Fire Emblem: Three Houses: Un mundo cheo de segredos

O 26 de Xullo de 2019 estreouse o esperado Fire Emblem: Three Houses, o novo videoxogo da saga Fire Emblem e un dos poucos en estrearse nunha consola de sobremesa, sendo a último deles estreado en 2007 na consola Nintendo Wii. Esta nova entrega introduce novas mecánicas de xogo baseadas na xestión dun sistema escolar no que formarás parte do profesorado principal do Monasterio de Garreg Mach.

Fire Emblem: Three Houses ofrece a posibilidade de crear a historia do territorio de Fódlan a partir de catro rutas distintas, baseadas nos catro territorios principais: Alianza de Leicester ao sudeste, Imperio de Adrestia ao suroeste, Reino de Faerghus nas terras do norte e finalmente o xa nomeado Monasterio de Garreg Mach, situado na Fódlan central. Os catro posibles escenarios poderás xogalos na orde que ti queiras. Dita orde determinará a maneira que terás de comprender aquelo que te queren contar, e iso tamén repercutirá na impresión principal que teñas do xogo unha vez rematada a primeira ruta.

O tres territorios principais de Fódlan contan co seu sucesor ao trono que a súa vez se conforma como un dos delegados das tres clases principais da Academia de Oficiais do Monasterio. Edelgard von Hresvelg, cabeza das Águias Negras e próxima emperatriz de Adestria; Dimitri von Blaiddyd capitaneando aos Leones Azuis e príncipe de Faerghus e por último Claude von Riegan, delegado dos Cervos Dourados e futuro líder da Alianza de Leicester.

A túa misión dependerá de a que rexión de Fódlan decidas apoiar, a que clase do Monasterio de Garreg Mach prefiras tutelar e tamén as decisións que tomes ao longo da historia. No meu caso, o determinante das miñas primeiras impresións foi ir da mano do seu futuro líder Claude von Riegan e escoller a Alianza de Leicester coma o meu camiño a seguir.

As expectativas que o delegado da clase dos Cervos Dourados mantiña quedaron satisfeitas como personaxe, e incluso a maiores, deixando ver que non só se consolidaba como un terceiro entre os dous máis grandes ou o pícaro e o amigo do engano. Claude von Riegan definiuse coma un líder, preocupado pola situación do seu territorio e por aqueles que habitan nel.

Os alumnos da clase dos Cervos Dourados tamén sorprenderon dunha boa maneira. Todos eles teñen os seus propios problemas, relacións e aspiracións dentro e fora de Garreg Mach. Acuden a ti como profesor pero tamén como amigo e confidente, e as veces atopan en ti moito máis que iso. Byleth, aparentemente inexpresivo, pódese establecer coma un docente que coida dos seus alumnos dentro e fora das aulas.

O que me faltou na Alianza de Leicester non foi personalidade, contexto e razóns. A ruta dos Cervos Dourados mantense ao marxe, en certa maneira, dos sucesos que ocorren nos capítulos de Vento Glauco. Participarás na guerra co obxectivo de facela rematar e sempre guiándote polos obxectivos do novo líder da Alianza de Leicester, pero descoñeces os motivos que levan tanto ao Imperio coma a Faerghus a comportarse como o fan. Aquí prodúcese unha desconexión co que está sucedendo: acompañarás a Claude e aos teus antigos alumnos na misión de rematar coa guerra, pero a partir de ese preciso instante convérteste nunha seguidora máis das ambicións de Claude e dos desexos da Igrexa.

As intencións de Claude baséanse nun desexo idílico de paz e harmonía, acabando con todo tipo de desigualdade, e son unhas razóns lexítimas para querer rematar cunha guerra, pero, que acontece coas razóns da Igrexa?

Que ocorre se tes inquietudes por saber os motivos que levan ao resto dos territorios a declarar unha guerra? Cabe a posibilidade que ao teu criterio como xogador as súas motivacións poidan ser lexítimas, pero as descoñeces, e non as coñecerás ata que decidas xogar da man das outras clases.

Esta posibilidade que Fire Emblem: Three Houses ofrece non ten por que ser necesariamente mala. Se decides ou decidiches xogar os acontecementos de Vento Glauco primeiro é posible que queden cabos por atar e quizá iso choque coas expectativas que tiñas postas na resolución do conflito, pero é una consecuencia esperable dun videoxogo que se compón de catro perspectivas diferentes. Se todas as túas dúbidas son resoltas dunha vez, cabe a posibilidade que xa non teñas ganas de experimentar outros puntos de vista.

Non é algo que só se limite a Alianza de Leicester. Se decides tomar outro rumbo, afondarás tamén en outros aspectos do conflito, uns máis persoais e outros máis ideolóxicos, pero os cabos soltos quedarán a túa disposición se aínda che quedan ganas de entrar en Fódlan unha vez máis.

Aínda que os acontecementos de Nubes Brancas son os mesmos para todos, é unha oportunidade que tes para coñecer a aqueles alumnos das clases que non escolliches nun primeiro instante, polo que non sempre é todo igual. O período de Nubes Brancas é esencial e un acondicionamento para o que sucederá naqueles momentos que estale a guerra.

O obxectivo de querer coñecer máis sobre o conflito que vai acontecer en Fódlan xa non se basea tanto nunha busca dunha verdade universal. A principal intención con isto é que o resto de protagonistas teñan a oportunidade de expresar os seus soños, personalidades, ambicións e desexos que motivan as súas accións na época de guerra. Quen realmente mereza proclamarse vitorioso son xuízos que pertencen a mente do xogador.

Grazas a todo isto, Fire Emblem: Three Houses innovou e sorprendeu para ben. Ofrecéndonos unha historia aparentemente fragmentada nunha rexión que semella en paz, e que esconde tantos segredos como horas de contido.

Desenvolvedora: Intelligent System, Koei Tecmo
Distribuidora: Nintendo
Ano: 2019
Directores: Toshiyuki Kusakihara, Genki Yokota
Guión: Yuki Ikeno
Programación: Atsushi Ota
Arte: Chinatsu Kurahana
Compositores: Takeru Kanzaki, Hiroki Morishita, Rei Kondoh
Plataformas
Nintendo Switch
4
Pódeche interesar...
Cineuropa está de volta con preto de 200 películas