‘Reina’, novo sinxelo de Rhome

O artista impulsa un proxecto colaborativo para elaborar un vídeo musical xunto co público e outros creadores de contido

Rhome vén de publicar o seu último sinxelo, Reina. Tras darse a coñecer grazas a Ambiente, en colaboración con Verto, o artista emerxente continúa na mesma liña: reggaeton duro e ganas de saír de festa. Con Reina, Pablo Romeu proponse facer un proxecto colaborativo coa audiencia. Coa fin de armar un vídeo musical, pide ao público que manden vídeos interactuando coa canción. Para esta labor, conta coa colaboración de varios creadores de contido galegos.

Rhome compuxo Ambiente en corentena, pechado en casa e ansiando saír. Pola contra, Reina nace na Nova Normalidade: “Fíxena triste, sabendo que non ía poder saír en moito tempo”, explica. A tema trata sobre “ese domingo, luns ou martes nos que tes exame ao día seguinte, pero te acaban liando para saír de festa”. A portada de Reina fírmaa a ilustradora Claudia Romeu Domínguez.

Desde o principio, Rhome tiña claro que quería realizar un proxecto onde puidese reunir a toda a xente que está creando contido en Galicia, xunto co público galego. Deste xeito, entre as caras coñecidas que están a participar do proxecto atopámonos aos youtubers Arancha Nogueira, olaxonmario e Pradorúa, á modelo Tati G ou aos creadores en Tik Tok Uxía Blanco, Totakeki e Manu Priegue.

Para participar no vídeo musical de Reina, o público poderá gravarse facendo playback da canción, dúos en Tik Tok ou a coreografía deseñada para o tema. Para elo, deberase mencionar a Rhome ou a calquera dos outros colaboradores en Instagram ou Tik Tok, ou ben envialo por correo a rhomemusica@gmail.com

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.