Sorpesa nas primeiras confirmacións do Melona Fest: Vengamonjas estará en Compostela

Esta quinta edición de festival celebrarse entre o 1 e o 5 de abril

O colectivo A Melona pon en marcha toda a súa maquinaria anunciando os nomes dos seis primeiros artistas que integrarán o cartel da quinta edición do Melona Fest. O festival xa se consolidou como referente nacional en anteriores edicións e xa é unha cita ineludible para os amantes dos sons alternativos, que atoparán en Santiago de Compostela, do 1 ao 5 de abril unha oportunidade para coñecer artistas e obras de difícil acceso na programación doutras propostas.


Tras unha cuarta edición repleta de propostas innovadoras, o colectivo A Melona disponse a superar a súa propia marca cun festival coa clara intención de continuar congregando a todo tipo de xéneros e apostando pola convivencia do talento local, nacional e internacional. As seis primeiras confirmacións representan moi ben o carácter e as liñas programáticas da organización, que leva máis de cinco anos apostando polo eclecticismo e a vangarda.

VENGAMONJAS

A primeira destas confirmacións son os cataláns Vengamonjas, o aclamado dúo cómico que sacudiu os cimentos do humor a través da súa particular comedia esperpéntica reflectida en numerosas webseries, e cuxas reproducións xa superaron a cifra dos 12 millóns.

O éxito do dúo cómico barcelonés non é fortuíto senón consecuencia directa da súa capacidade para reinventar a comedia e explorar as fronteiras do humor e da expiación colectiva. Vengamonjas proporcionará ao MelonaFest altísimas dose humor, improvisación, irreverencia e incorrección política

MEGANSITO O GUAPO E CLAIANA

Ademais do dúo do entretemento, o Melona Fest suma á súa quinta edición proxectos de moi diversa índole e de complexa clasificación. Dende artistas urbanos que están rebentando o panorama nacional, como é o caso de Megansito o Guapo (Ground Control) e Hakima Flissi (Oso Polita), ata artistas que coquetean co electrofolklore, como é o caso Gui Le,  de orixe caboverdiano residente en Portugal, e o seu proxecto Claiana (Favela Discos).

É unha idea que nace a raíz de estrañas fonéticas emitidas por Gui de neno, e para o cal o seu pai creou o termo Claiana, coa intención de referirse a alguén que fala pero ao que non se lle entende nada. En Portugal xa se coroou como unha das figuras máis indomables da escena musical.

A ESCENA LOCAL

Se hai algo que vén caracterizando ás iniciativas da Melona é o seu afán por involucrar o talento local coa potencia da escena nacional e do panorama internacional. A proximidade do colectivo coa escena artística e creativa máis próxima permítelles coñecer e integrar na súa festival propostas novas e interesantes, como é o caso de Corvax e Mt, as dúas primeiras apostas galegas confirmadas para esta edición.

Corvax é un dúo audiovisual formado por Laura Iturralde e Xavier Núñez cuxa praxe centrada en experimentar co son, a imaxe e a luz para transportar ao espectador a través dunha viaxe de texturas e melodías inspiradas nun afastado universo. Os coruñeses Mt son o novo fichaxe do selo discográfico da Melona: un quinteto en busca dos sons máis oníricos do pop a partir de sintetizadores, reverberación e efectos sonoros con ecos e reminiscencias de bandas como Mild High Club ou Ariel Pink.

Pódeche interesar...
Terbutalina – Espabila Gallego