14 videoxogos perfectos para matar o aburrimento

Unha das maiores queixas dos amantes dos videoxogos é que hai demasiados títulos interesantes aos que xogar, pero moi pouco tempo para facelo. Por iso, agora que non hai máis remedio que quedar na casa, pode ser unha ocasión perfecta para darlle unha oportunidade a algún dos que vos propoñemos e botarlles todas esas horas que necesitan. Aquí tedes 14 títulos que pola súa trama, ambientación ou xogabilidade consideramos máis que adecuados para esta situación tan apocalíptica.

Death Stranding

Plataformas: PlayStation 4, PC

Duración estimada da campaña: 40 horas

No seu momento moita xente viuse alienada polo concepto deste peculiar xogo e acabou ríndose do disparatado que era. Con todo, cando se di que Hideo Kojima é un xenio visionario non é ningunha esaxeración. Quen nos ía dicir que a distopía que plantexou o ano pasado sería unha realidade tan pronto? Despois de que o mundo colapsase debido a un desastre ambiental, a xente viuse obrigada a permanecer nas súas casas sen poder saír. Neste contexto, o peso da reconstrución da sociedade recae nas mans dos repartidores, único contacto das persoas co perigoso exterior. Soa familiar? Podedes ler aquí a nosa análise.

BioShock Infinite

Plataformas: PlayStation3, PlayStation 4, Xbox 360, Xbox One, PC

Duración estimada da campaña: 11 horas

A última entrega da triloxía pode entenderse perfectamente por separado, deixándonos unha das tramas máis sorprendentes e memorables da industria. Ambientada en Columbia, unha fermosísima cidade steampunk que flota sobre as nubes, o detective Booker DeWitt é contratado para cumprir unha misión. Debe rescatar a unha muller chamada Elizabeth, que leva recluída 12 anos nunha torre, vítima do seu confinamento persoal. A relixión, a política e a metafísica, encárganse do resto. Se hai tempo animámosvos a xogar tamén ao primeiro para coñecer o resultado dunha sociedade anarcocapitalista, que vendo como está actuando Inglaterra tamén ven ao conto. 

NieR: Automata

Plataformas: PlayStation 4, Xbox One, PC

Duración estimada da campaña: 20 horas

Situada miles de anos no futuro, cando os alieníxenas invadiron a Terra coas súas poderosas máquinas o pouco que quedou da humanidade non tivo máis remedio que refuxiarse nun búnker na Lúa. Dende alí, mandan avanzados androides, entre eles os nosos protagonistas, co obxectivo de recuperar o planeta. A partir deste conflito mecánico constrúese unha trama complexa, filosófica e metanarrativa coma xamais se viu no medio, aderezada por un gameplay frenético e espectacular. Dos xogos máis redondos da xeración, senón o que máis. 

Crisis Core: Final Fantasy VII

Plataformas: PlayStation Portable

Duración estimada da campaña: 20 horas

A trama de FFVII era o suficiente apocalíptica para entrar na lista, pero dado que o seu remake está a piques de chegar, consideramos que agora máis que nunca é o momento de coñecer o que sucedeu antes. Nunha entrega ideal tanto para amantes da saga como para xente que xamais tocou un FF, poñerémonos na pel de Zack Fair, un dos protagonistas máis carismáticos e queridos que nos deixou a saga. A través del, seremos testemuñas dos eventos que desencadearon o que para moitos é o mellor videoxogo da historia. O que non chore ao final, non ten corazón.

To the Moon

Plataformas: PC, móbiles

Duración estimada da campaña: 5 horas

Cun argumento tan orixinal como duro emocionalmente, esta xoia indie gañouse un lugar no corazón de miles de persoas. Sigmund Corp. é unha compañía que se dedica a satisfacer os sonos da xente moribunda, cambiando a súa memoria para facerlles crer que os cumpriron e así darlle un final satisfactorio á súa vida. O último desexo do vello Johnny é “ir á Lúa”, polo que os doutores Eva e Neil deberán darse presa para modificar os seus recordos e lograr conseguilo. Se gusta, que non se vos escape a súa secuela Finding Paradise; é aínda mellor.

Resident Evil 4

Plataformas: Nintendo GameCube, Wii, Wii U, Nintendo Switch, PlayStation 2, PlayStation 3, PlayStation 4, Xbox 360, Xbox One, móbiles, PC

Duración estimada da campaña: 20 horas

Cando despois de sobrevir aos zombies da segunda entrega lle encargan a Leon S. Kennedy rescatar á filla secuestrada do presidente de EE.UU., non imaxinaba que tería que viaxar ata un pobo rural de España só para atoparse alí con centenares de infectados máis. Pola obvia proximidade temática e porque o remake do 3 tamén está no horizonte (e o do 2 saiu o ano pasado), este é un capítulo ideal para meterse na saga agora que Capcom esta dedicando todos os seus esforzos a revitalizala. Non había tanto empeño cando fixeron que todos os inimigos desta entrega falasen con acento latinoamericano debido a un pobre traballo de localización…

The Legend of Zelda: Breath of the Wild

Plataformas: WiiU, Nintendo Switch

Duración estimada da campaña: 50 horas

Nestes tempos de reclusión, estráñase o aire libre, o poder desfrutar da natureza, a liberdade para correr e ir a onde a un queira. Por iso, recomendar un xogo de mundo aberto é algo obrigatorio. A última aventura de Link recibiu innumerables críticas positivas e premios (entre eles o de o xogo do ano en 2017) grazas ao seu inmenso mundo, dotado de todo tipo de actividades para entreter ao xogador e de posibilidades á hora de afrontalas. Grazas á gran beleza de Hyrule, pode que ata deixes de estrañar o mundo real… 

Phoenix Wright: Ace Attorney

Plataformas: Nintendo DS, Nintendo 3DS, Wii, PlayStation 4, Xbox One, PC, Móbiles

Duración estimada da campaña: 17 horas

Cun catálogo sumamente variado, a Nintendo DS foi unha das consolas máis vendidas da historia. Nestes días non é estraño ver a moita xente sacándoa do caixón co fin de buscar entreterse con ela unha vez máis. Para quen queira saír un pouco do Mario Kart e do Nintendogs, Ace Attorney é unha alternativa dunha calidade excelente, sobre todo para os fans de resolver casos criminais. Non por nada esta saga é a culpable, grazas aos seus carismáticos personaxes e á súa intensísima BSO, de converter a avogacía nunha das experiencias máis épicas do mundo dos videoxogos, por incrible que pareza. Empezade polo primeiro e de aí ata sacar a carreira. 

Undertale

Plataformas: PC, Nintendo Switch, PlayStation 4, PlayStation Vita

Duración estimada da campaña: 10 horas

O impacto que este xogo indie xerou dende a súa saída é innegable, sendo o seu icónico esqueleto Sans unha deidade de Internet. Máis alá dos memes, trátase dunha brillante aventura que reflexiona sobre quen é o verdadeiro monstruo nos RPG, permitíndonos elixir entre matar a toda criatura que se poña no noso camiño ou buscar alternativas para abrirnos paso sen facerlle dano a ninguén. Nestes momentos críticos, non ven mal exercitar a empatía.

Stardew Valley

Plataformas: Nintendo Switch, PlayStation 4, PlayStation Vita, Xbox One, PC, móbiles 

Duración estimada da campaña: 50 horas

Os xogos de simulación ou construción esixen unha gran cantidade de tempo e diso agora parece haber de sobra, así que por que non dedicalo a cultivar a túa propia granxa? Outras alternativas serían os Simcity (para administrar a túa propia cidade), os propios Sims (para emular unha vida fóra do confinamento) ou mesmo o Minecraft (para construir o que a túa imaxinación che permita); pero hai algo na paz da agricultura que fai que nestes tempos tan tensos, sexa unha das mellores opcións.

Dangaronpa 2: Goodbye Dispair

Plataformas: PlayStation 4, PlayStation Portable, PlayStation Vita, PC, móbiles 

Duración estimada da campaña: 50 horas

16 estudantes vense atrapados contra a súa vontade nunha illa deserta e un oso robot dilles que, o que queira saír, deberá matar a un dos seus compañeiros sen que ninguén o vexa. Cando apareza o corpo celebrarase un xuízo: se ninguén descobre quen é o asasino, este poderá irse e todos os demais morrerán, pero se o pillan será el o executado. Tras esta demencial premisa, atopamos unha novela visual aditiva e sorprendente, que atrapa ao xogador cos seus constantes xiros argumentais e cos seus pintorescos personaxes. É recomendable ver a adaptación anime da primeira entrega (ou xogala), pero o tempo empregado nisto valerá totalmente a pena ao rematar Danganronpa 2.

Pokémon Mundo Misterioso: Exploradores do Ceo

Plataformas: Nintendo DS 

Duración estimada da campaña: 26 horas

O título con máis profundidade argumental do mundo Pokémon nin sequera pertence á saga principal. O noso papel é o dun humano amnésico que un día esperta convertido nunha das famosas criaturas (determinada por un test de personalidade ao principio) nun lugar onde non hai rastro da humanidade, polo que colaborar co resto de Pokémon é a única opción. Descubrir o teu pasado e o motivo da túa transformación será a clave para poder afrontar a inminente fin do mundo. Ollo aos episodios especiais que se van desbloqueando, onde atopamos a perspectiva doutros personaxes e que sen dúbida constitúen os puntos máis fortes de todo o xogo.

Metal Gear Solid 3: Snake Eater

Plataformas: PlayStation 2, PlayStation 3, PlayStation Vita, Xbox 360, Nintendo 3DS 

Duración estimada da campaña: 16 horas

A mellor entrega dunha das sagas máis valoradas da historia tampouco podía faltar e menos cando o seu gameplay é un exemplo perfecto de como racionar comida para poder sobrevivir en situacións extremas. Deixando bromas aparte, a trama de MGS3 é unha das de maior calidade que existen dentro da industria e dado que cronoloxicamente é a primeira entrega da saga, é apta para calquera. En medio da Guerra Fría, unha soldado lendaria traizoa a Estados Unidos para irse coa URSS. Será o deber do seu querido discípulo darlle caza en medio da xungla soviética, poñendo sobre a mesa a gran pregunta que definiría a saga. Ser leal ao teu país ou a ti mesmo?

The Last of Us

Plataformas: PlayStation 3, PlayStation 4 

Duración estimada da campaña: 14 horas

É difícil atopar a quen aínda non o xogase e lamento repetir zombies, pero é que simplemente non podía faltar na lista. Entrañable e brutal a partes iguais, converteuse nunha insignia do potencial narrativo dos videoxogos. Cun deseño de nivel excelente e unha ambientación que non podía ser máis perfecta, a historia de Joel e Ellie, dous superviventes obrigados a colaborar en medio da apocalipse, quedou para sempre na memoria de todos os que o xogaron. A súa agardada segunda parte chega en maio, así que se non o rematáchedes, é o momento. Por suposto, tamén o é para rexogalo, que se presta moito. 

Pódeche interesar...
‘The Mandalorian’: Unha nova esperanza