As 10 películas que máis agardamos de 2021

Por se alguén aínda non o sabe, chegou 2021. E como cada ano, dende Balea elaboramos listas do máis agardado para ver o final do ano como as nosas prediccions non son moi acertadas.

Nestes tempos pandémicos, as estreas de cine son máis incertos que nunca e decidimos traballar sobre filmes con data de estrea confirmada ou presenza asegurada (ou non, xa veremos). Polo tanto, dáse a circunstancia de que hai unha gran cantidade de filmes de 2020 adiados a este ano. Pero que cheguen tarde, non significa que os agrademos menos, o que chega último á carreira tamén ten dereitos!

Nomadland

Chloé Zhao

Estados Unidos

Tras a notable The Rider, Chloé Zhao volve cunha historia protagonizada por Frances McDormand. Soamente por ese dato pagaríamos catro entradas, pero a verdade e que alá por onde foi, Nomadland arrasou. A súa historia está ambientada na crise do 2008 e contará unha historia marcada por unha vida nómade moderna

Sen tempo para morrer

Cary Joji Fukunaga

Reino Unido

Canto máis tempo pasa sen estrearse, máis ganas lle temos ao James Bond de Fukunaga. Hai unha falta de blockbusters de calidade moi necesarios na industria e non hai nada mellor que comezar o ano (se se pode considerar comezo de ano a abril) cunha franquía coa que medraron varias xeracións en mans dun director con tanto talento.

Outra ronda

Thomas Vinterberg

Dinamarca

O tema da distribución do filmes é un debate aberto. A nova obra de Thomas Vintenberg xa se puido ver en varios festivais e é posible que ti xa a viras. Nós polo menos non tivemos o pracer e agardamos con moitas ganas esta obra que promete tratar como poucas a adicción ao alcol.

Last night in Soho

Edward Wright

Estados Unidos

Do novo de Edward Wright pouco se sabe ademais de que será un filme de terror psicolóxico. O mesmo que o ano pasado, xa que é unha das películas que se retrasaron por mor da covid-19. Aquí seguimos agardando ver que nos ofrece o director tras Baby Driver

Valentina

Chelo Loureiro

Galicia

Chelo Loureiro é un dos grandes nomes do cinema galego. Dende a produción, foi a responsable de grandes filmes galegos de animación como De profundis ou Decorado. Agora debuta na dirección con esta historia sobre unha rapaza con Síndrome de Down que quere ser trapecista.

Old

M. Night Shyamalan

Estados Unidos

M. Night Shyamalan é un director polémico pero dende aquí rompemos unha lanza pola súa obra. Aínda que con irregularidade, o director indio mantivo durante toda a súa carreira unha mirada moi persoal en todo o que fixo e sen dúbida aportou moi bos filmes ao medio. Deste Old polo momento pouco sabemos, excepto que o tempo será un elemento de grande importancia.

Dune

Denis Villeneuve

Estados Unidos

Ciencia ficción e Denis Villeneuve é un cóctel que xa estamos afeitos a ver despois de filmes tan destacados como A Chegada Blade Runner 2049. Este era o filme que máis agardabamos do 2020, pero non puido ser por motivos que todos sabemos. Agardemos que neste 2021 poida facerse efectivo. Non podemos agardar máis.

Gucci

Ridley Scott

Estados Unidos

Neste 2021, Ridley Scott vai estrear nada máis e nada menos que dúas películas. Ademais, verémolas con apenas mes e medio de diferencia. Nas dúas sae Adam Driver, o cal sempre é unha boa nova. Nós, en principio imos apostar máis por Gucci, un drama criminal sobre o asasinato do neto do magnate da moda italiana.

Matrix 4

Lana Wachowski

Estados Unidos

Outra cousa importante que nos quitou a pandemia foi o día de Keanu Reeves, xa que se estrearían no mesmo día Matrix 4 e John Wick 4. E xa por iso, merece estar nesta lista. Porque ademais tivo a desgraza de saír en Ciberpunk 2077. Porque aínda peor que ter bugs, é ser un bug. Nós solidarizámonos co bo de Keanu e apoiámolo. E tamén somos nostálxicos de Neo, para que mentir.

Don’t look up

Adam McKay

Estados Unidos

Un dos directores máis interesantes dos últimos anos é Adam Mckay, sen ningunha dúbida. Ademais, este filme parece especialmente ambicioso, xa que conta con intérpretes da talla de Jennifer Lawrence, Leonardo  DiCaprio, Cate Blanchett, Meryl Streep ou Timothée Chalamet. Un ecléctico equipo que promete facernos desfrutar nesta sátira sobre dous astrónomos que deben avisar aos cidadáns de que un meteoro vai destruíla.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.