Se dalgo nos acordamos indubidablemente ao dicir que entramos en Fase 3 é daquela película de Steven Spielberg que en 1977 tentou mostrarnos como sería a comunicación cos extraterrestres. A día de hoxe, e tras unha longa cuarentena, cousas tan comúns como ir ao cine ou quedar cos amigos ata poden semellar doutro planeta. O obxectivo desta lista é, sen lugar a dúbidas, mostrarnos a todos nós que as apariencias engañan, e que pronto parecerá que todo o que vivimos é humano.
Alien, o oitavo pasaxeiro
Ridley Scott
1979
Poucas palabras máis se poden escribir xa daquela película que puxo para sempre o nome da tenente Ellen Ripley no mapa dos personaxes máis impresionantes que apareceron nun blockbuster. Para sempre quedaron tamén os nomes de Sigourney Weaver, a actriz que lle deu vida, Ridley Scott, o director da filme, ou Michael Seymour, quen foi o encargado de deseñar unha das bestas máis míticas do cine: ese Alien que tantas películas, videoxogos e como non, pesadelos, protagonizou ata o día de hoxe.
Under the Skin
Jonathan Glazer
2013
Under the Skin é probablemente unha das películas máis sorprendentes e misteriosas da última década. Neste filme, o afamado director de videoclips Johathan Glazer aporta unha ollada diferente ao xénero da ciencia ficción cargada de reflexión e existencialismo, facéndonos compañeiros de viaxe dunha alieníxena encarnada á perfección por Scarlett Johansson que percorre as rúas de Escocia buscando presas as que arrastrar a un inquietante destino final. Todo esto ao ritmo dunha fantástica banda sonora composta por Mica Levi.
A Chegada
Denis Villeneuve
1979
Dispoñible en HBO
Antes de que Denis Villeneuve se gañase o título de remaker profesional, collendo de seguido a secuela de Blade Runner e o remake de Dune, A Chegada (2016) apareceu para poñer en Villeneuve un ollo sensible, onde con certo aire pedagóxico e sen sobreexplicacións conseguía traer á película un encontro con extraterrestres afastado de tópicos e cunha emoción sen predecedentes.
Encontros na terceira fase
Steven Spielberg
1977
Obviamente, debía estar nesta lista. No 1977, un aínda noviño Spielberg decidía que, tras Tiburón, os extraterrestres serían o seu seguinte viaxe intrigante. Convertido xa nunclásico, conseguirá non apartarvos da pantalla mentres dure o que está a contar, onde a ilusión e a sorpresa serán o noso modo de vida mentres imos sabendo máis e máis das aparicións que chegan dende o espazo.
Ultimátum á Terra
Robert Wise
1951
Alá por 1951, Robert Wise buscaba algo máis. Chegou entón a idea dunha película de ciencia ficción, con extraterrestres, mensaxes de paz, e moita sorpresa ante isto. Non se trata soamente de facer un drama interespacial, senón que tamén mostra un nivel crítico a como funciona a sociedade estadounidense.
Extraterrestre
Nacho Vigalondo
2011
Dispoñible en HBO
Volver a pensar en Extraterrestre en plena cuarentena ten unha sensación estraña, e fai incluso que, tendo en conta a temática desta lista, semelle unha das películas que de mellor humor nos poidan poñer debido á situación que estamos a vivir. Veremos, sen predicir xamais que unha película de fai nove anos tal que esta podería estar de actualidade, como dous rapaces espertan de resaca. Atoparanse que non poden saír de casa porque un OVNI flota sobre a cidade. O resto, entre o absurdo e o icónico.
Distrito 9
Neill Blomkamp
2009
Neill Blomkamp é un director especializado en ciencia ficción que rara vez fala sobre ciencia ficción nas súas películas. Todo o seu traballo ten unha perspectiva metafórica coa que aborda cuestións como o racismo e o apartheid da súa Sudáfrica natal no marco deste xénero cinematográfico. E se hai unha película onde conseguiu que esta fórmula funcionase o mellor posible foi Distrito 9, un filme onde, tras a aparición dunha nave espacial na cidade de Johannesburgo, os humanos comezan a encerrar aos extraterrestres en campos de concentración.
Están vivos
John Carpenter
1988
Dispoñible en Filmin
Que farías se vises que moita desa xente que ves por televisión son, en realidade, extraterrestres que buscan escravizar á raza humana? Tal vez, indo aos extraterrestres, con Carpenter o sinxelo sería ir a The Thing. Imos por aquí porque, tamén pola situación actual, non deixamos de pensar que poderiamos atopar certas similitudes coa realidade.
Aniquilación
Alex Garland
2018
Dispoñible en Netflix
Aniquilación, de Alex Garland, remata semellando unha película enorme, interesante e profunda, no medio dese camiño entre o cine comercial e o de autor. Cunha presentación espectacular, todo xirará ao redor do concepto de autodestrucción, facendo preguntarnos se é algo inherente ao ser humano.
Mars Attacks!
Tim Burton
1996
Se tras Bitelchús, Eduardo Manostesoiras e Ed Wood semellaba que Tim Burton non ía poder sorprender máis, chegou entón Mars Attacks!, onde o director se lanza a unha parodia de todo o que podía ser o cine de extraterrestres para poñer disparos láser cada cinco segundos que un marciano aparece en escena, poñendo o absurdo que todo pode ser nun auténtico caos organizado digno de ver unha e outra vez.