‘A unidade’, realismo policial

Tradicionalmente, as series españolas sempre foron tachadas (na meirande parte de casos con toda a razón) de ter un baixo orzamento e recorrer a tópicos para desenvolverse. Mais nos últimos anos, Movistar+ fundou unha nova era. Colleu o espírito da serie dos irmáns Sánchez-Cabezudo Crematorio, que tentaba instraura no Estado español unha sorte de estilo HBO, é dicir, un selo de calidade e transcendencia.

Cos anos, os orixinais de Movistar+ deixaron numerosas obras totalmente recomendables como A Zona dos propios Cabezudo, Vida Perfecta, A Peste ou Hierro, a laureada serie dirixida polo galego Jorge Coira e producida por Portocabo. Nesta ocasión a produtora galega máis grande do Estado, Vaca Filmes, debuta na plataforma e o fai con A Unidade, un thriller policial de seis episodios dirixido por Dani de la Torre.

CONTRA O TERRORISMO

A serie ten como principal temática a loita contra o yihadismo dende o punto de vista dunha división especial dedicada á persecución do terrorismo. O aspecto máis destacable da obra é o deseño de produción que a dota dun grande realismo. Narra meticulosamente todos os detalles dos dispositivos policiais e todas as fases que se desenvolven antes de atrapar aos obxectivos. Ten unha grande credibilidade que lembra por momentos ás grandes obras policiais do século, como 24 ou Homeland.

Nisto ten que ver o gran orzamento depositado na obra, mais tamén quen está detrás da serie. Dani de la Torre pon a cámara en todo momento no lugar adecuado e marca os tempos da acción xunto a unha montaxe levada a cabo por Jorge Coira que por momentos lembra ao traballo que fixo en’O Descoñecido, merecedor dun premio Goya.

ALTA FACTURA

É interesante e novidoso nas series estatais desta temática que non se repare en utilizar diferentes localizacións de ser necesarias, e que dan á serie un grande dinamismo. Por outra banda, tamén son moi interesantes as secuencias de acción, absolutamente espectaculares e que por momentos rivalizan por grandes superproducións do xénero. Non minto se afirmo que se estiveran incluídas en filmes do estilo da recento Tyler Rake, o resultado non cantaría demasiado.

A Unidade esfórzase moito en darlle un contexto, aínda que mínimo, á meirande parte dos personaxes co fin co que o espectador conecte con eles. Se ben é acertado que se mostre que os policías teñen unha vida máis aló do seu traballo, as situacións que se expoñen son totalmente plausibles e están introducidas dun xeito adecuado, nalgún momento concreto si que chegan ser un atranco a nivel narrativo.

Isto é compensado na súa maior parte polas interpretacións coas que conta a serie. Búscase ir lonxe dos clásicos estereotipos policiais noutras series semellantes e vaise cara a actores máis de carácter que non teñen medo en profundar. Especialmente destacables son as actuacións do arxentino Michel Noher  e do galego Luís Zahera.

A Unidade non innova a nivel temático. O que conta está moitas veces contado con outros personaxes, outras localizacións e outras linguas, mais o fai dun xeito inapelable. Non introduce nada sorprendente, pero está o suficientemente ben feita como para constituír un paso máis aló na ficción española. Un exemplo de como o grande orzamento en boas mans soamente pode ter un resultado notorio.

Creadores: Dani de la Torre, Alberto Marini
Guión: Alberto Marini, Amèlia Mora, Dani de la Torre
Fotografía: Josu Inchaustegui
Música: Manuel Riveiro
Ano: 2020
País: Galicia
4