Wes Anderson quenta motores co primeiro tráiler de ‘The French Dispatch’

A décima longametraxe de Anderson, unha "carta de amor aos xornalistas", chegará aos nosos cinemas o 29 de setembro

Onte viu a luz o tráiler de The French Dispatch, a décima longametraxe de Wes Anderson. Ambientada nunha ficticia cidade francesa da segunda metade do século XX, a acción xira en torno a unha redacción dunha revista estadounidense. A película, descrita polo propio Anderson como unha “carta de amor aos xornalistas”, atópase inspirada na mítica publicación americana The New Yorker. Aínda que a estrea en Estados Unidos está prevista para o 24 de xullo, teremos que esperar ata o 29 de setembro para vela nos nosos cinemas.

Este primeiro adianto non aclara cal será o fío narrativo do filme; mentres que o director declarara anteriormente que The French Dispatch se centraría na figura do creador da revista, interpretado por Bill Murray, o tráiler introduce tamén outras tres historias, a todas luces cubertas e publicadas por el e polo seu plantel de xornalistas.

Mais o que si asegura Anderson é un retorno ao live action -a súa anterior película, Illa de Perros, tomaba unha espectacular forma en stop motion– co estilo que sempre o caracterizou desde os seus inicios no cinema: planos perfectamente simétricos, a chamativa paleta de cores pastel e un estelar reparto, do que non só volven os habituais actores do “universo Anderson”, senón ao que se introducen outros nomes coñecidos, como Elisabeth Moss ou Timothée Chalamet.

Pódeche interesar...
‘The New Pope’: E nós comémolo con papas