‘Seaspiracy’ : Se algo funciona, non o toques

Repetir  fórmula sabendo de antemán que vai funcionar non é arriscado, pero si efectivo. Semella que Ali Tabrizi, o realizador de Seaspiracy, é consciente desta máxima ao imitar a perfección o modelo co que traballou axudando a Kip Andersen en Cowspiracy, o famoso documental do que, por non cambiar, non cambiou nin o xogo de palabras. Tampouco a expresión formal, herdeira do polémico Michael Moore, que provoca a intelixencia do espectador cunha retórica de zascas e con entrevistas cortadas segundo a necesidade ou censuras violentas sospeitosamente artificiais. Con todo, malia tramposo a voltas, o resultado é eficaz. Porque ante a urxencia ambiental, a inacción e a desidia política da sociedade, o motor (ben empregado) da rabia non é unha mala opción se se orienta correctamente.

O documental comeza cunha viaxe temporal a infancia do narrador, retrotraéndose aos seus motivos máis íntimos para realizar unha película que abordase os impactos da polución do plástico nos ecosistemas mariños. Porén, a medida que vai comprendendo mellor as causas subxacentes da catástrofe ambiental dos océanos, decide mergullarse a fondo no tema e mostrar ao gran público as partes máis escuras da industria pesqueira. E os resultados son demoledores.

Primeiro de todo, logra divulgar con sinxeleza un equilibrio ecolóxico delicado e a maior parte das veces invisibilizado; a importancia dos animais mariños na redistribución dos nutrientes do fondo do mar cara  a superficie, onde son aproveitados polo fitoplancto para realizar a fotosíntese. Sen este aporte de nutrientes, a osixenación dos océanos e da atmosfera veríase gravemente comprometida e a pesca industrial ameaza con desnivelar a balanza. Amosa con agudeza como a masacre de delfíns nunha baía do Xapón só é unha tapadeira mediática para causar indignación e esquecer a captura masiva de atún vermello.

Tamén explica grazas á axuda de expertos as perversas implicacións das  capturas involuntarias nos barcos pesqueiros, responsables da morte dunha enorme parte da vida mariña. A modo de ilustración, unha media de 45 delfíns morren nas redes por cada 8 atúns. Cuestionándose entón as razón deste despropósito, entrevista a dirixentes das organización encargadas da certificación da pesca sustentable.

O que descobre é que non hai ningunha garantía a bordo de que só se capturen as presas desexadas, porque os barcos pesqueiros non están deseñados para respectar a biodiversidade e porque, en última instancia, na maioría dos casos a garantía provén do capitán do barco, en alta mar e sen testemuñas. Bluewashing, que lle chaman. Alén de restrinxirse aos abafadores impactos ambientais que supón a pesca industrial, expande a crítica cara as prácticas escravistas abordo dos barcos tailandeses, ou as consecuencias nefastas e mortais que a sobrepesca provoca no litoral do oeste africano.

Á súa vez, a acuicultura non se libra da queima e da no branco ao rexeitala como alternativa sostible da pesca industrial, sinalando a baixa eficiencia ecolóxica á hora de alimentar aos animais de acuicultura e a praga de enfermidades que estes sofren. En relación con este punto, fai fincapé na complexidade biolóxica dos peixes e na súa capacidade de sentir, alegando por unha ética da alimentación e propoñendo alternativas vexetais de orixe mariño.

A conclusión final é igual de simple e simplificadora que  a retórica que emprega durante os 89 minutos de metraxe: Non comer peixe é a única solución. Non todo o que se mostra en Seaspiracy é cientificamente certo, pero si unha gran maioría. En lugar de aburrir con precisións académicas, recomendo se é de interese a lectura deste artigo. Se cadra, o gran acerto que hai que recoñecerlle a este documental é o resultado e máis a idea que subxace da repetición do modelo de Cowspiracy. E é que fórmula que sustenta as nosas sociedades está fundamentada en delicados equilibrios ecosistémicos. Dito doutra forma: Se algo funciona, non o toques.

Seaspiracy
Directora: Kip Andersen
Ano: 2021
País: Estados Unidos
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.