Ataque aos Titáns 4×10: Sorrisos dun pasado mellor

Os calendarios fixeron que hoxe coincidisen no universo San Valentín e Ataque aos Titáns. Por unha banda, iso significa que o espazo dos memes en internet hoxe estaría dobremente ocupado, tendo que atender a Sam Va Lentín e aos moitos outros que aparecen cada domingo en redes sociais para celebrar esa histeria colectiva na que se converteron xa os Titáns. E entre frodos bolseiros, sams, esquíos e sasageyos, ao mesmo tempo hoxe tocou un episodio de amor. Máis ou menos.

Continuando o flashback que comezou no episodio anterior, seguimos ampliando o contexto que nos levou ata o presente. Se ben aínda queda por saber cal é ese plan segredo de Zeke, e por que Eren decidiu colaborar con el a pesares de poñer en risco a todos os seus amigos, outras cousas comezan a quedar xa, por fin, máis claras.

As dúbidas ao redor do concepto nación son un dos detalles máis interesantes do episodio. Algo que para nós é un termo asumido, e que somos capaces de asociar tan rápido como o escoitamos, para os nosos protagonistas —e non tan protagonistas— é un concepto descoñecido. A apertura a ese xigantesco mundo supón que as negociacións co exterior sexan agora un feito, e as motivacións —económicas, maioritariamente— semellan confusas e decepcionantes.

Cando todo isto comezaba, a idea que estaba na cabeza de todos os personaxes era a mesma: a supervivencia da humanidade. A situación cambiou. A humanidade é máis ampla, complicada e diferente do que pensaban. Se hai un inimigo común, ese non é outro que os demoños de Paradise que loitaban por saír dos muros, con descoñecemento total do que había máis alá do que coñecían. Como se cambia esta situación? Cales deberían ser os pasos a seguir?  

En relación a estes malabares políticos, quen cobra hoxe un pouco de protagonismo, de novo, é Historia. De nova, a raíña de Paradise era pouco máis dun ser de luz, capaz de sorrir e facer sorrir en calquera momento, sendo isto un dos motivos cos que conquistou a Ymir. Por moi tensa que fose a situación, Historia sempre estaba aí para iluminar o noso camiño. E, hoxe, por uns segundos, tamén pasa: Eren sorrí hoxe ante as súas palabras buscando a complicidade de Mikasa, quen, parece, tamén ten nas súas costas unha herdanza da realeza.

Ese sorriso de Eren ten máis detrás. Mostra o diferente que era nestes momentos a como era agora. E, se ben aínda non sabemos que o levou a ese cambio drástico, as diferenzas dese Eren co que temos agora vense ao longo do episodio de hoxe. Se ben as súas motivacións semellan ser similares ás de sempre, custa crer que o rapaz de cara seria que colle polo pescozo a Hange sexa o mesmo que, un par de anos antes, se ruborizaba e facía ruborizar a todos os seus amigos ante a idea de que quería que estes vivisen unha longa vida e feliz.

O peso deste episodio recae na súa totalidade nesa escena, pois supón un pequeno punto de inflexión na personalidade de todas as personaxes. Por unha banda, mostra unha apertura sentimental de Eren ante todos os seus amigos, deixando de ser ese parvo reservado que disparaba antes de preguntar. Os feitos son acompañados por palabras. Por outra banda, conecta coa escena posterior, onde xa no presente, por primeira vez, algún personaxe comeza a pensar que Eren podería ser, ao fin e ao cabo, un novo inimigo.

E é que o camiño que lles fixo escoller Eren non foi unha escolla libre, senón unha situación na que se viron metidos de cheo. O feito é que, con ou sen eles, Eren sementaría o caos no mundo e poría á illa amurallada no punto de mira do mundo. E, ante o risco de perder a súa mellor opción de supervivencia, non quedou máis remedio que colaborar. Sumando mortes de inocentes ás súas costas. Perdendo compañeiros polo camiño.

E, amigo ou non, as consecuencias dos actos de Eren teñen pequenas ramificacións xa. Se ben os seus amigos teñen dúbidas, outros como Folch semellaron en episodios anteriores ser acríticos ante el, falando da creación dun Imperio Eldiano con Eren á cabeza, coa violencia como principal motivación e maneira de sometemento do resto do mundo. Outros, como Yelena, só pensan en conectar a Eren con Zeke, a quen o ven coma unha deidade. Con todo, aínda non coñecemos as reaccións que as accións de Eren teñen na sociedade eldiana. E tampouco podemos poñer a man no lume para saber que está a pensar de verdade. O caldo de cultivo creado xa ten unhas dimensións considerables.

Con todo, as faltas de sorrisos tamén mostran unha verdade. Á seriedade de personaxes como Connie, Jean, Armin ou Mikasa no presente engádeselle unha menos tensa. Máis triste, á vez que cansa. Coma se contaxiase agora o contrario que antes, as nosas visións dunha Historia embarazada son un dos puntos máis confusos do episodio. Unha confusión que crece grazas á nosa capacidade como espectadores: mentres nos contan unha historia de amor pura e honesta, as nosas visións de Historia mostran todo o contrario. Historia, triste, amósase pasiva. Ida. Coma se asumise que crear este conto de fadas e quedar embarazada é parte dun plan maior no que non ten capacidade de decisión.

O episodio dez de Ataque aos Titáns pode verse como un episodio de transición. Coas guerras en pausa, continuamos nesa pequena aventura consistente en saber máis das motivacións de Eren. Os sorrisos do pasado continúan facéndose eco nun presente escuro do que saír ben parados semella un auténtico reto.  

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.