‘Sempre quero’, a canción do verán de Oh! Ayatollah

Cambiando de forma drástica o seu rexistro, a banda sintetiza ese raro sentir de abrirse ao mundo despois de case dous meses de illamento

Chega xuño e, aínda que non o pareza porque nos saltamos a primavera, o verán está cada vez máis preto. Así, Oh! Ayatollah veñen de publicar o seu último sinxelo: Sempre quero é a súa “canción do verán”. E cambiando de forma drástica o seu rexistro, pouco queda do garaxe de guitarras ao que a banda nos ten afeitos.

Aínda que pouco ten que ver con todo o que adoita entrar na lonxeva categoría italo-española de cancións veraniegas, Sempre quero ten certo aire nostálxico ao pop setenteiro. Guitarras de rasgueo suave contrastan cun potente e harmónico baixo, culminando cunha pegadiza melodía de xilófono no retrouso.

Oh! Ayatollah regaláronnos hai pouco máis dun mes Nós contra o Mundo, perfecta captura do botar de menos aos teus colegas naqueles recentes tempos de confinamento extremo. Agora que podemos saír á rúa e ir aos bares, Sempre quero sintetiza ese raro sentir de abrirse ao mundo despois de case dous meses de illamento, mais recollendo esa necesidade de facelo igual: “Por que non vou probar, se no peor dos casos é unha vez e xa está?”.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.