‘As nenas’: Luces e sombras da España do 92

Zaragoza, 1992. Ábrese a escena: silencio. Un coro de nenas semella cantar, máis das súas bocas non saen sons. Trátase dun ensaio xestual. A continuación, a monxa que as dirixe indicará a cinco delas que, mentres as demais cantan –agora de verdade-, elas continúen unicamente a mover a boca. Esta escena, que nun primeiro momento parece carecer de todo sentido, será precisamente a que dará sentido ao filme, e que se fiará perfectamente coa escena final: como poder conseguir voz unha muller?

Así comeza As nenas, a ópera prima da zaragozana Pilar Palomero que, tras o seu paso por Berlín, o pasado agosto fíxose coa Biznaga de Ouro do Festival de Málaga. Un retrato intimista que, pese a non ser autobiográfico como aclarou a propia Palomero, serve de espello de toda unha xeración.

Celia (Andrea Fandos) e as súas amigas de clase acoden a un colexio escolapio feminino. Teñen once anos e discorren por ese momento esencial no que se perde a inxenuidade da nenez e no que se dá paso ás preguntas sen resposta da xuventude. Como un sopro – necesario – de aire fresco, chega unha nova nena ao colexio, Brisa (Zoe Arnao), quen lles fará descubrir que existe un mundo máis grande e libre do que pensaban até agora. Se ben, alcanzar a ter un xuízo propio, vivindo baixo o xugo dunha sociedade que coarta o librepensamento, conlevará tempo e esforzo.

As nenas desenvólvese nunha España aínda represora que intenta dar unha aparencia de modernidade ao mundo -lembremos que é o ano dos Xogos Olímpicos de Barcelona e da Expo de Sevilla–, unha falsa imaxe afastada da realidade. Aínda que o filme non cite en ningún momento os dous feitos históricos que marcaron aquel ano, a cultura popular fai referencias constantes á época: dende Patty Smith soando de fondo nunha festa, pasando pola aparición da famosa campaña de televisión “Póntelo, Pónselo” ata a reprodución de modismos lingüísticos propias da época como “queres rollo?”.

É innegable a naturalidade das conversas e dos silencios, onde se pon de manifesto a improvisación coa que traballou Palomero durante a rodaxe: as primeiras caladas a un cigarro, as primeiras festas e contactos co alcohol, a busca de entretemento nas aburridas clases das monxas, os ligoteos ou as incógnitas sobre as súas propias familias, etc. Así mesmo, a directora tamén xogou co formato da película, gravado en 4:3, unha proposta feita pola súa directora de fotografía Daniela Cajías co obxectivo de crear un ambiente nostálxico.

Cabe destacar a actuación impecable da protagonista, Andrea Fandos, quen, ao igual que todas as nenas do filme, estréase na profesión. No que se refire aos personaxes adultos, Natalia de Molina, unha das actrices máis interesantes e impredicibles do cinema contemporáneo español, métese no papel da nai de Celia. O seu rostro e a súa voz constrúen a personaxe dunha muller desgastada, enigmática e costumbrista, que concentra un estraña verdade.

A precisión da película, a súa naturalidade e a súa crítica non forzada convértena nunha peza esencial do cinema español deste ano e que cabe comparar co filme Estiu 1993. Aínda que as súas temáticas sexan diversas, xiran arredor da relación das nenas co seu entorno, no marco dun contexto sentido como opresor. Ambas son óperas primas das súas respectivas directoras, que constitúen indagacións autobiográficas sobre a súa nenez. Preparen as súas apostas para os próximos Goya.

Dirección: Pilar Palomero
Guión: Pilar Palomero
Fotografía: Daniel Cajías
Música: Juan Carlos Naya
Ano: 2020
País: España
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.