‘A Maldición de Bly Manor’: Amor en tempos de pantasmas

Cando se anunciou que Doutor Soño, a secuela da icónica O Resplandor, ía estar dirixida por Mike Flanagan, un non podía evitar alegrarse por algo así. O director viña de dirixir a incrible A Maldición de Hill House, e dita serie semellaba razón suficiente para que, por un momento, rematasen no esquecemento obras que Flanagan xa dirixira para Netflix como Ouija: A orixe do mal (2016) ou O xogo de Gerald (2017), onde tal vez o director non mostrara tanto tino.

A Maldición de Hill House resultou nun éxito sen precedentes no referido a series do xénero de terror, converténdose nun dos pratos estrela da plataforma de streaming Netflix durante o seu ano de saída: sétima serie máis vista, detrás de xa grandes éxitos desta como poderían ser 13 Razóns para Odiarte ou Making a Murderer. A popularidade foi tal que se reconverteu o formato a unha serie por tempadas, A Maldición de…, sendo agora Bly Manor a escollida para esta segunda.

Con A Maldición de Bly Manor, Mike Flanagan demostra que a súa maneira de dirixir e narrar funciona moito mellor podendo tomarse as cousas con calma. Cando a súa dirección é para películas, e sobre todo no caso de Doutor Soño, vemos que moitas veces os tempos non resultan suficientes como para crear a ambientación necesaria para que as historias de terror se desenvolvan, incluso sendo capaces de imposibilitar que ningún tipo de sensación macabra ocorra. Con todo, cando se lle pon ao fronte dunha serie, o éxito semella garantido.

Esta segunda repite a fórmula da anterior, mais afastándose: de Hill House movémonos á Bly Manor, situada en Essex, onde viven dous nenos “perfectamente espléndidos” que están en necesidade dunha au pair. Entra aquí a nosa protagonista, Dani (Victoria Pedretti, Nell en Hill House), quen se verá envolta nunha historia de pantasmas mentres desenvolve as súas tarefas. Segredos, soños e pasados escuros veranse mesturados ata que descubramos todo o que rodea á mansión.

Non debemos ter presa á hora de atopar sentido a todo o que está a pasar, pois Flanagan tomarase o seu tempo en que atemos todos os cabos que rodean á misteriosa mansión: cada episodio terá un protagonista resaltado, e mediante as vivencias (tanto presentes como pasadas) deste iremos atopando pequenos detalles que farán que todo encaixe. Atoparémonos polo camiño silencios, pero tamén conversas cheas de importancia tanto para a trama como para permitirnos coñecer mellor a psique dos personaxes. Unha vez todo encaixe, non veremos estraños comportamentos que se nos sinalaron no pasado. A serie crece debido a estes tempos, e consegue que queiramos saber máis dos misterios que rodean Bly.

Neste senso, destacamos ao igual que fixemos con Hill House co episodio seis, o episodio cinco desta tempada. Se daquelas destacaba por longos planos secuencia que axudaban a avanzar a trama, neste caso, con Hannah Grose (T’Nia Miller), atoparémonos unha montaxe excéntrica, onde as escenas serán curtas e repetitivas, confundindo ao espectador durante o proceso. Con todo, a confusión chegará ao seu final ao chegar ao desenlace do episodio, onde tanto protagonista deste como espectador comezarán a entender a motivación dunha montaxe así.

Con todo, non é o único capítulo no que o exercicio de posprodución será protagonista. Chegados case ao final, no episodio oito, lanzarásenos de súpeto ao branco e negro para explicarnos os últimos cabos soltos que quedaban por descubrir na trama. Lanzarásenos séculos atrás da historia para que, a medida que avanzamos no tempo, tamén as imaxes que estamos a ver collan cor.

A nivel narrativo, e se ben o guión resulta sólido, perde maxia en relación ao contido orixinal que deu comezo ás series. A Maldición de Hill House resultaba terrorífica, pero Bly Manor non o é tanto. O aspecto dos pantasmas que mostra a serie é explicado á perfección, pero inda así non chegan a evocar máis que tristeza unha vez pasemos da confusión inicial e teñamos as descricións adecuadas.

O que reside na mansión de Bly Manor é, sen lugar a dúbidas, unha historia de amor entre a nosa protagonista e unha das personaxes secundarias. Veremos como o amor entre as personaxes crece no medio dunha situación traumática, e como os elementos que comezaron a relación a consolidan ata moito despois de que os feitos narrados rematen e a maneira na que marcará á parella .

A mesma serie xogará coa idea de que non estamos ante unha historia de pantasmas, senón unha historia de amor, e se ben é certo, é tamén a principal palabra que se pode ter ante o que semellaba manter a renovación do xénero de terror, ao igual que fixera a súa predecesora. Neste senso, atopamos A Maldición de Bly Manor entre xéneros, sen que ningún destaque sobre outro, freando o que estes poderían aportar á serie.

Aceptando vivir na mansión que se nos presenta en A Maldición de Bly Manor non pasaremos tanto medo como nos tería gustado. Se ben a serie funciona, ten grandes detalles técnicos e se pode desfrutar, non estamos ante ningún tipo de revolución.

A Maldición de Bly Manor
Creador: Mike Flanagan
Guión: Mike Flanagan, Henry James, Diane Ademu-John, Michael Clarkson, Paul Clarkson, James Flanagan, Leah Fong, Rebecca Klingel, Angela LaManna, Laurie
Fotografía: James Kniest, Maxime Alexandre
Música: The Newton Brothers
Ano: 2020
País: Estados Unidos
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.