‘Babyteeth’: Namorar de Cecilio G

O filme de Shannon Murphy actualiza o xenero de amor adolescente á xeración Z.

Que é o amor? Esa é unha pregunta tan grande que aínda se segue teorizando sobre ela. Por suposto, o cine non é un caso aparte. Din que o primeiro amor pode con todo, aínda que é máis probable que o primeiro amor poida contigo. O século XXI é o dos amores de Instagram, eses que claman por fóra mais agochan asuntos con menos luces. E nesa reflexión parece estar concibida Babyteeth a nivel formal.

A historia que conta o filme da australiana Shannon Murphy é ben coñecida para todos os espectadores. Unha rapaza inocente que non atopa lugar do mundo coñece a un rapaz cun perfil rebelde. O que puideron ser filmes tan manidos como Grease pode observase salvando as distancias en Babyteeth, o que pasa é que ese tropo nesta ocasión trasládase á actualidade.

As chaquetas de coiro xa non se levan, agora o que mola son as tatuaxes na cara. Cantas rapazas e rapaces estarán mentres escribo estas liñas namoradas de alguén como Kaydy Kain, Pimp Flaco ou Cecilio G? Moreas. E isto é o que representa este filme, un amor da xeración Z (e non a de Son Goku).

SENTIMENTOS

O mellor que se pode dicir do filme é a absoluta sensibilidade coa que recolle o mundo Shannon Murphy. Haberá quen diga que o filme ten un ton de melodrama televisivo pero eu creo que nunca chega a excederse no seu tratamento do sentimentos. Os adolescentes senten con máis intensidade e o amor no ollo alleo sempre resulta demasiado forte, incluso semella paródico.

As secuencias están separadas graficamente a través de titulación e lembra, en certa medida, a unha narrativa a través de stories de Instagram. Ademais, a nivel interno posúen unha estrutura moi semellante á da rede social. Sempre se parte dunha situación idílica dentro da narrativa dese momento e adoita tornarse moi forte a nivel dramático, ás veces incluso excesivo. Isto acompaña a temática de todo o filme, onde as aparencias enganan para ben e para mal. Semellar estar ben, non ten por que implicar que sexa certo. E esta é unha máxima que se leva ata as últimas consecuencias.

DEFECTOS

Se ben isto pode chegar a cansar nalgún punto, os maiores defectos de Babyteeth son unhas decisións cuestionables de iluminación e un guión demasiado conveniente en segundo que situacións que fai que o gran traballo de construción de personaxes se vexa limitado por un halo de artificialidade.

Babyteeth é como namorar de Cecilio G, non sabes o que agardar. Nalgúns puntos seguro que decepcionará pero renovará accións vividas mil veces cunha forma de proceder singular. Coma os dentes de leite, hai cousas que é suficiente vivir nunha ocasión para lembralas un longo tempo. Coma o primeiro amor, o seu declive e a súa morte.

Director: Shannon Murphy
Guión: Rita Kalnejais
Música: Amanda Brown
Fotografía: Andrew Commis
Ano: 2019
País: Australia
3.5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.