‘The Last Dance’, o último tango en Chicago

Michael Jordan é un dos deportistas máis coñecidos globalmente, sendo unha figura extremadamente popular aínda hoxe en día, considerado o mellor xogador de baloncesto da Historia e que sempre entra en calquera ránking ou lista dos mellores deportistas da Historia en calquera disciplina. A súa figura elévase pola mística da súa carreira, con 2 voltas da retirada e 6 títulos gañados en tandas de 3 seguidos, retirándose no medio de ambas para xogar ao béisbol.

Netflix asociáse con ESPN para crear The Last Dance, vendido como a intrahistoria da súa última temporada nos Chicago Bulls mais a realidade que atopamos é un documental sobre toda a vida do xogador, cuxa factura recorda a outros semellantes coma Magic and Bird: A Courtship of Rivals (de HBO) ou Once Rivals (da ESPN, sobre Vlado Divac e Toni Kukoc no contexto de tensión iugoslava).

A historia de Jordan é moi coñecida, e calquera afeccionado ao baloncesto sabe practicamente tres cuartos do que vemos no documental, o material inédito non é tanto como o prometido, pero a súa factura e o factor nostalxia (ou en xeracións como a miña, o factor visionado do que xa limos) fai que este target se manteña pegado á pantalla. Curiosamente, a narrativa potencia o interés da xente que non sabe a historia, creando unha dobre narración entre a carreira de Jordan e esta última temporada que constrúe o personaxe principal, á maneira dunha historia de suspense, facendo sentir esa aura máxica que desprende un deportista desta magnitude cun fondo que é realmente de película, sen necesitar un andamiaxe previo nin unha edición invasiva para facela interesante.

Jordan é produtor do documental, o que fai aínda máis curioso que isto non se converta nunha haxiografía. A pesar das críticas que o critican de publireportaxe, diferénciase doutras producións demasiado planificadas (os filmes de Messi ou Cristiano Ronaldo, os documentais de Netflix sobre equipos de fútbol), amosando as partes máis escuras e emocionais del, enfrontándoo á polémica e a experiencias traumáticas, sumando relevancia ao proxecto, xa que é un tipo moi pouco dado as entrevistas desde a súa retirada definitiva.

Impacta velo chorar afogado no chan do vestuario ao gañar o seu cuarto título, ou mandar parar a gravación ao emocionarse reflexionando sobre a súa actitude de tiranía cos compañerios, que lle custou a simpatía deles e do público. Non chega á profundidade de outras producións como “Sunderland ‘Til I Die” (onde a dirección deportiva dun clube real se converte espontaneamente en “The Office”) e pasa por alto algúns puntos polémicos, como a súa vida matrimonial e a fallida segunda volta ao baloncesto cos Wizards, mais o acercamento á súa mentalidade é completo. O documental non fai que Jordan che caia ben, fai que penses que é o mellor xogador da Historia, entre outras cousas, porque o é.

Do máis interesante do documental son os pequenos anacos nos que se afasta de Jordan e busca historias nos seus achegados. A súa gris man dereita Pippen ou o bullying deportivo cara o seu posterior compañeiro Kukoc nas Olimpiadas axilizan a narrativa xeral e incluso a opacan, coma nos casos das tolemias de Dennis Rodman (ten o seu propio documental, “Rodman, for better or worse”) ou o paralelismo entre os asasinatos dos pais de Jordan e de Steve Kerr.

“Space Jam” (Joe Pytka, 1996), protagonizada polo propio xogador, foi un éxito mundial e é un clásico moderno, elevando a popularidade dun Michael Jordan do que en Europa pouca xente vía os partidos, pero do que os highlights, os títulos, as Olimpiadas de 1992 e o cine o fixeron unha lenda. “Space Jam 2”, onde o protagonista é Lebron James será realidade o ano que vén, a comparación é evidente e enriquece o debate deportivo sobre quen é o máis grande dos dous. Antes de que LeBron se gañe as novas xeracións cos debuxos animados, Jordan quixo prender as vellas e as “medianas” (por non chamarme vello aínda a min mesmo) con este documental, bailando unha última vez con nós. E os que non o coñecían? “Benvidos ao voo número 23, aerolíneas Jordan” que diría Andrés Montes.

Dirección: Jason Hehir
Música: Tom Caffey
Fotografía: Michael Winik, Peter Winik, Thomas McCallum, Vincent Guglielmina
Ano: 2020
País: Estados Unidos
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.