‘Verán’, unha obra de teatro virtual e interactiva para os meses estivais

Oístes? Teatro, o grupo de teatro experimental con base en Santiago de Compostela, estreará Verán, unha obra interactiva con duración dunha hora, en liña esta fin de semana na plataforma Zoom. A obra representarase ás 20:00 do domingo 1 de agosto.

Tras o éxito da súa última peza en liña Unha noitiña de drag, o grupo de artistas internacionais retorna ao escenario virtual con Verán, unha obra orixinal que expón en paralelo varias facetas da estación da cal a obra toma nome.

Verán conta con elementos de narración oral, gastronomía, música e tradicións pagás relacionadas coa estación para intentar crear un mundo estival na rede. A peza convida e anima ao público a participar interactuando tanto co elenco artístico – que inclúe artistas de Galicia, o resto do Estado e os EEUU – coma coas outras persoas asistentes, e así influír directamente o que acontece. Deste xeito, os espectadores poderán explorar varias salas virtuais e elixir libremente en cal quere estar en cada momento da obra.

“Para moitas persoas, o verán é un momento de relaxación, festa e contacto coa natureza. Queríamos crear un espazo virtual no cal o público podería gozar de todos estes aspectos da estación á vez, e cun toque de escapada a outro mundo” explica Tyler McKechnie, director e fundador de Oístes? Teatro.

As entradas para verán son de balde; o público terá a oportunidade de colaborar economicamente coa compañía despois de experimentar a peza. As reservas de prazas para poder desfrutar de Verán poden facerse aquí.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.