Dead End Job: Un xogo do que Bill Murray estaría orgulloso

En 1984 estreábase unha película que plantexaba unha pregunta tan simple como embaucadora: “A quen vas chamar?” Daquelas, a resposta era, “Aos Cazapantasmas”. A día de hoxe, e tras xogar ao Dead End Job, debemos cambiar a resposta por “A Hector Plasm”.

Dead End Job é o novo xogo de Ant Workshop, quen desenvolveron  tamén xogos como Truberbrook ou Hero Defense. Trátase dun shoot-‘em-up en 2D que, como dixemos xa, ponnos en mans de Hector Plasm, un traballador de Ghoul-B-Gone, unha empresa de exterminación de plagas, pero cuxas pestes son paranormais: igual que na película de culto, tomaremos unha aspiradora coa que capturaremos o máximo número de pantasmas posibles, tras debilitalos previamente coa nosa arma.

A historia de Dead End Job é simple, e o xogo comeza co mesmo vídeo que apareceu nos trailers previos ao seu lanzamento: Hector Plasm tentará recadar cartos para salvar a alma da súa amiga e antiga compañeira de traballo Beryl Ware, quen morreu sufocada cun pau de dentes ao comerse un sándwich e agora foi convertida en pantasma.

Con tal sinxeleza argumental, moverémonos a través de diferentes e vistosos decorados e eliminaremos a todas as pantasmas que aparecen ao noso paso, conseguindo así ascensos laborais que nos permitirán coñecer mellor o noso entorno, mellorar as nosas armas ou as nosas habilidades.

Tal vez, o noso mellor aliado en Dead End Job sexa, en parte, a sorte. Cada vez que subamos un nivel poderemos escoller entre tres novas habilidades, pero as cales perderemos na súa totalidade unha vez sexamos derrotados por algún inimigo. O nivel de dificultade avanza a unha maior velocidade ás veces que nós, polo que deberemos escoller con coidado que melloras queremos, familiarizarnos co noso entorno e cos ritmos dos inimigos, e polo camiño ir descubrindo cales son os avances que mellor casan co noso estilo de xogo.

O feito de que ao morrer perdamos todas as nosas habilidades, se ben lle da un toque de dificultade que ás veces se volve necesario, pode resultar frustrante en certos momentos do xogo: se conseguimos avanzar demasiado e temos uns obxectivos monetarios impostos polo xogo para conseguir continuar a historia, volver ao punto de saída pode levarnos máis a cansarnos que a animarnos a continuar.

Con todo, a dificultade non chega nunca a ser xigantesca. Moitos dos chamados “xefes” de cada escenario non son verdadeiramente desafiantes, e será máis problemático o caos de enfrontarnos a demasiados inimigos á vez o que nos leve a desesperar máis que ter algo imposible diante nosa.

O modo cooperativo de Dead End Job é unha das principais problemáticas dun xogo que podería ser moi divertido para xogar acompañado: se ben permite a outra persoa aparecer no escenario xunto ao teu personaxe, este non actuará como un ente individual e baixo as mesmas normas ca ti, senón que será un acompañante cuxas habilidades serán reducidas e incapaces de igualarse ás túas.

De volta a Cartoon Network

Onde reside a maior parte do encanto ao redor de Dead End Job é, así e todo, na súas fantásticas visuais. A nivel artístico poucos peros podemos poñer: todos e cada un dos deseños dos personaxes e inimigos son identificables dende unha primeira ollada, e conseguen que lles vexamos algo precioso a cada un.

Os escenarios polos que nos movemos, e que cambian mediante as nosas accións eliminando barreiras ou explotando, están tamén perfectamente deseñados. En cada zona, ademais, aparecen diferentes inimigos que nos farán identificar mellor cada zona e pronto teremos unha favorita.

 A banda sonora coa que se adorna o xogo funciona á perfección trasladándonos a unha serie de animación noventeira, poñendo todo ese caos no que ás veces se convirte o xogo xunto aos deseños nunha auténtica aventura pola que deixarse levar.

Tal vez Dead End Job deixe que desexar en algúns aspectos, pero promete diversión e un toque de dificultade que, se ben pode levar a que nos tiremos dos pelos algunha que outra vez, non chega a converterse nun reto imposible. Sen dúbida, paga a pena chamar a Hector Plasm para que libre a nosa casa de pantasmas.

Desenvolvedora: Ant Workshop
Distribuidora: Headup Games
Ano: 2019
Programación: Tony Gowland, Albert Elwin, David Walters, Gillian Patterson
Arte: Joe Blakeston, Searra Dodds, Ewan Brock
Compositor: Will Morton, Chris Morton
Plataformas
PlayStation 4
Xbox One
Nintendo Switch
PC
3
Pódeche interesar...
Blacksad: Under The Skin – Revivindo as aventuras gráficas