‘Ataque aos titáns’ 4×12: O sasageyo xa non é o que era

Cada capítulo que pasa, Ataque aos titáns vólvese máis escuro e estou seguro que cada vez o será máis. Neste episodio trázase a separación dos eldianos en dúas partes dificilmente reconciliables a longo prazo. Porque Eldia está rota dende un punto de vista social. Dividida e en clara decadencia antes incluso de que teñan sequera entidade propia.

Floch e os seus por fin actuaron. E dun xeito máis que contundente. O asasinato do comandante en xefe pretende ser o detonante dun cambio total. Se o capítulo anterior podía resumirse con que os danos colaterais soamente querían paz, este podería ser a necesidade de fractura dos jaegeristas, por moita gracia que me faga ese nome. Seguro que en xaponés mola moito máis.

Pero hai algo moito máis importante que os jaegeristas en si, a fractura social eldiana. Unha dolorosa e irreconciliable cuestión que se pode resumir na resignificación do sasageyo. Ese “entregade os vosos corazóns” que anteriormente foi un símbolo do loita cando os titáns masacraban Paradis e que agora é pouco máis que un símbolo incómodo ao servizo da renovación e do renacemento dun suposto imperio eldiano.

Unha posición, tendo en conta as circunstancias, absolutamente comprensible. A xente nova que ten como referente a suposta forza de Eren só viviu os episodios das demais tempadas dende o punto de vista da poboación. Teñen o mesmo odio que Eren mostraba na conversa con Reiner, o mesmo que Gabi ten contra os eldianos. A mesma ansia de vinganza porque non poden entender que os responsables da miseria do seu país non teñan o seu merecido.

O que, polo momento, non é comprensible é a actitude de Eren. Esta evolución de personaxe que tanto lembra a de Sasuke de Naruto, soamente pode entenderse co seu personal Orochimaru, neste caso encarnado en Zeke. No persoal non teño nin idea do que quere o titán besta. Iso si, diría que liberar Eldia non moito, pero tamén quere Marley destruída. E sobre todo, como convenceu a Eren para que lle dea igual absolutamente todo?

Por outra banda, o episodio déixanos outros elementos interesantes como o destello de lealdade polos seus que aínda queda na decadencia dos Azumabito ou a intelixencia absoluta xa moitas veces demostrada polo xeneral Pixis. E, por suposto, a súa absoluta lealdade pola súa patria. Non é algo novo, pero a nobreza deste home é algo sumamente emocionante.

E así nos deixa o final, con Eldia dividida e con ese último fotograma do episodio coa constancia de que o inimigo xa está en terras dos eldianos. Con Gabi e Marley entrando nese restaurante onde semella que pasa calquera cousa menos bos tratos para os marleyanos. Onde Paradis semella demasiado Marley como para deixalo estar. Ou iso é o que supoño pensarán os personaxes. Aínda que outros non se dean conta

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.