ademais, tamén deron a coñecer o lanzamento dun evento da súa plataforma Pokémon Home, a través da cal os xogadores recibirán un Grookey, un Sobble e un Scorbunny con habilidades ocultas que os fan moito máis poderosos se depositan un pokémon de Espada e Escudo.

O Slowbro de Galar é tipo Veleno/Psíquico, e recibirá unha terceira evolución co lanzamento de ‘As Neves da Coroa’

Artes marciais na Illa da Armadura

Este novo enclave ao que nos trasladará o primeiro paquete de expansión de Pokémon Espada e Escudo está repleto de paraxes nunca vistos en Galar como praias, bosques, covas ou dunas desérticas. Alí coñeceremos ao mestre Mostaz, que nos recibirá no seu dojo para adestrar como alumno seu. Unha vez completemos o adestramento, agasallaranos cun pokémon lexendario, Kubfu. Para evolucionalo a Urshifu –que ten dúas formas, Estilo Fluído e Estilo Brusco– deberemos acometer o desafio das Torres Pugna.

Urshifu poderá ser tipo Loita/Auga ou Loita/Sinistro segundo as eleccións do xogador na súa aventura

Nesta nova illa tamén atoparemos un tutor de movementos co que poderemos aprenderlle novos ataques aos nosos pokémon. Polo momento, The Pokémon Company confirmou Envexa Ardente para Cinderace e Fitoimpulso para Rillaboom, aínda que unha filtración apunta a máis de 20 movementos novos dispoñibles a través deste novo NPC, que fará o seu traballo a cambio de Duralium, un novo obxecto que se pode conseguir nas Incursións Dinamax. Outra das novidades é a Maxisopa, que permitirá ao noso pokémon inicial ter unha forma Gigamax. Para conseguila, deberemos atopar os seus ingredientes ao longo da illa. Cada unha destas novas formas terá, como de costume, un movemento característico máis poderoso que os ataques Dinamax.

Por último, a primeira parte da expansión de contido vén cun novo estilo de combate: Proba Cinguida. Apenas trascenderon detalles sobre este novo tipo de batallas, só sabemos que restrinxirán os tipos de pokémon que se poden utilizar e que as loitas terán condicións especiais.

Lexendarios agochados na tundra

Aínda que o seu lanzamento non está previsto ata outubro, onte tamén puidemos coñecer con detalle o segundo contido descargable, ‘As Neves da Coroa’, que nos levará ata unha tundra chea de paisaxes xeados e misteriosos. Alí coñeceremos a Peony, co que viviremos unha aventura na busca de pokémon lexendarios, aspecto no que se centra esta parte da expansión. Desta forma, nesta montaña atoparémonos coas formas Galar dos tres paxaros lexendarios da primeira xeración: Moltres (Sinistro/Voador), Zapdos (Loita/Voador) e Articuno (Psíquico/Voador).

Os paxaros lexendarios da primeira xeración voltan con novas formas rexionais

Pero estes non serán os únicos lexendarios que nos atoparemos ao longo da odisea con Peony, pois os Regis da terceira xeración regresan, e fano con dúas novas criaturas míticas: Regieleki e Regidrago, de tipo Eléctrico e Dragón, respectivamente. O tráiler revelado onte pecha cunha misteriosa revleación da última criatura lexendaria confirmada, Celyrex, de tipo Psíquico/Pranta, cuxa información oficial di que “adoitaba reinar na rexión de Galar” e “pode ver o pasado, o presente e o futuro”.

Os dous novos Regis agardarán por nós nos seus respectivos templos

N’As Neves da Coroa as Incursións Dinamax van un paso máis aló, e é que poderemos introducirnos nos niños nos que habitan os pokémon en grupos de ata catro xogadores no que os desenvolvedores chaman Aventuras Dinamax. Novas e poderosas criaturas agardan nas profunidades destas mazmorras explorables –no tráiler chégase a ver un encontro con Giratina–, que ofrecerán deste xeito unha nova experiencia de xogo cooperativo online.

Nas Aventuras Dinamax poderemos cooperar con ata tres amigos

A última das confirmacións foi o Torneo Estrelas de Galar, no que poderemos enfrontarnos aos adestradores máis poderosos da rexión ou incluso combater ao seu lado.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.