MELONA FEST III | Foto: Ada Seoane

Unha medicina en risco de enfermar

O sector cultural galego: precariedade, incerteza e vivir ao día

Vimos de pechar o ano máis estraño das nosas vidas. Cruzadas as portas de 2021, e seguindo a liturxia do calendario gregoriano, deixamos atrás, desexosos, un turbulento 2020. Un de pandemia mundial -quen o podería ter imaxinado?-; de confinamento, desescalada e Nova Normalidade, escalada e semi-confinamento outra vez. Na axenda pública, a famosa vacina, a situación económica da hostalaría ou a seguridade dos sanitarios son asuntos de primeira orde. Mais a última sección do telexornal, a que viña despois dos Deportes e antes do Tempo, semella ter desaparecido.

A crise da COVID-19 non se está a traducir soamente nunha alarma sanitaria, senón tamén nunha depresión económica e social cuxa sombra nos perseguirá durante anos. E mentres as axendas institucionais enfocan todos os seus esforzos en mitigar as consecuencias da mesma no sector turístico ou no hostaleiro, outro semella volverse prescindible. Aquel que durante todos estes meses de confinamento e desconfinamento ocupouse -e ocúpase- de entreter as cabezas e evitar que toleásemos -e toleemos-. Os chamados monicrequeiros, administradores dunha medicina de valor inestimable: a cultura.

Cando en marzo agromou o virus que nos pechou a todos nas nosas casas, todo era incerteza para o sector cultural. Moitas das ramas dun ámbito xa precarizado de antemán vían agora ameazada, pola súa propia natureza, a súa existencia. O cine, o teatro ou a música en directo,  tradicionalmente consumidos en colectividade, semellaban impracticables nun contexto  no que cómpre rexeitar o contacto social. Canto tempo ía pasar ata que se puidese celebrar un festival de música? Imos conseguir aguantar ata que chegue o momento?

MELONA FEST III | Foto: Ada Seoane

O Concello de Santiago: un compromiso exemplar

Porén co bo tempo, chegou a Nova Normalidade, e parecía que a conciliación era posible. Reducindo aforos, obrigando o uso de máscara e a distancia de seguridade, asumindo un menor número de beneficios e aceptando a concesión de axudas e subvencións das institucións, podía haber salas de cine e concertos. Foi neste contexto cando o Concello de Santiago de Compostela se puxo a traballar intensamente para reprogramar toda a actividade cultural paralizada ou aínda por celebrar.

“Fomos a primeira cidade que aprobou en Xunta de Goberno un protocolo que permitirse garantir a seguridade nos nosos espazos públicos”, explica a Concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón. Santiago de Compostela non é só a capital de Galicia, senón unha capital cultural a nivel mundial, e así o entenden desde a administración municipal: “As nosas industrias culturais son absolutamente pioneiras, teñen un peso brutal a efectos económicos, e polo tanto é un estatus que temos que darlle ao sector, igual que á hostalaría e ao comercio”.

O verán transcendeu sen apenas incidencia da COVID-19 en Compostela, e conseguiu recobrarse parte desa normalidade á que aspiraba a cidadanía. “Habilitamos o espazo público, as nosas prazas e os nosos parques, para empregalos como espazo escénico; espazos seguros, dispersos e variados que nos permitiron ofrecer moitísimas alternativas”, indica Rosón, xa que “a cultura non infecta, todo o contrario; axuda a afastar estes avatares tan complicados”.

Porén o 2 de setembro, a Xunta de Galicia, “dunha forma preventiva ante a chegada de estudantes universitarios á cidade”, decidiu tomar novas medidas na celebración de actos culturais a nivel autonómico: restrinxíronse os aforos a un máximo de 60 persoas en todos os espazos. “É completamente inxusto e desproporcionado, cando se está garantindo un control exhaustivo das medidas de seguridade”, denuncia Rosón.

Curtocircuíto: as alternativas do cinema en formato híbrido

Foi no marco destas restricións, na primeira metade de outubro, cando se celebrou o Curtocircuíto, un festival que leva 14 anos inaugurando a tempada outonal de cine impulsada polo Concello de Santiago de Compostela. “As semanas previas foron bastante complicadas porque non sabiamos o que podiamos e non podiamos facer, e o Concello tampouco; era todo moi incerto e moi ambiguo”, apunta o seu director, Pela del Álamo.

Insistimos na idea de que os festivais temos que estar ao servizo das películas, non as películas ao servizo dos festivais; tiñamos que darlle facilidade aos cineastas para que as súas obras acadasen a máxima visibilidade posible.

Pela del álamo

Mais desde a organización do Curtocircuíto souberon sortear as adversidades e adaptarse ás obrigadas circunstancias. Cun formato presencial tan limitado, habilitaron o seguimento da programación por streaming. E mentres que soamente puideron acudir ás sedes do festival preto de dous mil espectadores, colleitaron unha audiencia de 12 mil espectadores na súa canle da plataforma Filmin.

O reto estaba en como facer viable o online tanto para os cineastas, como para as distribuidoras, como para os festivais”, di del Álamo, quen achaca o éxito ao “diálogo entre todas as partes”, así como á creación en xullo de Pantalla -a federación estatal de coordinadoras de festivais cinematográficos-: “Insistimos na idea de que os festivais temos que estar ao servizo das películas, non as películas ao servizo dos festivais; tiñamos que darlle facilidade aos cineastas para que as súas obras acadasen a máxima visibilidade posible”.

Entrada do Teatro Principal nunha sesión de Curtocircuíto | Foto: Aigi Boga

Cineuropa: a necesidade de encher as salas

O volcado no formato online non só veu propiciado polo “código de boas prácticas” que impulsou Pantalla, senón pola propia natureza da programación do Curtocircuíto: curtametraxes de baixo presuposto que na maioría dos casos non chegan ao circuíto comercial e que, polo tanto, non implican grandes limitacións por parte das empresas distribuidoras. Porén esa non foi a sorte do seu irmán maior Cineuropa, festival que leva máis de tres décadas levando a Compostela as mellores longametraxes europeas e internacionais do ano cinematográfico.

O seu director, José Luis Losa, alude ao perfil dos contidos de Cineuropa para explicar a súa impracticabilidade telemática: “É o mainstream dentro do cine de autor, son películas que non che deixan mostrar online porque se queimarían”. En adición, no momento no que o festival estaba a piques de dar o pistoletazo de saída, a comezos do mes de novembro, irrompeu outra dificultade: a segunda vaga de contaxios da pandemia; e con ela, a restrición de aforo a 30 persoas por sala. Pero contra todas as adversidades, a organización e o Concello seguiu adiante.

Como explica Mercedes Rosón, “ver o Teatro Principal con 30 asistentes nun festival tan importante e custoso é terrible; pero había dúas opcións, ou facelo ou non facelo, e apostamos por tirar para adiante”. Segundo Losa, a organización era “consciente de que o 70 ou 80 por cento do público habitual de Cineuropa non ía poder asistir”, e a sensación sobre o resultado foi de regusto “agridoce”: “É moi triste ver as salas así, pero supoño que estando abertos o Principal e o Salón Teatro cando o aspecto da cidade era tan desolador, conseguimos recuperar un pouquiño da vella normalidade”.

Cartel promocional de Cineuropa

Por suposto, o Cineuropa enfrontábase non só á limitación dos aforos, senón tamén ao toque de queda e á necesidade dun tempo entre sesións para limpeza e desinfección das sedes. Un festival que adoita programar dous centenares de títulos con ritmos extremadamente frenéticos, tivo que axustarse ás 99 películas. Congratulei a Losa pola fenomenal escolma realizada nesta edición, e ambos coincidimos en que supuxo “unha colleita moi positiva fronte ao que se viu en salas de cine este ano”.

O problema da exhibición cinematográfica comercial é que son as empresas distribuidoras as que deciden cando se lanza unha película e, se hai perigo de que fracase en taquilla, paralízase a estrea. “Non se estreou practicamente nada, pero nos festivais non se nos negou nada”, porque “a película non se queima por exhibila nun festival, pero cando a lanzas no ámbito comercial queda á súa sorte; e a sorte é a deste momento tan complicado”, afirma Losa.

A problemática das salas de cine

En última instancia, Curtocircuíto e Cineuropa son festivais financiados con diñeiro público do Concello de Santiago: están feitos para non deducir rédito económico, pois o beneficio é o seu aporte cultural á sociedade. Como apunta a concelleira Rosón, a administración é “unha entidade pública que quere esgotar todos os orzamentos para apoiar ao sector cultural”; pero “estanse levando por diante a moitas empresas culturais, porque viven da taquilla”.

En agosto falara con Ramiro Ledo, director e programador da sala DUPLEX Cinema de Ferrol -daquela tamén de NUMAX Compostela-, con motivo das primeiras axudas da historia do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) ás salas de exhibición. Transmitírame optimismo, argumentando que o público ía concienciándose pouco a pouco de que o cine é un lugar seguro. Porén desta volta, a sensación é xusto a contraria.

A partir de novembro, coa segunda vaga, moitos gobernos autonómicos decretaron o peche das salas, como foi o caso de Cataluña. “Os principais lugares de estrea de cara a rendibilizar as copias son Madrid e Cataluña, e se algunha destas dúas comunidades non permite estrear en salas de cine, as distribuidoras están case obrigadas a cancelar a estrea no resto de España”, explica Ledo. Ao descenso das estreas súmase a perpetuación da desconfianza do público, xerada artificialmente non só mediante o peche de salas nalgúns territorios, senón tamén coas novas restricións de aforo.

NUMAX | Foto: Pedro Silva

O cine está constatado como un espazo seguro: “Non se rexistrou nin un só contaxio en salas; hai restricións de aforo, vas con máscara e o público non fala”, argumenta Ledo. “Cumprindo os protocolos sanitarios, obrigar a unha sala con aforo para 200 persoas a vender soamente 30 entradas, é como dicirlle que non ten sentido que estea aberta”, engade. En adición, a restrición de mobilidade nocturna obrigou ás salas de exhibición a prescindir da última sesión da noite.

O programador acusa a arbitrariedade das medidas tomadas pola Xunta: “O que fai falta é coherencia e proporcionalidade”. Así coma o descoñecemento “da realidade cotiá dos actos culturais” por parte da institución. Ademais, as medidas paliativas que se tomaron desde administración “son moi puntuais e non responden á dimensión da perda que están causando as restricións que impoñen”, salienta.

O Sísifo da distribución cinematográfica

Ramiro Ledo tamén é xestor da actividade de distribución cinematográfica que realiza a cooperativa NUMAX. Preguntado polo punto de vista desde este sector, reiterou as dificultades que supón a asimetría nos peches dos cinemas no Estado: “Houbo moitos filmes que non se puideron estrear en todas as comunidades, o cal é un custo engadido para os que decidimos arriscarnos”.

Sentímonos sen folgos, levantas todo e no momento de arrincar vense todo abaixo outra vez. É unha especie de Sísifo.

Ramiro ledo

Pon como o exemplo a estrea do filme de Pedro Costa, Vitalina Varela, que NUMAX comezou a distribuír comercialmente unha semana antes do decreto do toque de queda: “O filme arrincou ben, coma nun 30% menos do que podería nunhas condicións normais, e a partir dos tres primeiros días volvemos outra vez ao mesmo”. Deste xeito, denuncia a actitude da administración cara o sector: “A sensación desde o punto de vista da distribución independente é de afogo e de falta de compensación”. Ledo conclúe: “Sentímonos sen folgos, levantas todo e no momento de arrincar vense todo abaixo outra vez, é unha especie de Sísifo.”

A illa das mentiras’: sinerxias entre as salas e o streaming

Se algo cómpre destacar do panorama cinematográfico galego é a pertinaz cooperación entre distribuidores e exhibidores -tanto comerciais como do circuíto de festivais- e cineastas independentes. Porén estes últimos seguen sen ter o camiño fácil. Paula Cons, directora da recente película A illa das mentiras, fala desde un natural optimismo sobre as circunstancias que dirimen dun momento moi difícil para o mercado: “Encher salas nestas circunstancias é un triunfo absoluto do cine e da cultura encher”. Segundo a realizadora, “todo está cheo de amor e de apoio”, e “o público demanda cultura porque permitiu que as cabezas estivesen sas”.

Paula Cons | Foto: Brais Nogueira

A historia da distribución d’A illa das mentiras foi moi peculiar e turbulenta; aínda así, para a súa directora, non foi a “historia dun fracaso”. A estrea da película estaba programada para o 29 de maio en salas de toda España mais, por razóns evidentes, tivo que paralizarse. Entón unha das empresas produtoras do filme, a arxentina Aleph Cine, suxeriu distribuír a longa na plataforma de streaming CINE.AR, impulsada polo instituto de cinematografía arxentino. A primeira vez que se puido ver A illa das mentiras foi na Arxentina, e cun éxito tal que chegou a ser a segunda película máis vista do servizo.

Con esta experiencia, vencellada á selección do filme no prestixioso Festival de Shanghái, e tras moitos debates, decidiuse que a distribución estatal d’A illa das mentiras se realizaría en streaming a partir do 24 de xullo. A estrea en Filmin foi abrumadora: “En agosto fomos a película española máis vista da plataforma, e a terceira máis vista a nivel mundial”, explica Cons. Porén “ese éxito que valeu para afianzar a película e rematar de conseguir a selección en San Sebastián, non dá o diñeiro que podería ter sido en salas”, prosegue.

A obsesión da directora era chegar a estrear en salas, canto menos, en Galicia. E conseguiuno. O 16 de outubro chegou aos cinemas galegos, e a película aguantou “9 ou 10 semanas” en carteleira: “Hai cines aos que lles devolvemos a vida; pero claro, as salas non se podían encher, quedaba a xente fóra, e cantas entradas se perderon xa por aí?”, pregúntase a directora. “É difícil sacarlle rendemento nestas circunstancias, case un exercicio de vontade, eu percorrín no meu coche quilómetros e quilómetros indo aos coloquios”, comenta Cons.

Non creo en absoluto na desaparición das salas, a xente cre nese ritual. Pero nestas circunstancias probablemente chegueis ás salas porque foi moi ben en Filmin, e iso espertou confianza.

PAULA CONS

O caso d’A illa das mentiras atravesa todos os matices dun poliédrico debate: a distribución e exhibición cinematográfica en salas fronte á auxe do Video on Demand. Cons avoga pola “convivencia pacífica” e “retroalimentación” entre salas e plataformas: “Non creo en absoluto na desaparición das salas, a xente cre nese ritual, pero nestas circunstancias probablemente chegueis ás salas porque foi moi ben en Filmin, e iso espertou confianza”, conclúe.

Polas propias características do medio cinematográfico, este debe ser construído desde unha industria solidamente artellada. Por iso mesmo, a situación económica que estamos a vivir fai que o tecido do cinema galego frouxee máis ca ningunha outra industria cultural nacional. Noutras palabras, a industria cinematográfica é como unha torre de Jenga: se quitas a peza das circunstancias favorables para rodar, ou da confianza dos distribuidores para estrear, ou da fidelidade do público para ir ás salas, os sectores da produción, distribución e exhibición comezan a vacilar, coa ameaza de que acaben caendo.

Os beneficios dunha industria musical non profesionalizada

Mais este non é o caso de todos os ámbitos culturais galegos. E o exemplo máis claro é o musical. Hoxe en día, nun contexto no que xa non existe demanda de música en soporte físico e o streaming non dá apenas cartos, o que lles queda a músicos, produtoras e discográficas e o rendemento do directo. Porén o sector da música galega estaba tan precarizado antes da COVID-19, que practicamente ningunha das súas partes podía sosterse economicamente traballando exclusivamente no eido musical.

Como explica Coque Dosil, responsable da sección de eventos do colectivo compostelán La Melona, “traballar desde o amor á arte ten as súas partes positivas”, xa que como non dependen “economicamente da actividade cultural”, poden permitirse “cancelar un festival” se pensan que “non se vai poder desfrutar coas garantías nas que se debera”. Este foi o caso do Melona Fest, un dos eventos máis destacados da escena de Compostela, o cal se ía celebrar en abril, adiouse a outubro, e finalmente foi cancelado.

MELONA FEST III | Foto: Ada Seoane

Queremos celebrar un evento no que se xera comunidade, no que se comparte, no que hai unha proximidade por parte do público”, incide; “ao ser unha asociación sen ánimo de lucro, que traballa polo amor á arte, cando volva a arte, volveremos”. Preguntado polas presumibles perdas económicas que se inducen da cancelación dun festival, Dosil apela ao “humanísimo trato” e á “empatía” de todas as partes, tanto salas como artistas, que fixeron que o risco económico para La Melona se reducise ao mínimo posible.

Porén La Melona non para. Este outono organizaron un pequeno ciclo de concertos auspiciado pola Xunta, Portas do Camiño, Portas da Cultura, cuxo obxectivo principal foi a gravación de directos. Ademais, Dosil explica que o colectivo se atopa nun momento de reformulación da súa actividade: “Agora mesmo estamos virando cara á oferta formativa; estamos traballando en cursos de formación coa SGAE, así como nun programa en colaboración coa Universidade de Santiago”.

Dadas as circunstancias, a organización de La Melona comezou a refigurarse que “valor ten a labor” que están facendo, que poden “aportar á sociedade”, que poden “aportar ás artes” e que poden “modificar para xerar valor á sociedade e á música”, precisa o organizador e, ademais, pedagogo de profesión. Chegaron á conclusión de que era necesaria a oferta dunha formación musical adaptada á realidade actual: “Queremos administrar ferramentas para que os músicos e artistas teñan novas habilidades, coñecementos, hábitos e destrezas no momento no que chegue a normalidade”.

Alén da organización de eventos, La Melona tamén se dedica á xestión discográfica e promotora de bandas e artistas, como son Mundo Prestigio, Dois, La Buena Nueva ou Pálida. Esta actividade do selo discográfico non pode -nin vai- parar: “Nós imos seguir publicando, sempre tratamos de buscar cousas novas”, explica o responsable Carlos Gómez, tamén membro da banda Trifulca. Segundo Charli, “para moitos artistas que están no selo é tan fácil como gravar na súa propia casa”. Non nega que “cando se perde a oportunidade de presentar en directo as cancións, desaparecen un pouco as ganas de gravar”; porén a súa pretensión e a de adaptarse ás novas circunstancias.

Denis Carballás

Nunha tónica semellante, fala Denis Carballás, membro da formación rock The Riggos. A banda viguesa espera publicar o seu segundo álbum de estudio para o ano vindeiro, pero non colleita demasiadas esperanzas á hora de planear concertos: “Sendo un músico do montón… creo que o pouco que se poderá sacar o ano que ben, sacarao a xente con certo nome, pero os de abaixo tiraremos do que poidamos”. Quedaron escalcados: “Foi como vivir ao día, ver o que ía pasando; podías ter un concerto a semana seguinte pero dous días antes de súpeto non hai concerto.”

Poesía e filosofía adaptadas aos novos tempos

Á hora de analizar a situación global do tecido cultural galego, interesábame especialmente coñecer o punto de vista dun dos maiores promotores da cultura en Compostela: Diego Horschovski, divulgador filosófico, poeta e músico; organizador de Filosofía a Pé de Rúa, Poetry Slam Compostela e Poesía e Microrrelato Compostela. “Durante a primeira onda da Covid a xente da cultura tivemos que adaptar as dinámicas ao formato online”, explica. Nestas circunstancias, a poesía e a filosofía non se detiveron: “Fixemos debates telemáticos de filosofía, encontros de Poetry Slam dixitais, recitais poéticos, entrevistas…”, enumera Horschovski.

Reflexionando sobre a boa acollida das actividades neste novo formato, atopou o éxito dos encontros poéticos na motivación da comunidade para “celebrar a poesía” e máis na “necesidade de distracción e entretemento” durante a corentena. Por outra banda, a gran convocatoria dos encontros de filosofía tivo a súa raíz na necesidade social de “pensar a nosa actualidade, o noso día a día, a realidade da pandemia”.

Reflexionando sobre a boa acollida das actividades neste novo formato, atopou o éxito dos encontros poéticos na motivación da comunidade para “celebrar a poesía” e mais na “necesidade de distracción e entretemento”. Por outra banda, a gran convocatoria dos encontros de filosofía tivo a súa raíz na necesidade social de  “pensar a nosa actualidade, o noso día a día e a realidade da pandemia”. Para o vindeiro ano, Horschovski garda esperanzas: “Aínda queda moito tempo, pero creo que as cousas irán a mellor. E creo que no contexto actual as institucións teñen que volcarse para que poidamos seguir exercendo o noso traballo”, denuncia o dinamizador cultural.

Neste senso, agradece que o Concello de Santiago inclúa na axenda institucional actividades que doutro xeito non se poderían levar a cabo. Por exemplo, os encontros pendentes da terceira tempada de Poetry Slam Compostela, sen os cales non habería representación da cidade na final estatal do próximo mes de marzo en Zaragoza: “O Concello vainos apoiar na realización do Poetry Slam, e imos poder celebrar a última eliminatoria e a final compostelá nalgún dos espazos da cidade proximamente, de xeito que poidamos ter unha representante que compita na final”.

Diego Horschovski | Foto: Celia Eiras

A auxe da literatura como cultura de consumo individual

Pero non todo ían ser desgrazas e adversidades. Hai un ámbito, o literario, editorial e de venda de libros, que está a sacar réditos neste contexto tan complicado. Xacobe Pato, dono da librería compostelá Cronopios, apela a unha sensación de mellora respecto ás vendas do pasado ano: “Hai moitas cousas que non se poden facer, como outro tipo de actividades culturais ou reunirse en bares, polo que a xente volcouse a ler”.

Aparte da imposibilidade dun ocio colectivo, o libreiro achaca este crecemento a que “a poboación que quere que nas súas cidades haxa comercio local e vida de rúa”. Segundo Pato, as primeiras semanas nas que o comercio puido reabrir, alá por maio, Cronopios fixo “unhas caixas incribles, case como Nadal”. Con curiosidade, pregunteille se notaba unha mudanza nas escollas de lectura da poboación nestes novos tempos, ao que respondeu que durante a desescalada a xente “mercaba moitos máis libros clásicos en lugar de novidade editorial”.

Serviu para reflexionar sobre se fai falta que se publiquen tantos libros, que abarroten as librerías, e que de súpeto algún empece a venderse. Porque é como unha especie de lotería.

xacobe pato

Isto debeuse a que durante os dous meses de corentena o mercado editorial paralizouse, pero as dinámicas remataron volvendo ao seu cauce unha vez se reanimou a actividade normal. Ata certo punto, xa que algunhas editoriais, sobre todo independentes, preferiron continuar cun ritmo de publicación máis sostible: “Serviu para reflexionar sobre se fai falta que se publiquen tantos libros, que abarroten as librerías, e que de repente algún empece a venderse, porque é como unha especie de lotería”.

Ademais de libreiro, Xacobe Pato fíxose co título de autor publicado este mes de setembro, tras o lanzamento do seu primeiro libro, Serei feliz mañá, da editorial Espasa. Como non ten publicado nada na vella normalidade, non pode comparar as vendas do seu diario coas que se darían nunha situación normal. Serei feliz mañá vai “máis ou menos ben”, apunta; porén como libreiro coñece a importancia que lle dan moitos autores á presentación das súas obras: “Eu non o tiven e non sei se me prexudicou, pero desde logo a experiencia e a promoción do libro tería sido moi diferente”.

Xacobe Pato (@xpgigirey)

Cando preguntaba a cada un dos entrevistados cales eran as súas expectativas para este ano que estamos a piques de inaugurar, non podía velos a través da liña telefónica, mais si os podía imaxinar a todos -se acaso excepto ao último- encolléndose de ombros. Todo segue a ser pura incerteza, nun contexto onde todo debe construírse sobre a marcha. Un no que cómpre estar en constante alerta sobre cales serán as condicións nas que se poderá desenvolver a actividade cultural á semana vindeira.

Algúns, como Pela del Álamo, esperan un ano 2021 máis estable, coa esperanza da efectividade da vacina que está por chegar nos próximos días. Pero a maioría prefire non marcarse expectativas e armarse de forzas para enfrontarse e adaptarse ao que está por vir. Todos esixen un maior apoio e coherencia por parte da administración, sobre todo da Xunta de Galicia. Xustamente hoxe, o goberno autonómico reúnese para decretar novas restricións, observando un terceira vaga da pandemia ata agora oculta baixo as vacacións do Nadal.

A nós, como sociedade, só nos queda concienciarnos de que a cultura non contaxia, de que a cultura é segura, e de que non podemos deixala enfermar.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.