Despois de colocar Matria como unha das obras imprescindibles do audiovisual galego dos últimos ano, Álvaro Gago volve cunha nova curtametraxe, 16 de decembro. De novo, trata a temática da muller. Aínda que esta vez o enfoque é diferente, volve denunciar a sociedade patriarcal que vivimos e unha consecuencia directa dela.

Sen dúbida, esta obra supón un paso cara adiante na carreira de Gago, que afrontou dende os códigos que caracterizan o seu traballo retos novos. Para isto, contou con parte do seu equipo habitual, como a directora de fotografía Lucía C. Pan, que volve facer un traballo moi destacable.
Esta vez a acción localízase en Vigo, en concreto no barrio de nacemento do director, mais esta é a primeira vez que na súa obra na que se perde a perspectiva local. O relato neste caso ten tanta forza e é tan universal que remata por comerse todo o traballo de localización e de documentación tan brutal que adoita acompañar ao cinema de Gago, mais tampouco é algo negativo, xa que xoga en favor do que se conta.
DÚAS PARTES
A nivel estrutural a obra pode dividirse en dúas partes. Na primeira, a modo practicamente de prólogo da acción principal, móstrase un partido de balonmán onde os planos son curtos, a montaxe rápida e existe unha grande fisicidade. Neste momento coñecemos á protagonista, interpretada por unha Cris Iglesias que firma neste caso unha das mellores actuacións da súa carreira.
Tras estes minutos onde vemos a unha muller forte e decidida nun contexto favorable, todo cambia. Sae á noite e os planos comezan a alongarse máis e e a moverse nunha sordidez que denota o que vai acontecer no clímax narrativo da curtametraxe, no que un grupo de rapaces cometen un acto absolutamente terrible contra a protagonista.

Esta agresión está contada a través dun plano secuencia que podería lembrar á polémica plano secuencia de Gaspar Noé en Irreversible. O espectador ve todo sen pode actuar esta vez dende o interior do coche mais quen o presencia tampouco fai nada. É un momento de grande violencia tanto no sonoro como no visual.
Chegado a este punto cómpre sinalar que as intencións de Gago son ben diferentes que as do francés. Neste caso non se quere relatar a maldade humana, senón unha realidade que existe e se mostra tan brutal como é (aínda que sen columpiarse coa ética do xeito que o fai Noé). Neste caso téntase mostrar a verdade sen ambaxes e denunciala.
DISCURSO GLOBAL
Os homes que perpetran a acción non teñen rostro e isto é un aspecto importante. O que se busca neste caso non é focalizar a denunciar neses rapaces que fan cousas inxustificables, senón sinalalo como unha consecuencia do carácter patriarcal da sociedade. En definitiva, denúnciase dende un caso particular unha problemática global.
A razón do título da curta é un asasinato machista que aconteceu en Vigo o 16 de decembro de 2016. Dende entón este tipo de crime se seguen sucedendo a diario. Cómpre observar o filme como unha sorte de peza documental ficcionada, xa que narra algo mil veces visto lamentablemente. É destas obras que é necesario apoiar dende un punto de vista máis aló do puramente cinematográfico, pero que oxalá puideran ser catalogadas como ciencia ficción.

Guión: Álvaro Gago
Fotografía: Lucía C. Pan
Música: Xavier Bértolo
Ano: 2019
País: Galicia