'As gardiás', decepción costumista

Xavier Beauvois, gañador do Gran Premio do Xurado en Cannes no 2010 con De deuses e homes, volta en As gardiás cun retrato da Francia rural durante a Primeira Guerra Mundial. Narra a vida durante eses anos nunha aldea que é levada polas mulleres porque os homes teñen que ir ao fronte. Nathalie Baye e Laura Smet, dúas actrices moi recoñecidas do cinema francés, interpretan á nai e filla que quedan ao cargo dunha granxa. A debutante Iris Bry interpreta a Francine, unha serventa que chega a axudar co traballo.
A película trata cun detalle minucioso todas as tarefas que levan na súa vida diaria para sacar adiante o traballo. Muxir as vacas, fabricar carbón vexetal ou colleitar soamente son un par de exemplos. Neste senso tamén amosa un cambio de época a nivel tecnolóxico, como a tecnoloxía ábrese paso pouco a pouco ante os métodos tradicionais. Aquí soamente se busca amosar e non se atopa a bastante habitual confrontación entre tradición e progreso. Tamén hai unha clara mensaxe antibelicista, faise constantemente fincapé en como a guerra cambia a xente, como xa ninguén é o mesmo.
A directora de fotografía é Caroline Champetier, e xunto ás sólidas interpretacións é o traballo que máis destaca da película. Referencia moito ás pinturas realistas francesas sobre todo de Millet, no que hai planos calcados a cadros do autor. Por outra banda, a dirección é bastante academicista e non arrisca en absoluto. Destaca unha predominancia do plano xeral que amosa contornas moi baleiras e austeras. Como o baleiro que deixa a guerra. Un tempo suspendido que se trata con gran coidado. Tamén existe un certo grao de abstracción co que se busca, a través das imaxes, transmitir as emocións que podían vivir esas mulleres. A incerteza e o medo de que lles deran a nova de que os seus maridos, fillos ou pais morreran ao día seguinte.

E aí acaba todo o bo que se pode dicir porque a maioría de cousas son negativas. Todo o tempo que se utiliza no costumismo, fai que o filme teña unha duración demasiado alta. Ademais,  estes actos non aportan narrativamente en absoluto. O guión, por outra parte, parece o dun culebrón caendo no máis barato melodrama. É todo o previsible que pode ser e cae en abundantes clichés que arruínan totalmente a experiencia do visionado.
Ademais, véndese como unha obra feminista onde o empoderamento das mulleres é notable, pero a realidade ten moitos matices. Se ben as mulleres fan un traballo moi duro por conta propia e hai diversos tipos de moralidades neste senso enfrontados, todas as decisións importantes da película están supeditadas ao home ou a accións por parte dos mesmos. A preponderancia masculina existe aínda que en corpo estean moi lonxe. A película berra sen parar que é unha situación coxuntural sen indicio de movemento. Salvando as distancias, paréceme que se fomenta a situación que denuncia o cineasta galego Álvaro Gago na súa curtametraxe Matria.
As gardiás é unha película decepcionante. Non está á altura nin por asomo dun director tan recoñecido como é Beauvois. Non arrisca case nada e está tan chea de lugares comúns que parece o sofá da miña casa. Ten valor a nivel histórico e fala dende unha perspectiva pouco explorada, pero non aproveita a oportunidade para aportar nada novo en absoluto. Ten demasiadas escenas superfluas e a súa historia carece de interese. En definitiva, unha real pena.
As gardiás
Director: Xavier Beauvois
Música: Michel Legrand
Guión: Xavier Beauvois, Frédérique Moreau, Ernest Pérochon
Fotografía: Caroline Champetier
Ano: 2017
País: Francia
2
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.