UNDERCLOCK

Underclock publica ‘Doggg666’, unha reflexión sobre o concepto do can

Este tema formará parte do disco que sacará Underclock este mesmo ano.

Underclock publica Doggg666, o primeiro single do seu novo disco que sairá en 2020. O DJ de Cangas admite que “en realidade este tema ía ser para outro EP” pero decidiu incluílo no disco porque considera que o seu público entende no imaxinario no que se move e o que intentar transmitir. Este tema ten un ton máis agresivo que outros do artista: “Quería sacar un pouco a rabia de enriba, ao final recollo un pouco o estilo do trap orixinal”, explica.

Neste novo traballo, segue na súa liña de reivindicar unha música política a pesar de ser un artista instrumental: “Creo que teño un marcado contido político, mais tampouco estou en disposición de dicirlle a xente o que debe pensar, pois ao final o que transmito ás veces queda nun xogo de conceptos dentro dun imaxinario que busca remover conciencias. Gústame buscar metáforas e dobres sentidos”, indica.

De aí ven a xénese do tema, que segundo di Underclock, é unha crítica á Policía representada como o can: “Non quería facer unha simple crítica, quería resignificar o concepto do can, que sempre veu da man de defender a propiedade privada. Entón pretendo falar de quen é o dono, quen o dirixe e cal é o papel das forzas das forzas do Estado”. Tamén sinala que a cadea ten un dobre sentido, por un lado a opresión e por outro a súa utilización como un luxo. “Ademais a nivel son encaixa perfectamente co que é a miña música”.

A pesar de que Dogg666 publícase nestes tempos de transición cara a Nova Normalidade, Underclock non se considera un oportunista coa situación actual: “Sacar isto non cambia entre sacalo na corentena ou non, hai outros artistas que si que o foron, pero para que eu fora un oportunista para comezar debería ter oportunidades na música”, conclúe.

Pódeche interesar...
‘Hunter x Hunter’: A revolución dende a involución