The End Of The F***ing World (T2): Segundas partes nunca foron mellores

A serie de Netflix utiliza os mesmos elementos que na primeira tempada dándolles aire fresco

The End Of The F***ing World foi unha das gratas sorpresas do catálogo de Netflix o ano pasado. A serie coproducida pola plataforma de streaming e a cadea semipública británica Channel 4 contaba a viaxe de dous rapaces que foxen das súas casas. James (Alex Lawther) porque se cría un psicópata e quería matar a súa compañeira para saber como era iso e Alyssa (Jessica Barden) para rebelarse contra a súa familia disfuncional.

O cliffhanger co que rematou a primeira tempada –James asumindo a culpa por todos os estragos que ocasionaran e recibindo un disparo da policía cando a pantalla fundía a negro– animaba a pensar que a serie o recollería onde o deixou. Porén, efectuouse unha elipsis de dous anos. Quizais para evidenciar o feito de que, entre tempos de rodaxe, tamén pasou o tempo e os actores principais semellan máis maduros.

The End of the F***ing World: Episode 3 – (Alex Lawther as James. Jessica Barden as Alyssa.)

Alyssa, cunha nova vida nunha pequena aldea apartada, segue sendo igual de infeliz. James, que conseguiu librarse de ir ao cárcere por asasinato, logra reconectar co seu pai antes de que este morra dun infarto. A pesar deste distanciamento, unha ameaza anónima volve a unir aos dous fuxitivos rapidamente.

Para esta tempada introdúcese unha nova personaxe, Bonnie. Ela era unha das estudantes do profesor asasinado por James e Alyssa ao final da primeira tempada, pero sentíase especial porque a súa historia familiar a fixo ter unha relación complicada co amor. Como consecuencia, e ignorando todos os detalles que rodeaban a morte do señor Koch, obcécase con matar aos dous protagonistas.

A adición de Bonnie era necesaria para cambiar a dinámica da primeira tempada e evitar que a serie se sentise repetitiva. Agora xa non son dous, senón tres personaxes mentalmente inestables e emocionalmente estropeadas as que emprenden unha viaxe cara ningún sitio e viven aventuras surrealistas.

E é que un dos grandes acertos desta traxicomedia negra é ese universo que rodea aos protagonistas: verosímil pero imposible, surrealista pero tanxible, incrible pero factible. Cada unha das persoas que aparece en pantalla e ten unha mínima liña de diálogo é unha esaxeración de si mesma ou dalgún estereotipo. Por exemplo o farmacéutico que se di “feminista” ou o dono do motel que non trama nada bo baixo a súa apariencia de ermitaño lastimeiro. E por eso funciona tan ben esta serie: trátase dunha historia con xiros macabros e impredecibles nun mundo afastado e á vez achegado ao que coñecemos.

De novo, o monólogo interno de James e Alyssa –e, en ocasións, de Bonnie– xoga un papel central na ficción, pois serve de fío condutor para que o espectador saiba o que senten uns protagonistas non moi faladores. Engade, así, profundidade aos personaxes, pois un dos puntos fortes son as conversacións incómodas entre James e Alyssa nas que tentan falar dos seus sentimentos pero non están psicolóxicamente preparados para facelo. Ás veces tamén serve de alivio cómico no medio de todos os diálogos tensos.

Esta segunda tempada repite a fórmula da road movie traxicómica da súa predecesora, pero a terceira pata desta nova viaxe, Bonnie, é un sopro de aire fresco á dinámica entre James e Alyssa. Aparece como unha ameaza constante que en calqueira momento pode levar a cabo a súa vinganza. Os oito episodios de menos de media hora poden devorarse nunha tarde e realmente a serie invita a iso grazas á naturalidade coa que está rodada –e aos finais de episodio con cliffhanger, todo sexa dito-.

En conclusión, esta nova entrega de The End Of The F***ing World conseguiu implementar a fórmula exitosa da primeira e levala a outro nivel cunha historia moi entretida e desfrutable. James e Alyssa volven botarse á estrada para volver a superar os seus traumas persoais e coñecerse mellor. Pero, por riba de todo, o que máis ansían é coñecerse a si mesmos.

Creador: Jonathan Entwistle
Guión: Charlie Covell
Fotografía: Justin Brown, Ben Fordesman
Música: Graham Coxon
Ano: 2019
País: Estados Unidos
4
Pódeche interesar...
Élite, o morbo como bandeira