Ataque aos Titáns 4×04: Persoas de primeira e de segunda

Tras este cuarto episodio, o noso coñecemento sobre como está estruturada a sociedade marleiana son moito máis claros que cando a tempada daba comezo. Atopámonos ante unha sociedade desgregada, onde conviven marleianos e eldianos, sendo estes últimos repudiados, tratados coma demos que non poden traer máis que desgracia ao mundo debido á súa capacidade non escollida, como xa sabemos, de poder potencialmente converterse en titáns.

Con este rexeitamento, a vida non é sinxela. Sendo o peor do peor da sociedade, converterse en Guardián —portadores dos titanes cambiantes, eses que tanto coñecemos xa— semella a única oportunidade dos eldianos máis novos xa non só para conseguir sentir un mínimo de realización na súa vida, senón que isto parece tamén a única maneira de que as súa familia poidan avanzar socialmente. O único que se pide a cambio é ser o soldado perfecto: non facer preguntas, asasinar a tanta xente como se lle pida e amar a Marley sobre todas as cousas. Ah, e por suposto, prepararse para morrer ao cabo de trece anos.

Neses nenos que poderán herdar os titáns, como fixeron Reiner, Bertolt e Annie antes de que comezase a serie, atopamos dúas maneiras diferentes de abordar a situación mediante dous dos nosos novos protagonistas: Gabi e Falco. Gabi é egocéntrica, pero tamén nobre, e busca converterse en Titán unha saída a ese mundo de pobreza que coñece, sen pensar nas consecuencias que traerá á súa vida este feito. Falco é quen medita por Gabi estas cuestións, querendo herdar o Titán que parece que vai gañar Gabi para que esta poida ter a longa vida que lle sería privada en caso de herdalo, sen preocuparse por gloria algunha. En parte, esa visión máis a longo prazo de Falco vén dada pola influencia que teñen sobre el Reiner e ese veterano chamado Kruger que vai visitar ás veces ao hospital.

A meirande parte deste episodio está centrada en afondar nesta dualidade. Veremos a Falco gañarlle unha carreira a Gabi, a ambos discutir por quen herdará o Titán, e en xeral aos nenos en diferentes situacións tanto tensas como humorísticas que nos axudarán a comprender mellor a súa posición social: Serán camareiros nunha festa para os líderes de todas as nacións coñecidas, onde a pesar do seu traballo duro serán vítimas unha vez máis do rexeitamento que hai cara os eldianos; e tamén os veremos ilusionarse e desfrutar da primeira festa á que van na súa vida, comendo xeado e pizza nas mesmas rúas nas que viven habitualmente e que acostuman a ser grises e tristes.

Ambas situacións veñen desencadeadas pola presencia de novos personaxes na serie. Coñeceremos agora á Familia Tybur, a nobreza eldiana que racha con todo o esquema anterior. En contraposición a como vemos que se trata a Gabi, Reiner ou Falco, veremos nos Tybur a xente de clase alta, sen brazaletes que sinalen a súa sangue demoníaca, e cunha cara visible, Willy, que resultará ser o líder na sombra da gloriosa Marley. Con escasos minutos de diferencia, veremos como aqueles líderes mundiais que rexeitaban aos nenos eldianos aplauden sen pensalo dúas veces as palabras de Willy Tybur sobre prosperidade e arte pois, se hai cartos, a proveniencia non importa.

Con tanta festa, é sinxelo para os nenos esquecer que a situación que están a vivir é, como moito, unha calma ao curto prazo. O episodio levaranos dun sorriso de plena calma de Gabi directamente aos créditos, deixándonos tamén unha sensación de felicidade. Con todo, ao rematar estes, veremos unha situación que mostra claramente que calquera tranquilidade mostrada era unha pausa ilusoria: Falco levará a Reiner ata o señor Kruger, a quen Reiner identificará en menos de dous segundos como Eren. Desprovistos de ilusións, eses ollos azuis eldianos por fin semellan preparados para desvelar os seus plans. Aquel sorriso de Gabi ía compañado de palabras sobre sensacións de cambios, mais todo semella indicar que estes non irán sempre acompañados de alegrías.

A situación está chegando a un punto de non retorno, e as cartas xa están todas sobre a mesa. De maneira sutil, o cuarto episodio da última tempada de Ataque aos Titáns convértese no punto de saída para que a historia avance. Rematou a calma, e chega a tormenta.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.