Solsticio entre páxinas: vinte agasallos letrados para salvar (de verdade) este Nadal

Xerais

Astérix e o menhir de ouro

René Goscinny, Albert Uderzo

Tradución: Xavier Senín, Isabel Soto, Alejandro Tobar

Neste ano 2020 houbo que despedir a unha das figuras máis célebres da historia do cómic, o francés Albert Uderzo, creador da aldea de irredutibles galos que resiste hoxe e sempre ao invasor romano e do seu habitante máis senlleiro, o guerreiro Astérix. Non sen certa ironía, recupérase neste ano unha das súas aventuras, Astérix e o menhir de ouro, publicada orixinalmente en 1967 e toda unha rareza que non volvera ser editada dende entón.

A peculiaridade desta aventura residía no seu formato, pois non se trataba dun álbum ao uso senón dun disco-libro, pensado principalmente para que os seus diálogos fosen escoitados. Uderzo estivo moi implicado no traballo de recuperación e reconversión desta aventura en álbum antes do seu pasamento, de aí o seu gran valor, tamén como agasallo para estas datas.

Através Editora, Demo Editorial

Ricardo Carvalho Calero. Coraçom de terra

Xico Paradelo, Irene Veiga, Iván Suárez

Este, por fin, ía ser o ano de Ricardo Carvalho Calero. Despois de moitos intentos, seu ía ser o Día das Letras Galegas e unha moi merecida homenaxe á súa traxectoria intelectual e literaria, mais as circunstancias determinaron que esta xusta celebración da súa figura ficase reducida a unha anécdota.

Con todo, a maquinaria editorial destinada a agrandar esta homenaxe non se detivo e, xunto con algunhas reedicións das súas obras fundamentais (como Scórpio ou A xente da Barreira, entre outras), achamos esta banda deseñada, co-editada entre Através Editora e Demo Editorial, na que se nos achega dun xeito diferente a biografía de Carvalho Calero e algúns dos acontecementos que máis infliuíron na súa traxectoria. Un obsequio que ben pode valer como último brinde dunha celebración que soubo a pouco.

Hércules de Ediciones

O meu baleiro

Marcos Viso

Unha nova recomendación para as máis cativas é este achegamento do ilustrador Marcos Viso ás perdas e ás ausencias dos seres queridos, temas que a priori intentan evitarse diante das crianzas pero que inevitablemente forman parte da vida.

Viso reconverte estes tabús en necesarias leccións no álbum ilustrado O meu baleiro, un título pensado para a cativada pero que tamén pode entusiasmar ao público adulto grazas á sensibilidade do seu tratamento, cuxo fío condutor son unhas coidadísimas ilustracións que axudan á precisa abordaxe dunha reflexión tan complexa pero á vez tan imprescindible.

Irmás Cartoné

E agora que, homiño?

Hans Fallada

Tradución: Patricia Buxán Outeiro

Afortunadamente, neste ano editorial abondaron as traducións e as ampliacións repertoriais dos máis interesantes autores estranxeiros, sendo unha das achegas máis rechamantes este E agora que, homiño? de Hans Fallada, unha das figuras fundamentais da literatura alemá do século XX.

Nesta novela, a que probablemente máis éxito lle reportou ao seu autor, ofrécesenos o retrato dunha Alemaña próxima ao precipicio do delirio nazi na ollada de Johannes Pinneberg, un home sinxelo incapaz de entender o tolo mundo que o rodea. A tradución de Patricia Buxán Outeiro e o sempre coidado traballo de edición de Irmás Cartoné converten esta novela nun dos máis ideais presentes para estas festas.

Urutau

Poesía Galega Novísima

Varias autoras

Parece claro que a poesía galega actual está a vivir unha renovación xeracional da que cumpría facerse eco. O volume Poesía galega novísima é a constatación deste feito e da enorme diversidade estilística que marca á nova xeración de poetas en Galicia.

Máis de trinta novas voces da nosa lírica integran esta escolma coordinada por Marcus Daniel Cabada para a editora Urutau: Afra Torrado, Andrea Valle, Arancha Nogueira, Carlos Lixó, Celia Parra, Lois Alcayde Dans, Noelia Gómez, Tamara Andrés ou Vicente Vázquez Vidal, entre outras moitas, achegan as súas composicións inéditas ou recuperadas doutras obras para demostrar ao lectorado a cantidade e a calidade do xénero. Querendo agasallar poesía, poucas opcións hai tan oportunas coma esta.

Hugin e Munin

A escritora

Madame de Genlis

Tradución: Isabel Soto

Nunca é doado escoller un só título de todos os que dá ao prelo a editora Hugin e Munin ao longo do ano para confeccionar este tipo de listas. O seu catálogo, sempre interesante e diverso, amplíase en cada volta ao sol con propostas ben curiosas, coma A escritora de Madame de Genlis.

Neste pequeno relato de comezos do século XIX, a autora reflicte unha experiencia persoal a través de Natalie, a súa alter ego, escritora coma ela e que bate con non poucos obstáculos na súa carreira literaria. Malia que, contra todas as dificultades, os esforzos de Natalie desembocan no éxito, esta vese abocada a unha disxuntiva: a realización persoal ou o sacrificio amoroso por un home receloso da súa sona. Unha nova achega para a colección Vólvense os paxaros contra as escopetas traducida por Isabel Soto e coa que sorprender a máis dunha amizade ou dun familiar.

Aira Editorial

Madialeva

Ana Moreiras

O mundo das mulleres do rural foi unha inspiración para Ana Moreiras dende a infancia e, co obxectivo de reivindicar a memoria das mesmas, concibiu esta fermosa novela gráfica, Madialeva, que xa tiña certo percorrido na autoedición cando o selo Aira Editorial a incorporou a unha nova colección de autoras de banda deseñada.

Nas súas páxinas, Moreiras apela á emotividade das lembranzas e á importancia dunha tradición oral da que as mulleres da aldea son as principais portadoras, sendo claro o compromiso de perpetuar a súa transmisión tamén a través das súas viñetas. Unha obra que nos reencontra cun mundo en constante risco de desaparición e que nunca se debería esquecer, engadindo así un valor á súa condición de agasallo literario.

Apiario

Gramo Stendhal

María Lado

María Lado foi unha das poetas máis prolíficas deste ano próximo ao seu remate, mais só neste Gramo Stendhal,recentemente editado na colección Cera Labrada de Apiario, aparece a súa sinatura en solitario.

Neste “libro de furia, de autodestrución e procura”, Lado convídanos á busca dunha beleza melancólica, pero tamén luminosa, dun xeito puro e honesto, cos riscos desenfadados pero non por iso menos transcendentais que caracterizan o estilo da súa autora. Como adoita acontecer con cada nova proposta de Apiario, o deseño do continente enxalza o contido do xeito máis equilibrado e oportuno (neste caso, a cargo de Mauro Trastoy) e redondea unha edición que paga a pena seleccionar como galano.

Edicións Embora

Contrahistorias de Galicia

Antonio Reigosa

Ilustracións: Rita Gutiérrez

Baixo este título suxestivo e provocador, Antonio Reigosa ispe para un público máis amplo as crónicas marxinais da nosa terra, descubrindo acontecementos e protagonistas que ata o de agora non gozaron dun lugar de seu na historia oficial e cuxo achado resulta abraiante para todo tipo de públicos.

Edicións Embora ampara esta publicación feita á medida das curiosas e que dá a coñecer nomes propios de tan pouca sona coma Eustorgia Acevedo, Modesto Brocos ou Antonia Díaz Pérez (entre outros), cun moi elaborado traballo de ilustración do que é responsable Rita Gutiérrez. Unha elección perfecta para entrar na “cara B da historia”, como manifesta o propio autor.

Chan da Pólvora

A desvértebra

Ana Romaní

A vixésima e última recomendación deste ano (cuxos calificativos transitan entre a perplexidade e o malfalado) non podía proceder doutro lugar que non fose a editora Chan da Pólvora, digna sobrevivente do desastre que levou por diante unha das grandes apostas do seu proxecto: a única libraría especializada en poesía da capital compostelá.

Malia enfrontar esta maiúscula adversidade, o traballo editorial non se detivo e recentemente deu ao prelo varias obras entre as que sobresae A desvértebra, o primeiro poemario que a escritora e xornalista Ana Romaní publica despois de toda unha década e no que explora novos camiños líricos que reconfirman a súa experimentada e recoñecida voz lírica.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.