Solsticio entre páxinas: vinte agasallos letrados para salvar (de verdade) este Nadal

Chega por fin o Nadal e faino baixo unha aparencia insólita da que non fomos advertidas por ningunha pantasma do Nadal futuro. Mais este feito non me exime de retomar a que para min xa é unha moi saudable tradición de temporada: recomendarvos algúns dos mellores ou máis destacados títulos do ano editorial galego para que escollades entre eles os perfectos agasallos para a vosa familia e amizades.

E este ano con máis sentido ca nunca, coido eu, pois se algo nos ensinaron estes trescentos sesenta e seis días de pura vertixe foi que a cultura, tamén (e por suposto) a literaria, resultou ser un ben indispensable para conservar íntegro o siso (aínda que despois as desescaladas e as segundas ondas a tratasen como a trataron).

Pero non afondemos na referencialidade á crueza do ano vinte (que xa é un tópico literario en si mesmo e moi trillado) e preparemos a benvida ao 2021 con vinte variadas propostas para levar algunhas das máis notables novidades da literatura galega ao pé das vosas árbores de Nadal.

Galaxia

O derradeiro libro de Emma Olsen

Pablo Prado

Adaptación da novela de Berta Dávila

Unha das autoras do ano foi, sen dúbida, Berta Dávila. A escritora compostelá non só gañou o Premio da Crítica para o seu celebrado Carrusel (2019), senón que revalidou con Illa Decepción o Premio de Narrativa Breve Repsol, un galardón xa acadado coa moi notable O derradeiro libro de Emma Olsen en 2013.

Agora, o derradeiro azo vital e literario da protagonista desta última obra transfórmase en viñetas grazas ao traballo de Pablo Prado nunha das edicións máis coidadas e fermosas que puidemos gozar neste ano. Un interesantísimo traballo de reelaboración literaria e artística que achega o seu gran de area á ampliación repertorial dun xénero, a novela gráfica, cada vez máis presente e relevante nas nosas letras.

Sushi Books

Anne, a de Tellas Verdes

Lucy Maud Montgomery

Tradución: Moisés Barcia

Unha das primeiras propostas para agasallar á cativada é este clásico indiscutible da literatura canadense de comezos do século XX, cuxa popularidade se viu incrementada nos últimos tempos grazas á súa adaptación como serie para Netflix, e que neste ano se incorporou ao catálogo de traducións de Sushi Books.

Nesta primeira entrega dunha serie de ata oito libros que a escritora Lucy Maud Montgomery compuxo nun lapso dalgo máis dunha década, coñecemos á pequena Anne Shirley, unha rapariga orfa que chega por erro á granxa dos irmáns Cuthbert para revolucionar a vila de Avonlea coa súa imaxinación, intelixencia e unha precoz sensibilidade para entender o mundo que ten ao seu redor. Unha escolla atinada e atemporal para a rapazada de todas as idades.

Baia Edicións

Entre Donas

Varias autoras

As obras colectivas sempre son unha boa opción para un agasallo literario, maxime se topamos cunha obra coma Entre Donas, capaz de reunir nun único volume o talento narrativo de voces tan prestixiosas das nosas letras coma Marilar Aleixandre, Marica Campo, Emma Pedreira, Eli Ríos, Teresa Moure, Rosalía Fernández Rial ou Antía Yáñez, entre outras.

En cada un dos seus breves relatos, as autoras achegan unha ollada sobre a violencia simbólica e física exercida contra as mulleres dende diferentes perspectivas e con múltiples matices, compoñendo unha obra estilisticamente diversa que conxuga veteranía e xuventude. Unha proposta editorial varia e comprometida que nos permite redescubrir ás súas recoñecidas autoras.

Cuarto de Inverno

Velloucas & Minchas

Lorena Conde

Outro dos nomes propios a ter en conta neste 2020 foi o de Lorena Conde, pois esta autora pontevedresa foi quen de acadar nun mesmo ano o Premio Cidade de Ourense de Poesía con As puntas da Louza. Cancioneiro popular de Labor, o Premio Filomena Dato de Poesía na súa primeira edición con Ave do paraíso, o Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil con Velloucas & Minchas (ademais de dar ao prelo a peza teatral As mil vidas de Dorotea, inspirada na figura da dramaturga e actriz Dorotea Bárcena).

Con Velloucas & Minchas, Conde configura unha narrativa social para as máis novas na que convida á rapazada a unha das súas primeiras reflexións sobre a tolerancia, a sororidade ou a loita contra os excesos do capital. Todo a través da ollada cada vez menos inocente de Sofía e Gabri, dúas rapazas afoutas e decididas a rematar coa enleadas e as inxustizas que acontecen na súa vila.

Kalandraka

E un voou sobre o niño do cuco

Ken Kesey

Tradución: Neila García Salgado

Ken Kesey converteuse nun dos máis grandes escritores de culto da literatura americana dos 60 coa súa primeira novela, E un voou sobre o niño do cuco, texto que inspirou unha celebrada adaptación cinematográfica e no que o seu autor tratou do xeito máis novidoso temas tan complexos coma a alienación do individuo ou a doenza mental.

O relato céntrase nas vivencias do rebelde e amoral Randle P. McMurphy, un convicto que pasa a cumprir condena nun hospital psiquiátrico e dende o que liderará sucesivas revolucións contra a estrita e totalitaria orde da enfermeira Ratched. Neila García Salgado traduce ao galego a obra de Kesey para o xa moi nutrido selo de narrativa estranxeira de Kalandraka, Faktoría K.

Galaxia

Pangalaica. Recortes poderosos

Xurxo Souto

Sobradamente coñecidos son o gusto e o activismo de Xurxo Souto pola reivindicación da cultura galega dende a base. De feito, durante o período de corentena e do primeiro estado de alarma, foron habituais no xornal Nós Diario as súas pequenas pílulas de inspiración protagonizadas por algunhas das figuras máis especiais e peculiares da nosa cultura.

Agora, a editorial Galaxia reúne todas estas anécdotas nun volume que aspira a ser a crónica da parahistoria cultural da nosa terra, conferíndolle a súa merecida relevancia a todos aqueles talentos que sen gozar dunha sona masiva foron (e siguen sendo) os que alicerzan a creación galega. Souto achéganos todas as contribucións deste “pobo de artistas” dende a admiración e o humor nunha edición moi elaborada e ben acaída para un agasallo de Nadal.

Antela Editorial

Fronteiras de papel

Alba de Evan, Xavier Domínguez

Ilustracións: David Rodríguez

O pasado mes de setembro saía do prelo o primeiro título de Antela Editorial, un novo selo de literatura infantil e xuvenil en galego impulsado por Alba de Evan e Xavier Domínguez e cun marcado compromiso cultural, educativo e social. Este primeiro libro, Fronteiras de papel, intenta trasladar á rapazada valores de concienciación e solidariedade arredor dunha historia de inmigración, marxinalidade e superación.

O propósito desta nova editora é deixar pegada, mais non só no literario, pois unha parte das vendas dos seus libros destinarase a unha ONG ou unha entidade sen ánimo de lucro implicada en proxectos sociais, no caso destas Fronteiras de papel, á asociación Provivenda. Unha opción moi axeitada para os agasallos das máis miúdas.

Rinoceronte Editora

Historias. Libros I e II.

Heródoto

Tradución: Raúl Gómez Pato

O tamén coñecido como “pai da historia”, Heródoto de Halicarnaso, era un dos moitos autores clásicos que aínda quedaban por verter ao galego, mais iso cambiou neste 2020 coa publicación na nosa lingua dos dous primeiros libros dos nove que compoñen as súas Historias, unha das obras fundamentais do xénero historiográfico grego.

Raúl Gómez Pato asina esta espléndida e moi necesaria tradución para a Colección Vétera de Rinoceronte Editora, traendo ás nosas letras unha nova oportunidade para achegarnos á literatura da antiga Grecia e a unha das súas figuras máis destacadas. Unha obra moi curiosa que satisfará a curiosidade de iniciados e profanos.

Carlos Meixide

Escándalo no CDG

Corinna Marx

A revista dixital Vinte publicou durante o pasado mes de agosto Escándalo no CDG, unha novela erótica por entregas ambientada no mundo teatral galego. Esta proposta pouco habitual nas nosas letras correu a cargo de Corinna Marx, unha autora alemá moi vinculada a Galicia cuxa experiencia como escritora de novelas románticas e guionista de telefilmes foi determinante para bosquexar un relato con enganche e moi apropiado para ocupar o lecer estival.

Dende hai unhas poucas semanas podemos achalo en formato códice (e, polo tanto, obsequialo) grazas á iniciativa de Carlos Meixide, quen iniciou unha campaña de crowdfunding para impulsar a súa publicación como primeiro título da Biblioteca de Paixóns, unha colección de literatura popular en galego a baixo custo.

Alvarellos Editora

De casa queimada

Iria Collazo López

Normalmente, os premios literarios adoitan destacar unha única obra sobre unha morea de candidatas e poucas veces se ten a oportunidade de coñecer aqueles textos que quedan a un chanzo dese primeiro posto do podium. Non é o caso do Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que sempre outorga un primeiro e un segundo premio, ambos publicados baixo o selo Alvarellos.

Esta feliz circunstancia propicia que poidamos acceder ao primeiro traballo lírico de Iria Collazo López, De casa queimada, que obtivo precisamente o segundo galardón do xa mencionado certame de poesía e cuxas trinta e catro composicións arredor do íntimo, da infancia, da perda ou do paso do tempo, fan un moi notable agasallo poético.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.