‘A illa das mentiras’: A historia non contada das heroínas de Sálvora

A Illa das Mentiras conta a historia de tres heroínas. De tres mulleres que a principios do século XX salvaron a 48 persoas no naufraxio do Santa Isabel en na Illa de Sálvora. Está baseada en feitos reais dun xeito libre e supón a primeira incursión na ficción de Paula Cons tras o seu notable paso polo documental con A Batalla Descoñecida.

O primeiro a destacar é o xénero do filme. É unha decisión valente o feito de querer facer un thriller protagonizado por tres mulleres de Sálvora. O hexemónico sería facer un drama, mais tómase este camiño. Ademais, a propia historia está silenciada no mundo real, é un heroico e sorprendente rescate que quedou aparcado nas marxes da Historia e ata hoxe quedou agochado para a opinión pública. Ata a publicación deste filme.

AMBIENTACIÓN

Por outra banda, se hai algo que hai que destacar da película, é o seu deseño de produción. É un filme histórico que ten a súa ambientación coidada ao detalle. As imaxes semellan fotografías de Ruth Matilda Anderson en movemento e posúen un realismo abafador apoiado en todo momento por unhas interpretacións que na súa maioría son moi destacables, especialmente a de Nerea Barros e Victoria Teijeiro.

É unha película dura e, por momentos, ata incómoda. Isto que se o constrúe dende os grandes planos xerais da illa. Hai moita luz, pero é unha luz complicada. É unha paraxe natural preciosa pero impoñente e que mete ata medo. Estas tomas longas contrastan co pechados que son os planos das personaxes que queren dicir que nesa illa tan bonita ninguén está cómodo.

CONSTRUCCIÓN DE PERSONAXES

As mulleres protagonistas son parcas en palabras, duras, sen frases elocuentes e ata cun punto animal. Isto contrasta cas personaxes de Darío Grandinetti, un cosmopolita xornalista que cita a Eduardo Galeano. A interacción entre as mulleres da illa e o arxentino é como entre un terrícola e un extraterrestre, deixando dos momentos máis destacados do filme e contribuíndo á construción das personaxes. A nivel de dirección, A Illa das mentiras posúe decisións moi interesantes, como o uso constante do fóra de campo ou a presentación das personaxes a partir dos pés.

Por outra banda, vese unha clara inspiración pictórica nos planos. O filme ten un punto manierista no sentido de que hai un esforzo para que a meirande parte dos planos teñan unha composición perfecta onde prevalece o valor estético. Nalgúns momentos, percíbese demasiado a man da directora e deixa de ser orgánico para a narración, aínda que son os menos.

LINGUA

Ademais, o maior erro do filme ven a nivel lingüístico. É unha película que debería estar en galego, polo menos os habitantes de Sálvora deberían falalo. E un galego moi característico ademais. A solución atopada é elaborar algo semellante a Fariña. Obsérvase un grande traballo tanto a nivel léxico como fonético e o resultado é robusto. Pero é un parche para un problema que mostra ás dificultades do audiovisual galego para publicarse en galego.

A Illa das mentiras é unha película interesante e unha declaración de intencións por parte de Paula Cons, que con só unha película entra cun estilo propio no audiovisual galego. Ten elementos nos que se denota a súa condición de opera prima, mais o produto é máis que desfrutable e transmite amor e cada un dos seus planos. Hai algúns elementos non tan desenvolvidos como podería ser desexable mais é substituído por unha ambientación brutal e un traballo enorme. Desexando ver a seguinte obra de Paula Cons, sen dúbida.

Dirección: Paula Cons
Guión: Paula Cons, Luís Marías
Fotografía: Aitor Mantxola
Ano: 2020
País: Galicia
3
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.