Que ver a partir de hoxe en Disney+

A nova plataforma de streaming chega en medio da corentena para entreter cun nutrido catálogo de 500 películas, 300 series e 25 contidos orixinais

Desde hoxe, a nova plataforma de streaming Disney+ xa está dispoñible no país cun extenso catálogo de 500 películas, 300 series e 25 Disney+ Originals, que se írá ampliando ao longo dos próximos meses. A un prezo mensual de 6’99 euros -69’99 euros para a tarifa anual- e sete días de proba gratis, o servizo permite a visión simultanea de catro dispositivos. Ademais, todos os usuarios do paquete de ficción de Movistar+ obterán o acceso á plataforma de forma gratuíta. Tamén pemite a descarga da totalidade dos seus contidos a través da súa aplicación para desfrutar dos mesmos sen conexión.

O xa nutrido catálogo de Disney+ aterra nas nosas casas en plena cuarentena cun potencial para facer tambalear a toda a súa competencia no campo do contido en streaming. A continuación, facémosvos un breve resumo do máis interesante que a plataforma nos ofrece.

Todos os clásicos de Disney

Un dos grandes puntos fortes de Disney+ é a colleita de absolutamente todas as súas películas ao longo de máis de case un século, desde as primeiras curtas de Mickey Mouse ata Frozen, pasando por todos os clásicos da nosa infancia: Brancaneves, Aladdin, O Rei León, Pesadelo Antes de Nadal… Absolutamente todos.

E os seus remakes en acción real

Nos últimos anos, Disney estivo apostando polos remakes dos seus clásicos en live action: Alicia e o País das Marabillas, O Rei León, Aladdin, Dumbo, O Libro da Selva, Maléfica… Aínda que non todos tiveron o resultado esperado, e en Disney+ atopou o lugar para sacarlle un novo rendemento a estes contidos. O remake de A Dama e o Vagabundo, por exemplo, non pasará por salas, dispoñible xa na plataforma.

A infinita maxia de Pixar ao completo

Pódense contar cos dedos dunha man as películas que lle saíron mal a Pixar Studios e, aínda así, mantéñense todas coma inesquecibles. A creación de Pixar está aquí ao completo: Toy Story, Do Revés, Coco, Up, Monstros S.A., e todas as que se che pasen pola cabeza. E tamén todas as curtametraxes realizadas ao longo das últimas tres décadas.

Todo o universo Star Wars

Disney mercou a franquicia Star Wars en 2012, e agora pon todo o universo á nosa disposición: as nove películas da saga orixinal, os dous remakes e as tres series de animación.

E tamén The Mandalorian

Pero a gran contribución de Disney+ ao universo Star Wars é a creación orixinal da serie The Mandalorian, a cal levabamos catro meses esperando desfrutar, desde a súa estrea nos Estados Unidos. Ambientada tras a caída do Imperio e antes da aparición da Primeira Orde, a serie segue os pasos do cazarecompensas Mando, acompañado do entrañable Baby Yoda, xa capturado para sempre nos confíns do meme de internet.

O universo Marvel

Marvel pertence a Disney desde 2009, polo que agora Disney+ pon á nosa disposición todo o universo cinematográfico dos superheroes: Os Vengadores, Thor, Os Gardiáns da Galaxia, Capitana Marvel… Así como as series Inhumans e Axente Carter, xunto con todas as versións de animación.

Disney Channel e as series da nosa infancia

A Banda do Patio, Phineas e Ferb, Lizzie McGuire ou Raven son só algúns títulos do interminable apartado de serie orixinais de Disney Channel que a plataforma nos ofrece.

E tamén Os Simpson

Por fin poderemos desfrutar nunha plataforma de streaming as 30 tempadas dos Simpson -coa 31ª tempada aínda en emisión nos Estados Unidos-; ou mellor dito, das dez primeiras que fixeron á serie un acompañante indispensable das nosas comidas. O mellor de todo, agora non teremos que soportar os interminables anuncios, nin o constante maltrato á serie (aleatoriedade na emisión, repetición constante dalgúns capítulos ou reposición continua das tempadas máis novas, relegando as mellores á case desaparición).

Os documentais de National Geographic

Disney+ tamén aposta por cubrir o espazo de documentais de despois de comer, ofrecendo un senfín de contidos documentais de National Geographic en materia de animais e natureza, ciencia e innovación e mundo e xeografía.

Pódeche interesar...
Todo o que sabemos do novo de Triángulo de Amor Bizarro