Xela Arias, homenaxeada nas Letras Galegas de 2021

A pouco de rematar 2020, coñecemos que a poeta Xela Arias será a homenaxeada pola Real Academia Galega no día das Letras Galegas do vindeiro ano. A RAG enxálzaa por ser «unha das máis destacadas da poesía galega contemporánea», lembrando a súa labor como editora e tradutora.

Xela Arias faleceu en Vigo no ano 2003, e a RAG inclúea dentro do grupo de poetas galegos que renovaron a nosa poesía nos anos 80 en «temas, estilo e forma», enxalzando a súa capacidade para cuestionar a orde das cousas, para describir o que se aprende a agochar, para abordar a afirmación do corpo feminino, a perspectiva de xénero, e para procurar novos espazos para a poesía mediante o recital ou o diálogo coa fotografía, a música e a pintura.

Coa súa elección, búscase tamén por parte da Real Academia Galega recoñecer a dimensión pública e comprometida que Xela Arias mostrou tanto na súa vida coma na súa obra, destacando a súa participación nas mobilizacións contra o Prestige e a súa defensa da lingua galega.

No seu traballo como tradutora, destaca non atopar barreiras para traducir ao noso idioma clásicos dende o inglés, o italiano, o portugués ou o castelán, sinalando entre o seu traballo neste campo traducións a Bram Stoker, James Joyce, Miguel de Cervantes, Angela Carter ou Gianni Rodari, entre moitos outros.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.