Cris Andina

Elas Son Artistas suma para a súa terceira edición a Mourn, Carmen Boza, Agoraphobia, Silvia Penide e moitas máis

O festival, que terá lugar do 17 ao 26 de abril nos concellos de A Coruña, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Oleiros e Sada homenaxeará a Aretha Franklin

Ao presentar no Teatro Colón a terceira edición do Festival metropolitano de música e artes pola igualdade, Elas Son Artistas, falouse de que estabamos ante un evento que é moito máis que un festival. Coa creatividade da muller como protagonista, o proxecto pretende visibilizar a igualdade en todas as artes.

Entre a programación desta edición, destaca a estrea do documental Amazing Graze, dedicado a Aretha Franklin, na cidade da Coruña o vindeiro 21 de abril na sede de Afundación. No musical, anunciouse a actuación de artista como Agoraphobia, Carmen Boza, Silvia Penide, Ainoa Buitrago, Belém Trajes, Lau, Lúa Mosquetera e Eme DJ.  

Á espera da programación por días, e contando que parte dos eventos son gratuítos, anúnciase que este ano soamente se porán á venda 33 abonos a través da páxina web de Ataquilla en dúas modalidades: unha para as datas do festival por 33 euros, e unha segunda que tamén inclúe as dúas festas de presentación que terán lugar na Sala Mardi Gras, sendo hoxe mércores 12 a primeira (a cargo da banda canadense ByWater Call) e a segunda contando coa venezolana Georgina a actuación. No segundo caso, o prezo é de 40 euros, e en ambos haberá que sumar os gastos de xestión.

Pódeche interesar...
Triángulo de Amor Bizarro: “O mercado é o último para nós, sempre intentamos sementar o caos”