Ska-P será o cabeza de cartel da primeira edición do REC Fest

O festival celebrarase no Colisseum da Coruña o 23 de novembro e contará coas bandas galegas Ezetaerre e Dakidarría

Nace o REC Fest, un novo festival que aspira a converterse nunha referencia a nivel estatal no seu campo. Esta primeira edición celebrarase o sábado 23 de novembro no Colisseum da Coruña. Segundo a organización “O REC Fest encherá a cidade de sons incendiarios e música combativa e do máis carismática”.

Na cabeza do cartel do festival atópanse o histórico grupo madrileño Ska-P, na que será o seu único concerto en Galicia durante o 2019. Ademais, contarán coas bandas galegas Ezetaerre e Dakidarría e con outros nomes do resto do Estado e fora del como Bastards On Parade, Machete en Boca ou La Regadera. Polo tanto, no REC Fest teñen cabida sons como o punk, o ska, o rock clásico o metal o hardcore e ata música urbana.

As entradas do REC Fest estarán dispoñibles a partir del próximo luns 15 de abril a  un prezo de 28 euros. Poderán conseguirse a través das plataformas online  Ticketea e Ataquilla e no Quiosco de Praza de Ourense. O festival está organizado pola promotora de eventos Galicia Vella coa colaboración co Concello da Coruña.

Pódeche interesar...
Google revela o catálogo de Stadia