‘Antidisturbios’: A violencia institucional a exame

As mellores series de televisión do Estado veñen da man de Movistar+. E a nova produción da plataforma chegou de improviso nun momento acaído. Co movemento Black Lives Matter aínda latente na opinión pública cinco meses despois do asasinato de George Floyd, a premisa da que parte Antidisturbios vén recordarnos que o racismo e a brutalidade policial tamén son subxacentes neste lado do Atlántico. E non soamente un desfile superficial co que atacar por Redes Sociais á sociedade estadounidense.

Rodrigo Sorogoyen e Isabel Peña comezaron a idear Antidisturbios pouco antes de que o primeiro comezase a produción d’O Reino, o ovacionado filme do que comparte parte da proposta temática. Porque ao principio, a serie semella erixirse como unha crítica aos corpos policiais do Estado; mais a medida que avanzan os capítulos, unha trama de corrupción política que se eleva por riba dos maderos vai cobrando máis peso.

A axente de Asuntos Internos, Laia Urquijo (Vicky Luengo) comeza a investigar un accidentado desafiuzamento nun corral de Vallecas, na procura dunha neglixencia por parte da Unidade de Intervención Policial que podería ter causado o homicidio imprudente dun mozo senegalés. A medida que avanza a pesquisa, vai descubrindo unha empozoñada maquinación política na que os seis antidisturbios non serían máis que cabezas de turco.

Unha análise humana da violencia policial

O premeditado espexismo argumental é intelixente á hora de esculpir os perfiles do equipo da UIP; enfatizado ademais pola reacción pública dos colectivos policiais, que non se demoraron en condenar a representación dos órganos nada máis viu a luz a serie. Antidisturbios non se limita unicamente a amosar unha superficial imaxe dos procederes do Puma 93, senón que se para a profundar nas motivacións dos seus integrantes.

Tíngueos do máis repulsivo masculinismo ibérico, mais tamén se dedica a aportarlles o seu lado máis humano. Permite que sexa o espectador o que exerza o xuízo moral sobre os seis antidisturbios, e decida poñerlles a etiqueta de colaboradores da violencia institucional ou de vítimas da mesma. E a quen lle pique o cariz agresivo, o esporádico consumo de drogas e outras imaxes que se poderían calificar como estereotipos pero tamén como elementos de práctica habitual, que se rasque.

Aínda que cada capítulo leve o apelido de cada un dos antidisturbios de título, o foco dramático non é nin de lonxe tan compacto. Os arcos de transformación vanse entrelazando sen un protagonista central, formando un alicatado mosaico episodio a episodio, no que cada unha das personalidades dos policías se vai despregando con solidez, apoiadas nas fenomenais interpretacións de quen se mete na súa pel. Cómpre destacar a Raúl Arévalo, máis e máis consistente en cada papel que personifica; desta vez desvelando paulatinamente as pretensións honradas do policía Diego López. Pero sobre todo a Hovik Keuchkerian como Osorio, home desgañitado pola profesión que loita polo remanso de paz da mesa de oficina.

Propoñendo máis do que se pode abordar

E ata aquí todo ben, mais Antidisturbios proponse abordar paralelamente o tema da corrupción política. E a medida que avanza a acción, a serie vese obrigada a compaxinar ambas tramas nunha complicada tarefa de non deixar que a primixenia perda peso. Non o consegue de todo, pois non logra sacar unha conclusión robusta sobre os conflitos presentados de rango máis universal: a prevaricación, os desafiuzamentos e, en global, a violencia institucional.

Tampouco consegue callar o arco de transformación da axente Laia Urquijo, quen podería ser protagonista ou antagonista, segundo como se observe o relato. Existen certos momentos cruciais para o desenvolvemento da personaxe que a tornan, con certa ranciedade, no arquetipo de muller fráxil que emprende máis do que pode conseguir -como un encontro sexual co policía Úbeda (Roberto Álamo) que sobra completamente-. Ao desenvolvemento deste tópico tampouco axuda a esaxerada recreación na súa obsesividade laboral, metendo a calzador o deterioro da relación coa súa parella.

Con todo, Antidisturbios comprende máis acertos que erros. O maior triunfo de todos vén sen lugar a dúbidas dun fenomenal apartado técnico. O director de fotografía Álex de Pablo -tamén encargado do departamento n’O Reino, da cal non se poden evitar comparacións formais- carga aos operadores cun steadicam, permitindo asexar ás personaxes nas secuencias de maior acción mediante logradísimos planos secuencia. O ritmo, argallado na edición por Alberto de Campo, é trepidante ou pausado dependendo da idoneidade do momento, nunha tensión constante e extremadamente lograda.

Probablemente, Antidisturbios sexa a mellor serie española deste ano. Sacrifica a claridade conceptual e simbólica pola aproximación a unha temática dual. Mais funciona como un acertado retrato dos corpos policiais, amosando as motivacións dos que o integran dentro e fóra do eido laboral. Lanza un bo pulso de cuestións morais e apela á intelixencia do observador, amosándolle as cartas para que determine ao seu propio xuízo. E ademais, como un vibrante entretemento audiovisual.

Creadores: Rodrigo Sorogoyen, Isabel Peña
Guión: Isabel Peña, Rodrigo Sorogoyen, Eduardo Villanueva
Fotografía: Álex de Pablo, Diego Cabezas
Música: Olivier Arson
Ano: 2020
País: España
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.