10 series e películas en galego para ver en streaming

O streaming xa hai anos que está totalmente asentado nas vidas de todos nós, mais en moitas ocasións soamente nos quedamos na superficie do amplo catálogo das plataformas. Se se investiga un pouco na rede existe moito audiovisual en galego da máis alta calidade que se pode desfrutar dende o sofá da casa. Hoxe traemos dez exemplos. Dez oportunidades para apreciar os grandes talentos que temos en Galicia.

Eroski Paraíso

Jorge Coira e Xesús Ron

2019

Dispoñible en Filmin

Eroski Paraíso, a adaptación da obra de teatro homónima de Chévere, é unha feito con moi pouco pero alcanza cotes de proximidade difíciles de igualar. É unha reflexión sobre a nostalxia e as expectativas en clave de país que dialoga cara a cara co espectador. Un dos filmes máis especiais do cinema galego.

Longa Noite

Eloy Enciso

2019

Dispoñible en Filmin

Este filme, que lle valeu a Eloy Enciso o premio a Mellor Director no festival de Locarno mais non a nomeación nos Mestre Mateo (cousas da vida, supoño), constrúese a través de escritos galegos da Guerra Civil. Ademais do seu grande valor historiográfico, a fotografía a cargo de Mauro Herce é espectacular.

O Sabor das Margaridas

Miguel Conde

2018

Dispoñible en Netflix

A serie galega de Netflix que triunfou en todo o mundo, así é coñecida este drama policial tan típico nalgúns casos e con situacións resoltas con grande enxeño noutras. Un noir que chega a sorprender e que é a primeira serie en galego en chegar a unha plataforma de streaming para a que se está a preparar unha segunda tempada.

Trinta Lumes

Diana Toucedo

2017

Dispoñible en Filmin

Trinta Lumes como trinta aldeas hai no Courel. Esta peza, dirixida por Diana Toucedo, mestura o carácter e o encanto tan único da zona con elementos fantásticos. O elemento máis destacado do filme é unha montaxe que axuda a crear unha experiencia realmente diferenciada. Moito máis que unhas verbas de Pondal.

Dhogs

Andrés Goteira

2017

Dispoñible en Filmin

A ópera prima de Andrés Goteira é a grande película dos últimos anos (con permiso de O que arde). Ademais de abrir a porta definitivamente ao cinema de xénero. Totalmente referencial aos referentes do meirego, mais introducindo elementos novos neste estudo da violencia humana que respecta ao espectador como poucos filmes.

Auga Seca

Toño López

2020

Dispoñible en HBO

A segunda incursión da serie galega no streaming non saíu tan ben como O sabor das margaridas, mais é unha boa nova que exista unha tendencia que se manteña. Esta coprodución entre galego-portuguesa desenvólvese maioritariamente nun Vigo que serve de escenario dun crime que lle tocará resolver á Policia.

O quinto evanxeo de Gaspar Hauser

Alberto Gracia

2013

Dispoñible en Filmin

Filme tan experimental como rotundamente interesante. Alberto Gracia válese da historia de Gaspar Hauser, que viviu illado os primeiros dezaseis anos da súa vida, para firmar unha das longametraxes máis destacados en galegos. Rodada en 16 mm, é unha das grandes esquecidas normalmente cando se fala de audiovisual galego.

Sicixia

Ignacio Vilar

2016

Dispoñible en Filmin

Sicixia é un filme que se atopa entre a ficción e o documental. É unha mestura das grandes paisaxe da Costa da Morte e unha historia de amor filmada por Ignacio Vilar. Un diálogo entre a improvisación e o que sempre se mantén que á que cómpre darlle unha oportunidade.

Os dias afogados

César Souto e Luís Avilés

2015

Dispoñible en Filmin

O documental é un dos grandes activos do audiovisual galego e este é un grande exemplo. A construción dun encoro anegou para sempre as aldeas ourensás de Aceredo e Buscalque. Este filme dun grande valor histórico recolle os documentos gráficos que gravaron uns desesperados veciños ante o inminente.

Doentes

Gustavo Balza

2011

Dispoñible en YouTube

Todos os filmes nomeados están dispoñibles en plataformas de subscrición mais esta última está en Youtube ao alcance de todo o mundo. Gañadora do Mestre Mateo á mellor película, é unha especie de road-movie ambientada na Compostela dos anos cincuenta nunha fuxida cada adiante onde Morris brilla con luz propia.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.