Arcane (Acto 1): League of Legends volve gañar

League of Legends é un dos videoxogos máis importantes da historia. Malia ser famoso por ter unha comunidade tóxica e unha porta de entrada moi grande (como tantos videoxogos online), é innegable que o xogo de Riot Games marcou un antes e un despois. En primeiro lugar, por apostar por un modelo de negocio free to play nun contexto onde pagar unha subscripción costosísima por un só xogo era o cotiá. En tempos de Game Pass a día de hoxe case parece unha marcianada, pero Willy Toledo facendo o anuncio do paladín foi algo que existiu.

Ao longo de máis dunha década de vida, League of Legends tamén puxo en primeira plano os Esports. Seguindo a estela de títulos anteriores como Starcraft, popularizou e internacionalizou os deportes electrónicos para levalos a outro nivel de repercusión. Hai só uns días, máis de 200.000 persoas seguiron só en España a final dos Worlds onde o equipo chinés Edward Gaming conseguiu o seu primeiro título de campeón do mundo.

Ademais, ao longo deste tempo foron publicados diferentes spin offs ambientados no mesmo universo que o LOL. O xogo de cartas Legends of Runeterra, o Auto-chess Teamfight Tactics e a máis recente versión para móbiles con partidas máis curtas Wild Rift. Entre os catro, segundo datos recentes publicados por Riot Games, cifran os xogadores mensuais en 180 millóns. Por poñer un pouco de contexto, superan en 40 millóns o número de contas que existen en Twitch.

Pararelelamente, tamén se foi desenvolvendo un basto lore ao redor do xogo. Con máis de 150 personaxes xogables a día de hoxe, a complexidade do mesmo e a súa lonxitude tamén é grande. Como consecuencia, ao longo do tempo chegouse a reinterpretacións, cousas que non teñen todo o sentido do mundo e pasaxes pouco cohesionados. E aquí é onde chega Arcane, a primeira serie sobre o universo de League of Legends. Un produto chamado a poñer as bases férreas sobre partes dun lore que necesitaba unha referencia para o propio canon.

Despois desta grande introducción, hai que destacar que os tres episodios de Arcane publicados ata o momento son das cousas máis destacadas no audiovisual de 2021. Cóntanos a orixe de diferentes personaxes do League of Legends, poñendo especial fincapé en Vi e Jinx (na serie aínda chamada Powder). Un relato cargado de dramatismo, con personaxes sorprendentemente tridimensionais e impecable no técnico.

Arcane evidentemente é unha forma de vender League of Legends, como tantos produtos audiovisuais derivados de videoxogos. Pero no que normalmente é unha simple excusa e ten unha calidade mediocre, nesta ocasión nótase o esforzo, o cariño e os cartos. Cunha animación absolutamente sobresaliente e cunha dirección de arte que dota á obra dunha caracterización propia. Fuxe de parecerse a referencias da animación contemporánea para intentar lograr un estilo propio.

Ademais, xógase perfectamente coa ambientación. Piltover e Zaun son dúas cidades unidas. A primeira é rica e punteira en avances tecnolóxicos e a segunda pobre e vive oprimida. Arcane cóntanos como a situación dunha afecta á outra sen remedialo mediante unha constante montaxe pararlela mediante o que imos descubrindo dúas historias que converxerán no futuro de forma irremediable.

Os tres episodios publicados ata o momento teñen un nivel altísimo, sobre todo os dous últimos, rematando nun punto dramático sorprendente ata para os que sabemos máis ou menos como debían rematar os acontecementos. A serie é crúa, adulta e quere ter un nome propio. Se segue a este nivel, Arcane pode convertirse nunha das series do ano. E por que non, sembrar a semente para construír un universo cinematrográfico que fará desfrutar aos fans e expandirá aínda máis a marca League of Legends.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.