Sony exhibe a PS5 nunha presentación cargada de novos títulos

Sony presentou onte en sociedade a Playstation 5 a través dun streaming titulado “The future of gaming”. A revelación do hardware da máquina culminou a hora e cuarto de presentacións de máis de vinte novos títulos, tanto first party como de produción externa. Así, a compañía nipona puxo fin seis meses de silencio dende que Microsoft revelara a Xbox Series X nos Game Awards o pasado decembro.

Aínda sen prezo fixado nin data de lanzamento, a PS5 terá dous modelos para elixir dende a súa saída: a edición normal e a dixital, que prescinde do lector de Blu-Ray. Ademais, xa coñecemos os periféricos cos que contará dende o comezo: o previamente revelado DualSense, unha estación cargadora para os mandos, un control remoto multimedia, auriculares con soporte para Audio 3D –unha das apostas máis fortes de Sony nesta xeración–e unha cámara HD. Polo momento descoñecemos cales destes aparellos virán embalados coa consola.

Os first-party máis agardados

Ata nove títulos de Playstation Studios –a nova marca que engloba os exclusivos da compañía nipona– foron anunciados na presentación de onte, sendo a grande maioría continuacións de sagas moi queridas polos xogadores.

Spiderman

Abriu a lata Marvel’s Spiderman: Miles Morales, que recolle a historia do heroe araña enmascarado xusto onde a deixou o título de PS4 en 2018. Nesta ocasión controlaremos ao pupilo de Peter Parker, Miles Morales. Aínda que non amosaron gameplay, é de agardar que será similar ao seu predecesor. Quedará por ver se, xunto a Miles, tamén chegará a exitosa historia do spiderverso para engadir máis capas á franquía de Sony. Chegará a finais do 2020.

Ratchet and Clank

Outra das franquías estrela da noite foi Ratchet & Clank, que chegará en exclusiva á PS5 coa súa nova entrega, Rift Apart. Como podemos ver no trailer, Ratchet desprázase entre dimensións en pleno gameplay. Será unha das características principais do xogo. Sony apunta, ademais que este foi un dos primeiros títulos deseñados arredor das capacidades da nova consola, dende a potente SSD ata o feedback háptico do novo mando DualSense.

Horizon Forbidden West

Rumoreado xa dende hai meses, Guerrilla Games confirmou a volta de Aloy para unha nova entrega. Horizon Forbidden West volve a trasladarnos a unha América post-apocalíptica na que, desta vez, non só atopamos fauna robótica e teremos que facer fronte a unha nova ameaza.

Returnal

Housemarque preesentou a súa nova IP, Returnal, que leva o xénero roguelike a un shooter en terceira persoa con moitos elementos psicolóxicos e estranos que lembran a Hellblade: Senua’s Sacrifice. Así, cada vez que morremos, o planeta alieníxena do que temos que escapar cambia por completo. É en títulos como este no que o audio 3D terá a oportunidade de lucirse para facilitar a inmersión.

Entre os demais first-party anunciados atopamos unha grande diversidade de xéneros e franquías que retornan. Gran Turismo 7 perfílase como candidato a destronar a Forza Motorsport como rei dos simuladores de condución, os plataformas 3D volven con Sackboy: A Big Adventure e Astro’s Playroom –este último virá de regalo pre-cargado na consola–, Lucid Games trae un derby de destrución con Destruction All Stars e Demon’s Souls terá un remake exclusivo en PS5.

Máis dunha ducia de third-party e indies

En pouco máis dunha hora, a Sony deulle tempo a anunciar ata 18 títulos de produción externa –algúns xa coñecidos con anterioridade–, a grande maioría con data de lanzamento en 2021 e, polo tanto, con vistas á nova xeración. Entre os máis destacados están:

Deathloop, de Arkane Studios. Con exclusividade para PS5 no eido das consolas –a versión en PC sairá simultáneamentee– e unha estética única e cautivadora, este shooter en primeira persoa segue a historia de Colt, un home que se atopa atrapado nun bucle de morte e destrución do que tentará escapar.

Resident Evil Village, de Capcom. A lendaria franquía volve cun xogo máis enfocado ao combate que na súa anterior entrega e algo máis afastada dos zombies, pois no tráiler apreciamos lobishomes e outras criaturas sobrenaturais. O título trasladaranos a un estraño pobo que encerra moitos segredos.

Hitman 3, de IO Interactive. A triloxía do Axente 47 chegará en xaneiro á súa fin con este título interxeracional no que o protagonista se enfrontará aos seus contratos máis importantes.

Stray, de BlueTwelve Studio. O tráiler deste novo título publicado por Annapurna amosa un gato que deambula polas rúas dunha cidade formada por robots. Suficiente para captar a nosa atención.

Kena: Bridge Of The Spirits, de Ember Lab. Unhas misteriosas e adorables criaturas, unha rapaza cun bastón máxico que as controla e un vasto mundo por explorar son os elementos que elixiu este pequeno estudo para presentar esta nova IP, coa que prometen un xogo na que a narrativa xoga un papel importante combinada con combates frenéticos.

Kena: Bridge of Spirits

Bugsnax, de Young Horses. Os creadores de Octodad prometen unha hilarante aventura na illa Snacktooth, na que viven os monstros metade becho, metade aperitivos.

Project Athia, de Square Enix e Pragmata, de Capcom. As dúas míticas compañías amosaron as súas novas IPs con sendos trailers de presentación nos que deixan claro que todavía queda moito para que poidamos desfrutalos –de feito, Pragmata foi anunciado para 2022– pero prometen sacarlle bo partido á nova xeración.

Project Athia

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.