Revolution Podcast chega a Balea Cultural

Revolution Podcast únese a Balea Cultural a partir de hoxe. Porque os videoxogos tamén falan galego e merecen un lugar na axenda cultural. Deste xeito, de maneira quincenal, un podcast de videoxogos en galego terá o seu espazo nesta web.

Revolution naceu en novembro de 2018 no seo da Radio Valladares. Trátase dun programa de radio sobre videoxogos na nosa lingua, un dos poucos existentes en toda Galicia. Presentado por Fabián Bastos e Sergio Fernández, Revolution comezou como un espazo de apenas media hora de duración e publicación semanal. Tras unha primeira tempada de 25 episodios, este pasado mes de outubro o programa volveu ás ondas cun lavado de cara: a duración pasou a ser de preto dunha hora e a publicación, quincenal.

Cada episodio de Revolution adica o seu espazo central á análise dun videoxogo, ben sexa de rabiosa actualidade ou algún que outro clásico que merece a pena lembrar. Ademais, repásanse as novas máis destacadas da semana, onde tamén hai espazo para a opinión e os debates. Por último, cada mes entrevístase a unha personaxe destacada da industria –o programa da pasada quincena achegouse ata os Países Baixos para falar con Degoma Estudios, con raíces galegas–. Nesta última sección tamén participará, cada dous programas, o colaborador habitual, Mos, para falar dun deses xogos que se escapa ao mainstream pero que merece toda a atención do público.

2×03: Link’s Awakening

  • Analizamos o remake de The Legend Of Zelda: Link’s Awakening publicado o pasado 20 de setembro por Nintendo
  • Actualidade: detalles do Proxecto Scarlett de Microsoft, a idea do estudo Ninja Theory para combater os trastornos mentais, a polémica do WWE 2K20 e máis
  • Debate sobre o Black Friday
  • Mos fala sobre Indiecalypse, xogo do estudo catalán JanduSoft que sairá próximamente para todas as plataformas
Pódeche interesar...
Cineuropa 33 | “Monos”, unha ollada non condescendente da violencia e dos nenos soldado