Seguramente o tempo estea a pasar moi lento en todas as casas de Galicia, e aínda quedan uns cantos días de quedar no sofá e esperar a que as agullas do reloxo avancen. Por iso desde Balea vos deixamos 14 propostas para intentar que as horas pasen máis rápido, unha escolma de filmes nos que a acción se desenvolve nun único espazo do que as personaxes non poden saír. Porque a todos nos gusta ver as desgracias dos demais para non pensar nas propias.
Dogville
Lars von Trier
2003
Dispoñible en Filmin
Lars Von Trier é unha figura excéntrica onde as haxa, e en Dogville firma un dos seus experimentos que mellor resultado lle deron. O director danés filma un pobo, mais esta localidade é un decorado en si mesma. Está rodada totalmente neste espazo onde se suprime a localización para poñer de manifesto os sentimentos humanos, en concreto os negativos, é Lars Von Trier, que se vai agardar del.
Train to Busan
Yeong Sang-ho
2016
Dispoñible en Amazon Prime
Historia típica: un home divorciado quere gañarse o amor da súa filla. Mércalle unha consola o día do seu aniversario sen darse de conta de que é exactamente a mesma que lle regalou o ano pasado. A filla quere marchar a Busan coa súa nai e el toma a decisión de acompañala, tentando por fin ser un bo pai para ela. Nun drama normal, os dous compartirían conversas que os unirían de por vida. No filme de Yeon Sang-ho, pai e filla estreitarán lazos ao fuxir dos zombies, e a meirande parte do tempo dentro dun tren. Perfecta para aquel fan das películas de mortos viventes que aínda a tivera pendente ou para calquera que desexe pasar dúas horas de acción como poucas veces antes viu.
Alien
Ridley Scott
1979
Dispoñible en Vodafone TV
Poucas palabras máis se poden escribir xa daquela película que puxo para sempre o nome da tenente Ellen Ripley no mapa dos personaxes máis impresionantes que apareceron nun blockbuster. Para sempre quedaron tamén os nomes de Sigourney Weaver, a actriz que lle deu vida, Ridley Scott, o director da filme, ou Michael Seymour, quen foi o encargado de deseñar unha das bestas máis míticas do cine: ese Alien que tantas películas, videoxogos e ,como non, pesadelos, protagonizou ata o día de hoxe.
O Clube dos Cinco
John Hughes
1985
As comedias de instituto de John Hughes son entrañables, tanto polo súa amenidade, como polo constante desenvolvemento duns tópicos clásicos que se bañan nunha aura de misticismo entre a sátira e o crerse en serio. O Club dos Cinco é a máis mítica de todas elas, e non é para menos. Cinco rapaces moi diferentes entre eles vense obrigados a convivir durante unha tarde de castigo no instituto, e a lían bastante. Non resultaría estraño que o espectador se sentise identificado con eles nestes días de corentena.
Cube
Vicenzo Natali
1998
Dispoñible en Vodafone TV
Un día normal, coma outro calquera. Con todo, ese espertar non será na túa habitación, senón nunha plataforma cuadricular que, á súa vez, comunica con outro cubículo máis. Saír de alí, polo menos por medios propios, será imposible. Cube non conta coas mellores actuacións do mundo, pero promete unha interesante aventura na que a promesa dun mundo do mañá depende da colaboración de todos os grupos sociais.
Buried
Rodrigo Cortés
2010
Dispoñible en Movistar Plus
Buried leva o concepto de filme nun só espazo e de narrar a partir deste a outro nivel. A hora e media de duración deste filme do galego Rodrigo Cortés transcorre no interior dun cadaleito onde unha persoa foi enterraba viva. Un bolígrafo, un chisqueiro e un teléfono móbil serán as únicas ferramentas para saír de aí do protagonista interpretado por Ryan Reynolds.
Locke
Steven Knight
2014
Dispoñible en Amazon Prime
Locke é deses filmes dan curiosos como apaixonantes, pero que esperar dunha obra protagonizada por Tom Hardy dentro dun coche en marcha? Este filme dirixido por Steven Knight narra case en tempo real unha noite cunha difícil decisión para o protagonista, na cal deberá decidir se volver a casa ou cambiar o seu pasado. É unha película impresionante onde a claustrofobia impera en cada pequeno movemento.
A Soga
Alfred Hitchcock
1948
A Soga ademais de estar rodada soamente nun so espazo é desas películas realmente importantes para a historia de cinema xa que está considerada a primeira película rodada en plano secuencia (aínda que as limitacións técnicas da época obrigaron a Hitchcock a facer cortes). A trama mostra como uns estudantes invitan a xente á súa casa para unha festa. Unha celebración moi especial, xa que teñen un cadáver agochado no baúl que fai de mesa.
O Anxo Exterminador
Luis Buñuel
1962
O Anxo Exterminador é unha das grandes obras mestras de Luis Buñuel, un director que soubo rirse sempre da burguesía mentres convivía con ela. Despois dunha luxosa cea de ricos nunha mansión, os invitados descobren que, a causa dunha forza incomprensible, non poden saír da casa. Nun ciclo de repeticións argumentais, a situación tórnase cada vez máis escura, sen perder nunca a ironía nada da mera premisa irracional. Que non vos engane o ano de produción nin a fotografía en branco e negro, O Anxo Exterminador non se quedou vella, e nunca o fará. O ritmo trepidante e a atmosfera subversiva e disolvente que envolve o filme seguen a facer da última gran película de Buñuel en México un filme ineditamente brillante na historia do cinema.
Despois de Seven, The Game e O clube da loita, David Fincher parecía non ter moito máis que ensinarnos. Podería? Aínda a día de hoxe A habitación do pánico semella unha película menor na filmografía do director estadounidense, a pesar de que aquí deixa en máis dunha ocasión detalles dunha calidade excelsa. Jodie Foster e unha novísima Kristen Stewart protagonizan unha nova visión sobre esas casas xigantes e encantadas, pero con viláns de carne e oso personificados nun Jared Leto que, aínda que xa non daba moito medo, polo menos non daba tanta vergonza coma o seu Joker.
A Cinta
Richard Linklater
2001
A Cinta transcorre nun motel, con tres persoas lanzándose acusacións e revelando minuto a minuto como o que se consideraba como un suposto idílico pasado non o é tanto. Esta longametraxe de Richard Linklater contén personaxes moi ben escritos e unha posta en escena sinxela que fai que recaia todo o peso dramático sobre os actores que interpretan con boísima nota un sobresaínte guión.
Climax
Gaspar Noé
2018
Dispoñible en Filmin
Que Gaspar Noé é un dos directores máis interesantes do momento é indubidable. Que Climax é unha das súas mellores películas non debería selo, e en Balea argumentamos dende un principio no seu favor. O filme lévanos a un escenario pequeno, un ensaio de danza no que todo irá cara un desfase continuado e onde as pausas cederán ante a tensión, procurando quebrar a nosa mente a cada minuto de metraxe. Loucura, baile e drogas. Con fíos condutores claros, pero nunca buscando o exceso sen sentido.
Moon
Duncan Jones
2009
Un astronauta vive illado durante tres anos nunha misión espacial na lúa. Tres semanas antes de volver á Terra, supérao a ansiedade e comeza a sufrir de dores de cabeza e alucinacións que o levan a ter un accidente. Cando esperta, descobre que xa non está só, e comeza a darse de conta de que o seu mundo non é o que el pensaba. Moon é unha película lenta e reflexiva, perfecta para lembrar a beleza dun ritmo vital exento de frenesí ao que xa non estamos acostumados.
The Guilty
Gustav Möller
2018
Dispoñible en Movistar Plus
O filme dirixida por Gustav Möller procura en todo momento facernos sentir ao espectador enclaustrados na sala na que traballa o protagonista. Pasaremos toda a película con el na súa sala de traballo, moi afastados da acción que botarán de menos tanto Asger, policía vido a menos, coma nós como espectadores. Pero prometemos que cumpre co seu cometido, e que sentiremos con nerviosismo o secuestro do que nos fai cómplices.