Ataque aos titáns 04×02: Ao demo gústanlle as patacas

Tras un primeiro capítulo centrado totalmente na batalla e na presentación dun xeito superficial de Marley e dos eldianos que aí vivían, neste segundo tocou a calma. Unha transición necesaria para coñecer os novos personaxes, resignificar os vellos tras a elipse de catro anos e sentar as bases a nivel narrativo dos próximos episodios.

Neste episodio volven centrarse nos eldianos, mais dun xeito un pouco diferente. O enfoque non é tanto demostrar os martirios sobre a poboación eldiana (aínda que existen dun xeito constante) como explorar cales son os comportamentos e motivacións dos elixidos para portar o poder do titán. E a resposta é simple: sobrevivir.

É interesante ver como se presenta o rol destes personaxes fóra do campo de batalla. Aínda que só os vísemos pelexar ata o de agora, Zeke e compañía son humanos. É mais, teñen unha posición extremadamente delicada dentro da sociedade de Marley. O imperio e o poder dos titáns están en decadencia e teñen que demostrar ser útiles. Do contrario, serán tratados como uns eldianos máis, coas terribles implicacións que iso ten.

Especialmente destacable é a introdución ao novo Reiner. É un veterano de Vietnam á forma de Marley. Terriblemente traumatizado e sen querer que a dinámica da guerra continúe, pero consciente en todo momento da súa posición. Reiner protagoniza o mellor momento do capítulo cando na súa casa lle preguntan como son “os demos” da illa Paradis. El responde que a eses demos lles gustaban as patacas, algúns eran irresponsables e outros demasiados responsables… esta descrición dos seus compañeiros durantar primeira tempada da serie cruza unha barreira inaceptable: humanizar ao inimigo.

Este diálogo está acompañado dun zoom in á cara de Reiner e dunha banda sonora que como é habitual na serie está ao primeiro nivel. Aínda que non houbera secuencias bélicas ou de grande movemento, a nivel de dirección o capítulo ten momentos destacables como a primeira secuencia onde se mostra o teito onde fala o consello militar de Marley. Na animación, o estudio MAPPA polo momento está a facer un bo traballo con esta mestura do 2D e o 3D sen demasiadas estridencias.

No narrativo estamos nun momento onde Marley debe intentar conquistar outra vez á illa Paradis. Aínda non sabemos que foi de Eren e compañía durante todo este tempo, aínda que a serie pouco a pouco nos dea algunha miga que seguir, pequena pero sólida. Nos próximos tempos veremos cal foi o plan dos protagonistas orixinais da serie despois de ver o mar por primeira vez. Canto de irresponsables foron os demos aos que lles gustan as patacas. Saberémolo a semana que ven! (ou non).

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.