As películas imprescindibles de José Luis Cuerda

Un gran cineasta deixounos onte. José Luis Cuerda morreu aos 72 anos, cun importantísimo legado cinematográfico ás súas costas; non tanto pola abundancia da súa filmografía, senón pola importancia dalgunhas das obras que a conforman.

Cando o cine español atopaba soamente a comedia na súa forma máis burda -e maioritariamente, aínda o fai-, o director, produtor e guionista manchego conseguiu sorprender e encantar tanto a crítica como público cun agudo humor nunca visto antes, mais sen deixar nunca de lado o absurdo, nun estupendo equilibrio entre o insensato e o sofisticado.

Pero Cuerda tamén é moi importante para Galicia: en varias ocasións puxo o ollo na nosa literatura e fixo comprender ao cine estatal a valía galega tanto cultural como historicamente. Estas son as súas catro películas imprescindibles.

O bosque animado

1987

Baseada na celebérrima novela homónima de Wenceslao Fernández Flórez, a película traza unha viaxe fantástica polo rural de Galicia; concretamente, na fraga do Cecebre (aínda que realmente foi rodada en Sobrado). A traxicomedia retrata con cariño a tradición do país, poñendo o foco nas meigas e a Santa Compaña, ademais das duras condicións do labrego galego. O bosque animado fíxose con sete premios Goya, entre os que destacan Mellor Película, Mellor Guión e Mellor Actor Protagonista (Alfredo Landa).

Amence, que non é pouco

1989

Dous anos despois do seu descubrimento como cineasta, Cuerda desempaqueta a que quizais sexa a mellor comedia do cine español. Surrealista e irreverente, Amence, que non é pouco toma a difícil tarefa de situarse na profunda Mancha e trocar o rancio humor costumista, xa suficientemente explotado por García Berlanga, por un inédito absurdo. A sátira ao Estado, á relixión católica e á sociedade en xeral transvasa todos os límites que nin o mesmísimo Buñuel conseguira superar no seu momento, moito máis alá da abolición da censura franquista.

Pechando a triloxía “do absurdo” que iniciara O bosque animado e continuara Amence, que non é pouco, esta é a máis frouxa de todas, pero non por iso é nada desdeñable. Cuerda satiriza o Evanxeo retratándoo, unha vez máis, desde o costumismo, coma se de unha aldea de España se tratase. Un reparto pragado de importes actores, entre os que destacan Francisco Rabal e Fernando Fernán Gómez (nin máis nin menos que coma Deus), protagonizan unha comedia que, de seguro, non foi do agrado do Vaticano.

A lingua das bolboretas

1999

Cuerda tamén soubo facer bo drama, e A lingua das bolboretas é o mellor exemplo da súa filmografía. A película supuxo un fito histórico para Galicia: por vez primeira, o cinema de fóra das nosas fronteiras reparaba na literatura escrita en lingua galega, e cun éxito sen precedentes: quintuplicou en recadación o seu presuposto e acadou 13 nomeacións aos Goya (aínda que soamente conseguiu Mellor Guión Adaptado). Baseado no relato homónimo de Manuel Rivas, parte do libro Que me queres, amor?, o filme encadra no rural galego o crepúsculo da II República e os inicios da Guerra Civil, na que rapidamente sucumbiu Galicia ao bando franquista.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.