‘A Stormy Night’: Cando facer sentir é suficiente

Chovía en Madrid. Era o tempo perfecto para ver A Stormy Night, proxectada pola Academia de cine dentro da sección oficial do LesGaiCineMad, un festival que leva 25 anos dándolle visibilidade ao colectivo LGTBIQ+, no que conseguiu o Premio a Mellor Guión.

A Stormy Night é a primeira longametraxe de David Moragas, que non soamente dirixe senón que tamén a escribe. Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, actualmente está cursando un Máster de Dirección Cinematográfica na Tisch School of the Arts de Nova York. Os seus anteriores traballos, When He Left (2017) e Only Fools Rush In (2018) puidéronse ver en festivais coma o D’A Film Festival, e manteñen o interese por explorar as relacións sentimentais entre dous homes, algo que conserva nesta película e que parece que o acompañará durante toda a súa carreira.

A idea deste novo proxecto ven do seu amor polas comedias románticas, en especial A boda do meu mellor amigo (P.J. Hogan, 1997) e Notting Hill (Roger Michell, 1999), as súas favoritas. A pesar de desfrutar véndoas, o director barcelonés non se vía representado. Nin nestas, nin en ningunha película do xénero.

É por iso que tiña claro que cando se lanzara a facer películas quería aportar unha visión distinta, afastada da norma e máis próxima para o colectivo LGTBIQ+. Aproveitou a oportunidade, tamén, para engadir aspectos autobiográficos como unha camiseta de Žižek ou as discusións sobre a monogamia e o compromiso, e para plasmar o choque cultural que sentiu ao mudarse a Estados Unidos. Neste sentido, o guión serviulle para mostrar as súas reflexións internas, que cambiaban o seu punto de vista a medida que avanzaba a escritura.

A historia, en realidade, é moi simple. Marcos, interpretado polo propio director, vese obrigado a pasar unha noite no piso da súa amiga Clara en Nova York, xa que o seu voo foi cancelado por culpa dunha forte tormenta. Ao non estar Clara, Marcos ten que pasar un día con Alan, o seu compañeiro de piso.

Así, o relato constrúese nun só día e nun único espazo. Ambos, ao estar confinados, vense obrigados a coñecerse. A incomodidade e os roces iniciais dan paso a conversacións sobre o complicado de amar sen facer dano a outra persoa, o difícil de “saír do armario” e vivir sendo homosexual –el o define como “saír á calle cunha mochila posta”–, e a ansiedade que todo isto provoca.

O branco e negro e un son moi coidado aportan unha tonalidade intimista e permiten que o relato se centre, sen distraccións, no guión e a evolución dos personaxes. Trasládanos con éxito a esa casa neoiorquina na que o chan renxe con cada pisada, a tormenta filtra a luz solar e soamente se escoita o ruído que fas as pingas nas fiestras.

A película inscríbese, polo tanto, dentro do subxénero mumblecore, no que se atopan películas como Funny Ha Ha (Andrew Bujalski, 2002), filme fundacional, ou, máis coñecida, Frances Ha (Noah Baumbach, 2012). Isto quere dicir que forma parte do cine independente e que se caracteriza por contar cun baixo presuposto, estar gravado en dixital, xirar en torno ao drama-comedia, buscar actuacións naturalistas e centrarse nos diálogos.

Pode que a primeira película de David Moragas non sexa perfecta, sobre todo pola pouco expresiva actuación do director, pero consegue algo que poucas películas logran: facernos sentir. Ao parecer, encóntrase en proceso de dirixir outra película e, se mantén esta tendencia, é un director que vai dar moito que falar dentro do panorama español.

Dirección: David Moragas
Guión: David Moragas
Fotografía: Alfonso Herrera Salcedo
Música: Ángel Perez
Ano: 2020
País: España
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.