‘Hunter x Hunter’: A revolución dende a involución

No seu aniversario, vemos por que a serie de Togashi é un dos mellores shonen da historia.

Cando no seu día falamos de Dragon Ball, destacamos sobre todo a súa capacidade para reinventar un xénero que precisaba un cambio, onde unha chea de lectores procuraban algo novo e onde posteriormente facía falla chegar a algo máis. Non hai dúbidas en que a serie de Akira Toriyama chegou e se converteu en historia do manga, como tampouco hai dúbidas de que Dragon Ball sexa unha das series máis importantes do xénero, mais tal vez mereza a pena darlle un par de voltas a o que precisa un xénero e unha serie para cambiar o medio.

Cara 1998, Yoshihiro Togashi xa era un mangaka consolidado. Yu Yu Hakusho viña de rematar en 1994 tras 19 volumes, e a serie de animación rematara tras superar os 100 episodios, sendo traducido a diferentes idiomas e de seguro que máis de un pode recordar ou a primeira vez que puxeron a serie en España ou as súas reposicións posteriores en canles como La Sexta. Despois seguiulle Level E, que soamente chegou aos 3 volumes pero que tamén recibiu a súa posterior adaptación ao anime.

O 3 de marzo de 1998, con todo, botaría a andar a que a día de hoxe deberiamos recoñecer como a Historia Interminable do shonen. Se botamos un ollo as series que hai a día de hoxe a publicarse na Weekly Shonen Jump xaponesa, veremos que a única serie que leva tanto tempo como Hunter x Hunter en publicación é One Piece, e aínda cos descansos mensuais de Eiichiro Oda a diferencia de volumes é abriante: 95 de One Piece fronte aos 36 da serie de Togashi. Hunter x Hunter viu empezar e rematar a series como Shaman King, Naruto, Bleach, Death Note ou Assassination Classroom, e non sería ningunha sorpresa que vise rematar a outras tantas que gozan hoxe do cariño do público. Pero entón, con tanto cómic con mellores publicacións e vendas, por que non deixar de lado a serie de Togashi? Simplemente, porque é incriblemente boa.

A historia comeza como tantas outras, ou incluso dunha maneira menos impresionante. Gon, o noso protagonista, será como un de tantos rapaces que aparecen en series de shonen. Un Son Goku, un Naruto, un Luffy, pero cun deseño incluso máis sinxelo e esquecible que o destes. Será amable, gracioso e sinxelo de empatizar con el. Coñecémolo, porque xa o vimos noutras series.

E este é un dos feitos máis importantes que fan de Hunter x Hunter unha serie orixinal como poucas: coñecémolo, porque xa o vimos noutras series. O problema é que non o vimos como o veremos agora, non sentiremos nin por asomo as cousas ás que nos enfrontaremos agora, e darémonos cedo conta de que ese tópico que parecíamos coñecer é algo moito máis grande e complicado do que criamos.

Hunter x Hunter repite moitas das fórmulas que o resto de shonen fixeron no pasado: teremos un protagonista bo, confiable, gracioso e amable; a escala de poder baséase no chamado Nen, que non deixará de ser unha maxia especial como foron noutras series o Haki (One Piece), o Chakra (Naruto) ou o Ki (Dragon Ball); e veremos pelexas baixo contextos que nos resultan tan coñecidos como rescates a personaxes queridos, monstros invasores da Terra, exames ou torneos de artes marciais…

Todo na serie de Togashi está feito para que, cando o vexamos, pensemos que xa o vimos antes. E non só iso, senón que o que vimos antes era o mellor, a cúspide do xénero. Non imos ver nada que nos sorprenda, e de feito o que se nos ofrecerá resultará tan copiado que clamaremos ante a copia, o plaxio! Ata que, entón, nos sorprenderemos e perderemos a fala.

A serie está chea de tópicos, si, pero que normalmente teñen xiros de guión que xogan unha dobre carta: por unha banda, como pode ser unha costume, atopan na trama cuestións inesperadas que permiten manter o ritmo de maneira sorprendente; mais por outra, e moito máis importante, os xiros de guión non parecen estar aí simplemente por sorprender na trama, como pode pasar con series de moita actualidade como One Piece, senón para dinamitar as nosas expectativas sobre algo que, como xa dixemos, coñeciamos.

Sóanos o que vai pasar en Hunter x Hunter, pois hai historias épicas que nos recordan a isto. Dalgunha maneira, semella que Togashi escribiu previamente unha trama chea de tópicos, final incluído, e que en certo momento decidiu coller a trama e darlle tal xiro de guión ou motivación que se converteu nalgo tan único como importante.

E é que incluso algo que semella banal e típico do xénero como son as escenas de pelexas están feitas para que entremos máis na historia. Cada combatente formula no seu modo de combater a súa personalidade, sexa mediante a utilización de obxectos, enganos ou ataques puramente físicos, e tralos enfrontamentos entre rivais saberemos algo máis de cada un daqueles que está a participar na batalla.

En Hunter x Hunter, ademais, é importante ter en conta algo máis: se ben podemos definir nunha escala de bondade quen son os bos ou os malos por como se moven no mundo da obra, seranos máis complicado non empatizar con calquera, independentemente de onde se perfilen: Togashi pon moito énfase en que coñezamos a todos os rivais enfrontados na batalla, pero tamén o pon en que, fora desta, saibamos por que cada un dos personaxes, sexa cal sexa, actúa de certa maneira. Gon, o protagonista, é o nexo de unión dun mundo xigante, onde os personaxes se relacionan entre eles, pero nunca ninguén é superior ao resto, senón un máis. Non hai personaxes lendarios, soamente unha historia que contar.

As temáticas tratadas por Yoshihiro Togashi volven, unha vez máis, a non querer pecharse no conformismo. Así, se ben a serie comeza dende a inocencia, pronto veremos como os personaxes caen en depresións e ansiedades, e incluso ás veces estas serven para romper os nosos corazóns en momentos que outras series aproveitan para enchernos de ilusión ante a vida, e onde temáticas como o abuso, a guerra ou o nihilismo serán o pan noso de cada día unha vez entremos en materia. O tópico é simplemente o vehículo sobre o que nos movemos, pero a estrada estará chea de fochancas que superar.

En certo modo, semella que ao recoller todo este tópico Togashi se coloca entre o tributo e a parodia, e que ao mesmo tempo utiliza a súa obra xa non só para solucionar as eivas que viu na súa propia obra, senón en todo un xénero sen o cal non se podería entender o manga e o anime.

O único problema que podemos atopar ante Hunter x Hunter é que, sexa por saúde, por razóns persoais sen especificar, ou por precisar investigación previa, Yoshihiro Togashi non é en absoluto alguén que semelle interesado en rematar pronto a obra. De feito, ás veces incluso aparenta que o tamaño ao que chegou a súa propia obra, así como a importancia desta, é un dos principais problemas aos que se enfronta o autor.

Con todo, os fans da historia protagonizada por Gon son fieis seguidores, sexa o lenta que sexa a súa distribución. Hai quenes incluso deciden torturarse a si mesmos facendo un seguimento das veces que a serie se publicou e as que non. Independentemente do momento, aínda así, semella o instante acaecido para converterse en novo fanático do que, posiblemente, sexa o mellor shonen da historia, e aquel que abrirá as portas a moitos outros despois.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.