“Shang-Chi e a Lenda dos Dez Aneis”: voltando á orixe do UCM

Logo dun ano tan irregular para o UCM, Shang-Chi e a Lenda dos Dez Aneis parece chegar aos cinemas cun par de obxectivos claros. Por un lado, espantar as pantasmas que asoman despois da decepcionante Viúva Negra, unha cinta que fixo moi evidentes as sinais de esgotamento da afamada fórmula Marvel -por non falar dos debates que suscitou, coa pelexa entre Scarlett Johansson e Disney-. E polo outro, introducir a un superheroe terciario da banda deseñada marvelita e facer que esté á altura. Visto o resultado, parece que consegue ambos os dous.

Lonxe dos macroeventos ou dos estudos de personaxes xa coñecidos que caracterizaron as últimas obras de Marvel Studios, Shang-Chi recupera o espírito das primeiras fases do UCM. É dicir: no filme preséntasenos a un novo heroe, coas súas motivacións e características, nunha historia moi medida e equilibrada que se move á perfección entre a acción, as aventuras e o humor desenfadado e autoconsciente -que funciona ás mil marabillas, con chistes como os que referencian O planeta dos simios e Hotel California-

Nese sentido, Shang-Chi é unha cinta de aventuras modélica. Nin máis, nin menos. Non arrisca ou experimenta como as series de Disney+, pero está tan ben desenvolvida coma moitos dos clásicos deste universo. Pouco lle ten que envexar a outras como Capitán América ou Dr. Strange, vaia. Iso significa que é moi divertida, a pesar da súa longa duración -dúas horas e cuarto!-, e tamén que ten escenas de acción moi espectaculares e épicas.

De feito, a ninguén se lle escapa, o modo en que se leva a cabo a acción é un dos puntos máis orixinais e fortes da película. Eu non son experto en cine de artes marciais (ou, falemos con propiedade, wuxia), pero o certo é que as pelexas semellan construir, pola complexidade e espectacularidade das coreografías, unha aproximación máis que digna ó xénero. Deixándonos aos máis profanos, de paso, unha das escenas de acción máis brutais vistas ata agora no UCM


A escena do bus, adiantada no tráiler, deixa sen alento.

Porén, o kung-fu e as hostias a man limpa non son as únicas homenaxes que se fan á cultura chinesa. Moito se ten falado dos intereses xeopolíticos desta cinta; básicamente, a búsqueda dunha gran recaudación no mercado chinés, o máis boiante do mundo, ao ser a primeira película do UCM protagonizada por unha persoa asiática. Mais, e sen incurrir en spoilers, penso que as referencias e as conexións que se establecen coa mitoloxía deste país fanlle moito ben ó heroe, pois expanden moito as súas posibilidades. Shang-Chi non vai ser o Bruce Lee dos Vingadores: vai ser o seu Son Goku. E iso promete moito.

Os mesmos defectos -e acertos- de sempre

Pero non todo é tan perfecto. A película non está exenta de certos defectos. En connivencia coas obras máis estándares do estudo, gaña moitos enteiros na acción -grazas á boa dirección de Destin Cretton e á enérxica banda sonora de Joel P. West-, pero perdemos as boas interpretacións -e a complexidade- das series. Non é que estén mal, nin moito menos, pero non chegamos a profundizar moito en ningún personaxe máis alá do protagonista. O caso máis sanguento é o do Mandarín, vilán que, a pesar dos intentos do gran Tony Leung, resulta parvo e manido.

A súa duración pode ser outro problema: a primeira metade da cinta funciona realmente ben, pero cando chega ao clímax e a cousa se desmadra pode facerse algo longa. Penso que, polo xeral, é mellor canto máis se acerca ó kung-fu: cando escala en poder e pretensións, e chega o aspecto máis mitolóxico e superheroico, decae un pouco. Ambos mundos casan ben, si, pero postos a escoller eu quédome co primeiro. Asemade, hai certas cuestións no guión -incluido un deus ex machina dos gordos- que poden afearlle a experiencia aos espectadores máis esixentes nesas cuestións. Pero nada moi grave, en calquera caso. 

Falamos, en definitiva, dunha película moi correcta e moi entretida, aínda cos seus erros puntuais, que da o pistoletazo de saída definitivo á fase 4 do UCM. Facíanos falta algo así para volver a confiar nas capacidades de entretemento desta macro-franquía, que volverá con forza -como o noso Son Goku marvelita- nos próximos meses. Benvida sexa. 

Dirección: Destin Cretton
Guión: Destin Cretton, Dave Callaham, Andrew Lanham
Fotografía: Bill Pope
Música: Joel P. West
Ano: 2021
País: Estados Unidos
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.