‘Under the Skin’ chega hoxe aos cines tras sete anos de espera

O filme protagonizado por Scarlett Johansson proxéctase por primeira vez nas salas do Estado despois dunha longa batalla pola súa distribución

Under the Skin estreouse en 2013 no Festival de Cine de Telluride, e pouco despois pasou tamén por Venecia e Toronto, onde causou unha fonda impresión. O filme, dirixido por Jonathan Glazer e protagonizado por Scarlett Johansson, chegaría ao ano seguinte ás salas de cinema de todo o mundo. Mais a distribuidora Avalon, inmiscuída durante anos en arduas negociacións cos produtores, tivo que esperar moito máis para traela ao Estado. Hoxe venres, 10 de xullo, podemos vela por fin en cines.

Baseada na novela de ciencia ficción homónima de Michael Faber, Under the Skin presenta a unha enviada do espazo exterior na busca de humanos que sirvan de alimento para a súa especie. Mais intentar resumir o seu argumento semella ridículo nunha película coma esta. Durante máis de 100 minutos de metraxe e onde os diálogos ocupan, como moito, unha páxina de guión, vemos a Johansson nun papel á súa altura: suxerente, inquedante e sobrecolledora.

Deambula polas rúas de Escocia, nunha interpretación onde aparentemente nin sente nin parece, mais pouco a pouco vai aprendendo os códigos de comportamento dos terrícolas. Cada pouco, un misterioso motorista estoupa en escena sen intervir na narración, senón coma unha especie de pantasma en segundo plano.

Glazer argumenta que abordou Under the Skin desde unha pretensión de “ausencia da estética”, intentando plasmar a verdade do mundo tal e como é, a que vai descubrindo a alieníxena. Esta aproximación tan experimental, por momentos surrelaistas, levou ao filme a ter unha carreira comercial moi curta nos países nos que se estreou. Mais desfrutar dela en pantalla grande promete unha experiencia nada desmerecida.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.