‘Alone’: Miradas que falan

Jessica é unha muller que, tras perder o seu marido e pasar varios meses de loito coa súa familia, decide mudarse soa. Lonxe de todo o sucedido. Durante esta viaxe, Jessica percorre as rúas que cruzan os bosques de Oregon, moi afastada de calquera cidade ou pobo.

Ao pouco de comezar a viaxe encóntrase cun home que case provoca un accidente e que parece buscar problemas. A estas alturas do relato, vemos unha Jessica moi asustada, tanto pola súa expresión corporal coma polas súas reaccións. A pesar de que pasou bastante tempo dende o ocorrido, para ela esta mudanza é unha forma de deixar atrás o pasado e reconducir a súa vida.

Aínda así, compórtase coma un animal asustado que ten medo do mundo que lle roubou á súa familia. É por isto que as accións dese home son tomadas por Jessica como ameazantes, cando nun principio non tería por que ser así. John Hyams, o director, lévanos ao mesmo punto de paranoia que pode sufrir a protagonista: é realmente unha ameaza ese home ou é o punto de vista dunha muller traumatizada?

Estes primeiros momentos de dúbida acláranse rapidamente, pouco despois, cando o home a secuestra. Dende entón comeza unha persecución pola natureza que soamente ten dous finais posibles: ou é ela quen mata, ou morre. A importancia da natureza no relato queda explicitada mediante o uso de planos cenitais conseguidos con drons que aportan unha innecesaria contextualización (xa sabemos onde se atopan) e, sobre todo, pola estrutura da propia película, que se divide en episodios: a carreteira, o río, etc.

Alone articúlase en torno á mirada da súa protagonista. Isto relacionase perfectamente coa situación actual, na que, co uso das máscaras, a mirada expresa máis que nunca. Como di o secuestrador nun momento do filme: “recoñezo o medo cando o veo; todo está nos ollos”. Por esa mirada pasa o arco da protagonista, que comeza a película, como xa dixemos, completamente asustada, perdida e sen saber que facer pero que pouco a pouco consegue armarse de valor ata que vemos u odio e a rabia na súa mirada.

Non é unha trama especialmente orixinal nin moito menos, pero John Hyams consegue darlle un ton cru no que sentimos realmente que a protagonista estase a xogar a súa vida. Ó contrario do que ocorre noutras películas do xénero, todas as accións son verosímiles e non tratan de parvo ao espectador.

Director: John Hyams
Guión: Mattias Olsson
Música: Nima Fakhrara
Fotografía: Federico Verardi
Ano: 2020
País: Estados Unidos
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.